Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un parque de bombeiros para Vilalba

jueves, 15 de enero de 2009
Hai case catro anos que se anunciou a construcción dun parque de bombeiros en Vilalba. Foi o primeiro de febreiro de 2005, cando aínda na Xunta gobernaba o Partido Popular. Por fin agora parece vai ser posible, e con el os de Chantada, Sarria e Viveiro.

O parque vai ser construido nunha parcela propiedade do Concello, situada perto da entrada do Polígono industrial, correndo os custos da construcción no seu cincuenta por cento a cargo da Xunta, o trinta por cento a cargo da Deputación, e o vinte por cento por parte dos Concellos, xa que ademáis de Vilalba o parque atenderá preferentemente ós concellos de Abadín, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Xermade.

O tema ten a súa importancia porque pode xurdir un incendio nun lugar atendible que requira intervención urxente, e non será cousa de poñerse a razoar se hai que intervir ou non por razón de distribución xeográfica.

Hai unhas semanas planteouse un problema así en Lugo cun incendio que non foi atendido a menos de corenta kilómetros de distancia. A razón de non ser atendido polos bombeiros lucenses foi que no caso de desplazarse ata o lugar afectado quedaría a cidade desatendida co que podería orixinarse un problema maior do que se pretendía solucionar.

Porque os bombeiros lucenses son só capitalinos, e financiados polo Concello de Lugo. Todas as intervencións que fagan fóra do territorio do concello requiren autorización expresa do Alcalde de Lugo, e sempre que non poñan en perigo o servizo na capital.

Eu lembro en Vilalba dous incendios que fixeron época, hai cincuenta anos máis ou menos: O da tenda da Barrosa, que estaba situada –calexón por medio- ó lado do Hotel Chao, e o dunha tenda de calzado fronte á casa de Anxel Rego, case ó lado do edificio onde está Radio Popular. Porque eu fose pequeño, polo desusado dun incendio en Vilalba, polo aparatoso das chamas, aqueles lumes deixáronme marcado e cun medo ó lume nunca dominado. Por eso paréceme perfecto que Vilalba vaia ter un parque de bombeiros, con dotacións profesionais capaces de loitar co lume e vencelo.

Que a cousa vai en serio demóstrao unha nota que me mandou hai días a Consellería de Presidencia da Xunta, na que se anunciaba a contratación das obras dese noso parque, para o que a Xunta destina 680.000 €, prevéndose que os traballos de construcción da infraestructura vai ser de dez meses.

En fin, que o proceso está en marcha, e tarde un ano ou ano e medio, o certo é que imos ter parque de bombeiros para atender calquera emerxencia, e non só relacionada co lume. A verdade é que non se comproba para que serven ata o momento en que fan falta. E o mellor sería que só servisen para saber que están aí, para dar tranquilidade.

Non temos os galegos cultura de apagar lume. Se atendemos ó que pasou no último medio século nos nosos montes, case poderíamos dicir que a temos do contrario.

Poderiamos tomar como exemplo Portugal, que o pobo máis pequeno ten o seu parque de bombeiros voluntarios. Non é cousa de cambiarnos da noite para a mañá, pero sí de ter axeitados servizos nunha provincia coma esta, na que aínda existen distancias e nas que a aparición dun lume pode ser un simple susto ou unha traxedia.

Ter un parque de bombeiros en Vilalba permitirá vivir algo máis tranquilos, mesmo ós que non vivimos en Vilalba. Póñome no lugar dos vilalbeses residentes e, cando empece a funcionar, eu faría unha festa.

Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES