Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As mulleres teñen mil mans

viernes, 10 de octubre de 2008
Dicía Albert Camus que a muller é todo o que podemos coñecer do paraíso. Pero aquí, na terra, millóns de mulleres aprenderon a sobrevivir nos arrabaldes do inferno.
Hai políticas canallas, hai economías canallas, hai relixións canallas especializadas en petar unha e outra vez no lombo dos desfavorecidos. Das máis desfavorecidas. Doutra maneira non se pode entender tanto asañamento coas mulleres. A súa falta de dereitos en boa parte do mapa. O silencio pavoroso ó que son condenadas. A submisión absoluta ó macho é o machismo máis brutal. A invisibilidade imposta que lles oculta o rostro, que lles borra os ollos. A propiedade masculina do corpo que reduce as formas femininas a mero obxecto de desexo. A ablación. As violacións masivas. A violencia. A SIDA.
Estamos a falar da metade da humanidade: máis de tres mil millóns de seres humanos onde só a inmensa minoría que vive nos países ricos conquistou o dereito a camiñar
pola vida da man da dignidade humana.
Toda esa dignidade está recollida na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, o momento cumio do século pasado. Cómpre recordalo agora cando se empeza a renegar da ONU, esa inmensa e necesaria institución que comezaba dicindo: “Nós, os pobos todos da terra...” E que idiotas ben pagados queren erosionar e substituír por “nós, os países máis poderosos do mundo…”
Pouco lles importa a estes o escándalo da pobreza, os asasinatos da fame. Ou que a metade feminina do mapa sexa ocultada polos burkas que non son só afganos, ignorada polos poderes económicos, políticos e relixiosos, machucada polas agresións sexuais, a violencia das guerras dos ricos nos países pobres, as enfermidades.
Unha pena e un despilfarro, porque a muller, a que vive nos recunchos duros do planeta, ten mil mans e todas son necesarias.
Teñen unha man que terma da casa onde son posibles as rutinas imprescindibles da vida.
Teñen unha man para o traballo duro que arrinca a fariña e o leite da terra.
Teñen unha man para a caricia morna e para a quentura do sexo.
Teñen unha man para devolver a cotío a dignidade á roupa
Teñen unha man para atopar e transportar ese milagre que aquí desprezamos, a auga.
Teñen unha man para xuntarse e crear comunidade e resolver problemas xuntas, que iso e unicamente iso é a política.
Teñen unha man para manter o lume da cociña que é o corazón quente da casa.
Teñen unha man para o gando compañeiro, para os animais veciños que dan todo a cambio de nada.
Teñen unha man para multiplicar os cartiños que lles chegan, inverténdoos onde son máis necesarios.
Teñen unha man para aliviar as mil enfermidades que medran alí onde non chegan os médicos.
Teñen unha man para termar dos medos dos nenos que a penas teñen un fío de futuro.
Teñen unha man para ensinar o que hai tempo esqueceron os que saben: as cousiñas pequenas, as máis necesarias.
Teñen unha man para sumar e restar na facenda da casa con máis éxito que calquera máster en economía.
Teñen unha man para termar da vida que lles medra dentro, que lles consume o leite escaso.
Teñen unha man para acompañar cunha inmensa tenrura ós máis vellos ata os bordos mesmos da morte.
Teñen unha man para acubillar con nanas os soños dos nenos que non teñen soños.
Teñen unha man para construír a rede de veciñanza alí onde nunca existiu o paraugas do estado, onde racharon co paraugas do estado.
Teñen unha man e aínda faltan novecentas oitenta e tres. Son mans invisibles que moven a cotío o mundo.
Son mulleres. Son a metade do planeta, aínda que os amos da terra tentan borrar o lado feminino do mapa. Elas son o motor do presente e inventarán o futuro se é que aínda estamos a tempo. Son mulleres e teñen mil mans.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES