Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coral Polifónica de Foz: Vodas de Prata

martes, 18 de noviembre de 2008
“Pobo meu; pois que cantas
¡érguete i-anda!”



Tense por certo que a música e a poesía son as mais sublimes formas de expresión dos sentimentos humanos; a relación entre ambas é tan íntima que a segunda se representa por unha lira, que é instrumento musical, e dise tamén, universalmente aceptado, que a voz humana é o medio armónico por excelencia para a interpretación das dúas formas estéticas. De ningún outro xeito o individuo pode transmitir de maneira mais persoal, mais íntima e mais expresiva, nin con maior sentimento, a mensaxe envolvida na beleza que encerra a obra poético-musical dos seus autores.

A música traza imaxes ideais; é compañeira na ledicia e bálsamo na dor. O canto grupal é unha das expresións xenuinas da alma dun pobo; é un dos ámbitos onde se posibilita a participación expresiva e creativa. Pitágoras afirmaba que a armonía da música templa e amansa os estados de ánimo, ou sexa, que ten influencia sobre os afectos.

O coro é un instrumento colectivo; unha forma de identificación comunitaria…
Esta breve divagación ven a conto porque queremos glosar un feito histórico no “currículum” do noso pobo, que ten que ver cos conceptos que deixamos expresados: efectivamente hai vintecinco anos en Foz, sen apenas antecedentes na cultura do canto coral, producíase o achegamento ó mesmo, en base a un existente coro parroquial que foi o xerme da magnífica Coral Polifónica, que hoxe nos honra, da que gozosamente celebramos as Vodas de Prata.

O primeiro escollo a salvar para acadar o obxetivo era atopar un director; para eso contactouse co ribadense Antonio López García, vello amigo, músico de variados rexistros: instrumentista, director coral, compositor… quen aceptou a responsabilidade de levar a bó porto a nave artística. Chegadas pois estas horas de celebración é obrigado, por xusto, ter unha lembranza especial para él. Antonio entregouse con un desbordante entusiasmo ó seu labor e botou sobre os seus hombreiros todo o traballo, non sempre grato nin doado, de lograr uns resultados positivos con unha xente que, se tiñan dotes e desexos de progresar, faltábanlles, en xeral, un elemental coñecemento da arte musical e interpretativa.

Antonio gastou moitas horas do seu lecer e da vida familiar entregado ó traballo, só xustificado polo profundo amor á música e á súa vontade de transmitir ós demais as cadencias que emanan da interpretación musical. A familia e a música encheron a súa vida.

Pero mais alá do seu labor como director, queremos valorar nestes intres outras facetas da súa personalidade, que para nós son mais transcendentes, polo que teñen de expresión da súa humanidade, e nese sentido recoñecer nel a un home de paz, respetuoso con todos, tolerante ata o límite, mesmo agarimoso; é decir, un bó home.
Antonio López García foi o director da Coral ata que a enfermidade fixo presa nel, e aínda despois de declarada ésta, a paixón pola música e a vontade fixeron que permañecese ó fronte do colectivo. Finalmente tivo que desistir para, un tempo despois da homenaxe que lle ofreceran os compañeiros do mesmo, deixarnos. Da súa singladura vital quédanos ós amigos o ronsel da súa bonomía e ós focegos unha fermosa canción: a habanera “Es Foz”.

A continuidade no timón estaba garantida na persoa de Carmen Alonso Lanza, que xa viña realizando traballos de dirección. Ela, muller de ampla bagaxe cultural, amante e coñecedora da música e doutras artes, activa, dinámica, de acusada personalidade, está levando á agrupación ás mais altas cotas artísticas de súa historia. Desexamos que por moitos anos siga ese camiño ascendente.

Nesta humilde loa non podemos esquecer a aquelas persoas que ó longo destes anos participaron na empresa: a cantas foron e son os seus compoñentes, nunha entrega que se ben é pracenteira é tamén sacrificada, e que ás veces, para superar debilidades humanas, demandan a correspondente dose de solidaridade, de comprensión, de tolerancia e de respecto e consideración mútuas. A convivencia armónica esixe renuncias e nelas se fragua o sentimento da amizade. Noraboa a todos.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES