Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Foz: O Curbeiro

lunes, 14 de julio de 2008
Un dos lugares da nosa xeografía vilega, en tempos mais enigmático, foi O Curbeiro. Nós coidamos que o topónimo correcto debería de ser, acaso, corveiro ou corvoeiro porque posiblemente o vocábulo derive de corvo.

Localizada ao final da explanada do porto, antes da construcción déste e o recheo da ría a que deu lugar, era un punto distante e inhóspito, idóneo para que os rapaces de vez en cando acudíramos a él para “facer a escola”.

Profundo acantilado sobre a marisma, recuberto de abondosa e tupida vexetación, alí acudían, e nel aniñaban, aves de rapiña, córvidos e outras especies mais ben sinistras, según as léndas e as crenzas populares. Nos días de treboada zoaba o vento nos eucaliptos, que se bandeaban ostensiblemente, emitindo uns tañidos lúgubres que acrecentaban a sensación fantasmagórica do entorno.

Estas circunstancias propiciaron que alá polo inverno de 1952, a poboación vivise xornadas de desacougo, ante un feito misterioso ó que non se atopaba explicación racional.

Sucedía que, entre lusco e fusco, daquel lugar recóndito, apenas frecuentado polas xentes, saían uns laios, profundos e intermitentes, audibles a longa distancia, que ninguén identificaba. A preocupación ante feito tan insólito, do que non se coñecía precedente, foi tal que ó anoitecer formábanse auténticas peregrinacións ata as súas proximidades, e barruntábanse as mais dispares suposicións sobre a oscura procedencia de tales sons.

E así Chao, o vello mariñeiro, sentenciou:
- Trátase, nin mais nin menos, que dunha culebra tan grande como a miña "Sevilla" (ese era o nome da súa lancha), e as voces máis finas e agudas que se escoitan son as das crías....

Outras opinións semellantes circulaban polos numerosos corriños que se formaban nos arredores do lugar, e aínda houbo quen quixo interpretar o sucedido como un aviso do alén. Según a súa versión, tratábase dos espíritos de don Eliseo Martínez e da muller, dona Pilar (a parella de grandes benfeitores do pobo) que, purgando as súas penas na antesala do paraíso, pedían que se lles aplicasen misas para gañar, dunha vez, o descanso eterno. Esta explicación víase reforzada pola divulgación que dela se facía a través daquela emisora construída por Leopoldo Carro, “do retratista”, que emitía dende a súa casa e que era todo un alarde de imaxinación e de sentido do humor.

Nestas consideracións se estaba cando tres mozos: Milito, José Ramón de Cheíño e Paco de Marica, ármanse de valor e atando pola cintura a unha corda a un deles, realizan a arriscada operación de deslizarse polo cantil da costa, no punto mais alto e pronunciado, coñecido por “A Soalta”, entre as hedras e a maleza que xenerosamente cubrían a parede, e deste xeito descúbrese ós autores do desasosego veciñal: un niño de curuxas, inofensivas e fermosas, que os arriscados descubridores se repartiron como botín da súa aventura.

Por mor das obras dos novos muelles, naqueles anos a que nos referimos (polos 40), a paraxe trocou a fisonomía. Deixou de ser o lugar desapacible e un tanto marxinal, para converterse nunha zona con claras posibilidades de expansión urbanística, como receptora de servicios para o lecer e benestar dos cidadáns.

E así nas súas proximidades se asentaron as instalacións do Club Kayac, o Parque Infantil de Tráfico, a Piscina Pública e fálase da posible ubicación do Auditorio, aínda que tamén neste mesmo entorno se instalou a cheirenta depuradora: son esas contradiccións que se dan por falta dunha elemental sensibilidade.
Deste xeito do vello Curbeiro (corveiro ou corvoeiro) da nosa infancia, non queda senon a lembranza nas xeracións xa caducas.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES