Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dende a Marronda: O Arcebispo Angelo Amato e a Estadolatría

lunes, 29 de diciembre de 2008
Vén isto a conto pola afirmación deste arcebispo, prefecto da Congregación Pontificia para a as Causas dos Santos, antigo Santo Oficio, que di que “España está avanzando cara á Estadolatría, pola intromisión cada vez maior na vida das persoas”.

Estadolatría sería idolatría, é dicir, adoración que se dá aos ídolos ou un amor excesivo e vehemente a alguén ou a algo, neste caso sería render culto ou amar excesivamente ao Estado, o que levaría consigo unha divinización do Estado ou do Poder Civil. Se avanzamos algo máis, tal situación suporía ao mesmo tempo a eliminación de calquera sistema democrático, pois as divindades non funcionan democraticamente. Toda dictadura se converte nunha especie de Estadolatría, adoración do dictador e do Estado que el encarna. Abonda con recordar expresións como “Caudillo por la gracia de Díos”, case un deus vivente. A historia está chea de episodios deste estilo. O mesmo Papa se di “Vigairo de Cristo”, que fai as veces de Cristo, coma se Cristo fose un ausente.
Dende os faraóns que eran deuses, os emperadores romanos que chegaron a titularse “Señor e Deus”ata os poderes divinos dos reis absolutistas, Calquera poder tende a perpetuarse e, en consecuencia, a divinizarse. Se as afirmacións de Angelo Amato fosen neste sentido nada habería que obxectar, serían unha crítica axeitada a todos os poderes, incluído, o poder eclesiástico.

Pero o que o señor arcebispo cuestiona é a disputa do espazo de poder. Segundo el, o Estado invade territorios que non lle pertencen, algo sempre posible e non infrecuente. Unha cuestión previa a este debate sería fixar con claridade cáles son os lindeiros e as fronteiras dos diversos poderes ou mesmo se a Igrexa debe ser un poder. Na Igrexa medieval, o Papado tíñase polo poder supremo sobre a Terra, podía dispoñer de reinos e imperios, as famosas loitas das Investiduras, ou outorgar os novos territorios descubertos a un determinado monarca. Máis tarde loitou polo dereito en exclusiva de educar e ensinar ou de organizar a sociedade civil respecto ao matrimonio, por exemplo. A disputa polos espazos de poder é unha constante en toda a historia.

Unha reflexión que clarificase os distintos espazos sería sumamente conveniente para a convivencia na sociedade actual. Unha cousa son as crenzas e as ideoloxías sempre respectables na medida en que respecten os dereitos e a dignidade da persoa, pero que non se poden impoñer a toda a sociedade, e outra cousa, son as normas que calquera Estado dicta para o desenvolvemento civil e humano, é dicir, o Estado non lexisla para crentes ou non crentes, lexisla para cidadáns.

Como consecuencia de todo isto, o Goberno do Estado poderá establecer un calendario laboral fixando qué días son laborables ou non, poderá deseñar un currículo básico para todos os centros educativos. En ningún caso parece que o Estado deba soster ou primar as diversas opcións relixiosas, os seus centros relixiosos.

Ningunha confesión relixiosa, incluída a católica, ten status de superestado, as leis democraticamente aprobados no Parlamento da nación son de obrigado cumprimento para todos. Non se trata de contrapoñer os conceptos relixioso/laico, pois, en primeiro lugar, todos son cidadáns, por iso nun Estado laico caben en pé de igualdade todas as opcións relixiosas e políticas que respecten as leis que os mesmos cidadáns se deron, é dicir, a Constitución.

Por todo iso resulta, cando menos sorprendente, que o cardeal Cañizares fale Cristofobia concentrando o seu xuízo en dous feitos; sentenza que ordena a retirada do crucifixo do Colexio Público Macías Picabea de Valladolid e o rexeitamento da placa da Madre Maravillas no Congreso dos deputados. Sinceramente creo que o señor Cañizares está un tanto descolocado, esquece que estamos nun Estado laico e aconfesional. Non hai nada contra Cristo, persoa que para moitos de nós é irresistiblemente atraente, ese Xesús preocupado pola saúde, pola alimentación, pola alteridade e polas relacións humanas dentro do respecto e da aceptación das diferencias da xente: pobres, estranxeiros, mulleres e samaritanos, sempre moi cerca de Xesús. Seguramente a Madre Marvillas compartía esta idea de Xesús, sen embargo, a súa canonización tamén se presta á lectura dun revisionismo do Concilio Vaticano II, que tanto ela coma as súas monxas mantiveron respecto ao mesmo, converténdose nun reducto reaccionario e integrista, de acordo coa liña introducida no Pontificado de Xoán Paulo II.

En España, na actualidade, non hai ningún tipo de persecución relixiosa, máis ben asimetría favorable respecto á Igrexa católica tal como o acreditan o financiamento da mesma por medio do IRPF, dos profesores de Relixión, os capeláns castrenses, etc... Máis ben ao contrario, son os bispos os máis belixerantes: manifestacións, obxección á educación para a Cidadanía, censura do mesmo Papa Xoán Paulo II do Plan Hidrolóxico Nacional, o “queremos saber” dalgúns bispos sobre o 11 M, a COPE, Memoria Histórica, sempre moi pegados ao PP e á Dereita máis conservadora.

Non estaría de sobra que a Xerarquía eclesiástica fixera un pequeno exame de
conciencia, autoanálise e autocrítica, posiblemente non se encontraría tan limpa e inocente coma se cre. Non lle queremos mal, querémoslle ben, pero que sexa doutra maneira, o máis evanxélica posible. Mellor nos iría a todos.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES