Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dende a Marronda: A fala das Campás (II)

jueves, 05 de marzo de 2009
Pero o gran protagonismo da campá estivo e mesmo continúa, en certos ambientes, na chamada á solidariedade. O toque de ánimas instaba aos veciños “a que supliquen a Dios sea seruido de sacar aquellas ánimas fieles de las penas del Purgatorio y de llevarlas a su sancta gloria”, afirman varios sínodos. Se este toque se acompañaba do rezo dunha oración eran concedidos corenta días de indulxencia. Cando se sacaba unha ánima do purgatorio en virtude da bula da Santa Cruzada, o sínodo de Valencia ordenaba que se desen sete toques adicionais para coñecemento de todos.

Especialmente en Galicia e Estramadura a lembranza diaria da campá era complementada coa actuación dunha persoa devota que percorría as rúas tocando unha campaíña pregando oracións polas ánimas. Na Alberca (Salamanca), ata hai ben pouco tempo, aínda saía unha muller devota ao anoitecer dando tres toques en cada esquina cunha campaíña pregoando.” Acórdemonos de la muerte y las benditas ánimas del purgatorio” . Na provincia de Lugo, con lixeiras variantes, a chamada á oración que se facía contra noite, desenvolvíase tal como nola conta na súa comunicación Pepe Val, cura de Vilar de Ortelle (Ferreira de Pantón): “A xente cando oía os toques de oración, os homes quitaban a pucha e dicían: alabado sea Dios-ánimas del cielo, plantaban o traballo e rezaban o angelus e o Pai Noso polas ánimas benditas. O toque era sempre na campá grande alternando tres badaladas e unha parada e logo unha carreira de 40 campanadas recordando os 40 días de Xesús no deserto”.

Releixar: o son da morte solidario e protector (Releixar ou arreleixar, tocar a defunto, con este significado emprégase este verbo en terras de Baleira e limítrofes).

A campá, ademais de recordar as ánimas que penaban no purgatorio, marcaba todo o proceso da morte, de cada morte concreta, desde a agonía aos funerais e ao mesmo enterro.

A visita do médico, moitas veces, producíase cando o enfermo estaba tan grave que xa pouco se podía facer, entón aconsellaba aos familiares que avisasen o cura para “despachalo” e levarlle o viático, acontecemento que se comunicaba mediante un toque especial, “picar a sacramentos”. Este sinal non soamente servía para practicar a solidariedade co irmán sumido en extrema necesidade, senón que tamén cumpría a función de espantar os malos espíritos”. Cierta señal con la campana... para ahuyentar los diablos que no están menos assobrunados sobre el cuerpo del agonista que enxambre sobre colmena”, di Alejo Venegas no seu libro “Agonía del Tránsito de la muerte”, Toledo 1553.

Esta mesma campá que soara polo agonizante volve a facelo cando este xa finara para retirar “los demonios que por los aires quedaron y recordar las necesidades de sufragios que tenían las ánimas del purgatorio” (A. de la Natividad, 1616).

A mecánica deste rito era moi semellante en toda Galicia e mesmo en toda España: tres toques que podían simbolizar como propoñía García de Bayona (1633) “la memoria de los tres tiempos passado, presente y venidero, quan velozmente buelan”.

Xeralmente diferenciábase co número de badaladas se se trataba de home, muller ou un neno (un “angelito”) menor de sete anos, que era cando se lle atribuía o uso de razón.

Co paso do tempo o uso da campá dexenerou e converteuse en pompa ata tal punto que as Sinodais intentan pór freo e limitar a tres os toques ou clamores polos defuntos. O primeiro para avisar da morte, dando catro golpes de dobre, se o morto era relixioso, tres se era home, dous, muller e un se se trataba dun neno. O segundo clamor anunciaba que a comitiva se dirixía á igrexa, e o terceiro cando se estaba rezando o responso sobre a sepultura. No século XVII tendeuse a ampliar a catro os clamores, pero, en todo caso, nunca ningún destes clamores debía durar máis de 15 minutos ou todos xuntos máis de media hora. Sen embargo cada zona introduciu as súas peculiaridades.

A todo isto había excepcións que indicaban a categoría do funeral elixido polo testador. Se se trataba dun clérigo, cabaleiro, mestre ou doutor da universidade de Salamanca, podían tocar por el todas as campás das igrexas por onde pasaba. Hai un manuscrito do século XVII que describe polo miúdo os toques que correspondían en cada caso. Mesmo en outubro de 1646 morre o príncipe Baltasar Carlos, o vigairo manda que en todas as igrexas e conventos durante nove días e nas mesmas horas nas que se tocase na catedral deran os clamores de rigor: cada día de seis a sete da mañá, de doce a unha do mediodía e de oito a nove da noite. Todo estaba envolto polo son da morte, mostra dunha solidariedade máis imposta que solicitada.

Coñecemos moitas normas e detalles sobre usos e costumes, pero descoñecemos as sensacións e sentimentos que os homes e as mulleres do campo e da cidade experimentaban co son da campá que os acompañaba no día a día das súas vidas e que eles sabían interpretar, mesmo ás veces, con humor.

O gran patriarca galego, don Ramón Otero Pedrayo, que tan ben soubo ler o corazón de Galicia, recolle un dito e unha interpretación dos vellos acerca do falar das campás ourensás que transcribe en forma de diálogo:
Unha campá di: ¡En Vilela morreu unha vella, en Vilela morreu unha vella, en Vilela morreu unha vella!, pregunta, curiosa, outra da catedral: ¿E que deixou, e que deixou, e que deixou? Outra responde :¡Unha manta e un cobertor, unha manta e un cobertor, unha manta e un cobertor! Logo inquire outra máis fina: ¿Como os han partir, como os han partir, como os han partir? ¡Ó longo... ó longo... ó longo!, sentencia espaciadamente coa voz grave e solemne dos bispos e dos cóengos a campá grande da catedral.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES