Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Romaría dos Milagros de Saavedra

miércoles, 11 de junio de 2008
Veño de pasar un fin de semana rodeado por milleiros de fieles que rivalizaban en venerar á Virxe dos Milagros de Saavedra na súa anual romaría, que se ben ten a súa festa o vintecatro de maio esta vese prolongada antes e despois, polos que se adiantan ou deixan para despois acudir á celebración.

Normalmente, os Milagros de Saavedra é un dos lugares máis tranquilos da comarca. O lugar está situado a medio camiño entre Vilalba e Lugo, concitando por igual a atracción dos habitantes das dúas poboacións e a de todo o contorno.

Eu de pequeno ía desde Vilalba, e despois desde Lugo, porque a devoción dos Milagros inculcouma miña nai desde que meu pai morreu perto daquel santuario cando eu tiña cinco anos. Quedoume, pois, devoción herdada primeiro, e sentida despois, e as repetidas visitas acabaron por afincarme na parroquia como segunda residencia.

Para os habitantes de Saavedra, a festa dos Milagros é unha ocasión especial, e a parroquia vólcase na celebración, cunha comisión de festas formada por rapaces que organizan festas por todo o alto, negocian cos comerciantes e ata pagan un aluguer polo campo da feira que ainda que pareza extraño non é público senón dun particular que o pon a disposición da comisión para que a festa poida celebrarse.

Cando eu era pequeno, desde a estrada de Rábade ó santuario, oitecentos metros, estaba cheo de pobres e lisiados que acosaban ó peregrino coas súas continuas peticións. Esto desapareceu e na actualidade so media ducia de peticionarios solicitan unha esmola coa case seguridade de non ser atendidos.

Antes digamos que era pura devoción relixiosa a que facía que centos de persoas se achegasen ós Milagros. Hoxe, xa me gustaría saber analisar exactamente cal é o sentimento do que acude á romaría... Que tanto por cento é devoción relixiosa, que porcentaxe é novidade, que outra porcentaxe é turismo e cal o sentimento gregario de tribu. Pero o certo é que cada ano son máis as persoas que a pé ou en coche acoden por milleiros a gañar un xubileo que queda case á beira da casa e ten unha maxia, un misterio, un especial encanto ben difícil de definir.

En tempos, a peregrinación era máis primitiva, máis sinxela, menos invasiva... Chegabamos a pé, íamos á misa, dábamos volta arredor da igrexa, e volviamos para a casa.

Agora trátase de chegar co coche o máis preto posible, ocupando praza de aparcamento nos lugares previstos ou diante das casas. Os conductores aparcan nos camiños, nas boqueiras, diante dos portalóns, buscan as esquinas máis estratéxicas para facer as súas necesidades máis urxentes, e avanzan na percura do lugar de peregrinación cun efecto marabunta propio de calquera aglomeración movida por un sentimento común.

Os postos existentes arredor do santuario venden estampas, imaxes, figuras de cera, velas, roscas, churros, cereixas, bonecas, vestidos para nenos e milleiros de obxectos máis. Unha macrocaseta vende polbo -escrito con “v”-, churrasco, chorizos criollos... e unha orquestra cada día ataca as composicións máis exóticas nun vermouth baile no que só hai unha parella que danza.

Como situado, acudo a pé a participar da romaría, entre a multitude de visitantes, comprobando que quizais sexamos os únicos da parroquia que disfrutan do ambiente. O resto está plenamente ocupado en resistir a marabunta.

“Pasou o día e pasou a romaría”. Os postos do contorno desapareceron, o lugar onde se sitúa a imaxe da virxe para recibir ofrendas, valeiro. O restaurante onde se ofrece polbo -con “v”- está sendo levantado.

A próxima fin de semana haberá a tornaromaría, pero xa non será o mesmo... Seguimos sendo moito menos os habitantes ca os visitantes, pero os visitantes non o saben e xa non teñen ese sentimento de invasores que teñen que arrasar para poder contalo.

Pasaron Os Milagros. E unha vez pasa a festa, esquezo as dificultades destes días e volvo a ser o pequeno que acudía a Saavedra en peregrinación permanente que nunca terá fin. E alégrome de ter durante todo o ano a paz de Saavedra darredor, aínda que haxa que sacrificala violentamente durante a festa porque a tradición o esixe.

Quen queira peregrinar ós Milagros, fágao fóra da festa, calquera día, pola tardiña, hai misa ás oito e media no verán e ás seis e media no inverno. Quen así o faga, aínda pode disfrutar do que era antes ir en peregrinación ós Milagros de Saavedra. Valerá a pena a viaxe.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES