Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O río que vai en nós

viernes, 04 de julio de 2008
Esta fin de semana, celebraremos a Santa Isabel, bicados polo Miño, no seu remanso de Outeiro de Rei, e disfrutaremos con Manuel María, acubillados nos batuxos, que seguen a sulcar esa “canle de luz e néboa”. A nosa vida discorre reflectida nun río, que nos fai compañía na patria de cadaquén, sen traizoar endexamais a nosa amizade, agasallándonos coa frescura de cada tempo. Adoita ser aquel no que nos mergullábamos dende nenos, no tempo de verán, xogando co curso das súas augas. Non só os escritores se identificaron co río da súa infancia: o Sar de Rosalía, o Anllóns de Pondal, o Miño de Celso Emilio Ferreiro…, en todas e todos nós, hai un río ou regato que burbulla na nosa memoria. Aínda que ás veces, se alporizan, a súa compañía adoita ser doce, apacibre, coma o mellor amigo. E mirando aos seus ollos, recoñecémonos nós mesmos, coma unha parte da súa paisaxe. No seu lombo carga coa historia e as lendas que compartimos todas as criaturas, coma condensou dun xeito tan evocador, Roberto Rego, na súa curtametraxe sobre un filón da cultura oral do Eume, “O reflexo da lembranza”. Inxustamente, somos as humanas e os humanos, os que non lles somos fieis, e emporcallamos o seu leito coa nosa ignominia e contaminación, ou manipulámolo de tal xeito, que o sacamos dos seus alicerces, e rachamos a harmonía e a paz coa que nos acolle nestes baños estivais. A miúdo somos tan retortos, que lles facemos o conto, ou mellor dito a cama, eliminando a vida que deitan cada día, esa flora e fauna que alimentan as súas augas limpas. Eles refugan os nosos caprichos egoístas, de querer converter os seus sendeiros e beiras nunha alfombra cuadriculada.
Sentimos, outro ano, o seu agarimo nos primeiros baños... E no outono, volveremos a enriquecernos coa súa xenerosidade, cando recolla as follas das abidueiras e os ameneiros, sen ningunha prepotencia discriminatoria, só atendendo á chamada da natureza en cada estación. Para reforzar esta urdime afectiva co río ou regato de cadaquén, Adega e outros colectivos ecoloxistas, propoñen un xesto máis solidario con eles: adoptalos coma algo propio da nosa familia, ligando a eles a nosa saúde coma veciños e comunidade.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES