Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A feira do capón de Vilalba

lunes, 29 de diciembre de 2008
A feira do capn de Vilalba Acudín á feira do capón de Vilalba do vinteun de decembro pasado, con afán etnográfico para de novo empaparme do ambiente reinante na miña Vilalba con este motivo. Facía vintedous anos que non viña a esta feira. Foi en decembro de 1986, e daquela aínda se celebraba no polideportivo dos Castros, e lémbroo ben porque aquel ano confeccionamos un video titulado “O capón de Vilalba”, onde contábamos como era a feira, como eran os capóns, como se criaban e como se sacrificaban.

Cambiaron bastantes cousas desde entón, empezando polo mesmo día de celebración, xa que daquela era o día 19 e agora o 21. A razón que se dá é plenamente práctica, xa que antes os transportes eran máis lentos e facía falla máis tempo para que o capón chegase a calquera punto de España, mentras que agora cos transportes vintecatro horas están antes da Noiteboa en calquera punto de Europa. De feito, na mesma feira, no subterráneo inmediato, estaban os de Ramallal que agora como transporte urxente se chaman Nacex facturando sobre a marcha ducias de capós.

O meu fillo e máis eu chegamos algo máis cedo de que se abrise a feira, cun frío competende de menos dous graos, e non moita xente. De feito, cando se abriu a carpa, entramos a cachón pero entramos deseguida e había máis capóns que visitantes. O proceso foise invertindo e a medida que os capóns ía saíndo do mercado ía chegando máis xente, de xeito que pasadas as once quedaban pouquísimos capóns e non se andaba coa multitude.

Ó comezo, un par de caras coñecidas, ou sexa que a maioría eran de fóra de Vilalba. Logo -non madrugamos moito- todo eran caras coñecidas que visitaban a feira coa curiosidade do forasteiro.

Non había tantos capóns como se pensaba, o cal quere dicir que moitos venderon sen ir á feira, polo que o concello tería que pensar en algún mecanismo obrigatorio para que todos pasasen pola feira aínda que xa tiveran vendida a mercancía. De feito, cando a feira se abriu, unhas cantas mesas cos nomes dos criadores ben visibles quedaron valeiras como proba de que non estaban todos os que son.

A min paréceme moi ben o despliegue de medios que o concello puxo a disposición da feira, o gasto en publicidade, a carpa, os grupos folclóricos, a charanga e todo o demáis, pois o acontecemento vale a pena e desde fóra vese como un espectáculo á vez que un negocio, e o tema do capón de Vilalba é moito máis xa que o dun manxar do Nadal, e para Vilalba é carta de presentación por todo Galicia e boa parte de España.

Ó mellor, ademáis de esixir que todos os que quixeran que recoñecesen os seus capóns como capóns de Vilalba pasasen pola feira, habería que apretar as tuercas a todos os participantes para que o nivel de todos os exemplares presentes fose óptimo, xa que algúns dos participantes na feira reunirán os requisitos esixidos pero tiñan pobre presenza, manchas, e pequena envergadura. Ninguén é perfecto, pero algún capón pasou a proba por pouco.

Na feira estaba o avogado vilalbés Domingo Goás Chao, Presidente da Confraría do Capón de Vilalba, que mercou vintenove pares para as degustacións do capón que vai ofrecer en diversas cidades de Galicia, na capital de España, en varias embaixadas e no Vaticano. Desta, o capón vilalbés, será recoñecido internacionalmente, e a verdade é que non se nos ocorre millor maneira de establecer relacións “diplomáticas” co exterior que degustando un capón vilalbés aínda que sexa fóra do tempo do Nadal.

Manuel María afirmaba que na feira do capón o frío era sempre competente. Nesta ocasión tamén. Que llo digan ó bar Alameda, que queda enfronte mesmo da carpa feiral, que rexistrou uns fenomenais abarrotes de centos de frioleiros que acudimos alí na percura dun café ben quente.

Ó volver para Lugo, escoite pola radio que os capóns se cotizaran a cen euros por cabeza. Nalgúns casos é verdade. Eu vin vender algúns pola metade. Ou sexa, que a cifra era un pouco esaxerada, pero as esaxeracións cadran ben cando se trata de valorar as cousas que posuimos, e esto do capón vilalbés é posesión conxunta de todos nós.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES