Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Modesto Delfín Brando

miércoles, 28 de mayo de 2008
Modesto Delfín Brando, o derradeiro Xuiz do Couto Mixto

Cando no Couto Mixto alguén quería facer casa tiña que cumprir coas formalidades establecidas: convocaba a dez, vinte ou máis testemuñas. E logo de se xuntaren no lugar elixido, o que a vai facer di: Señores, aquí neste terreo mixto quero facer unha casa, que construirei, de aquí para alá (e vai camiñando), polo Rei de Castela; desta parte a estoutra, polo Rei de Portugal, e deste xeito vai dividindo o sitio en anacos. Unha vez cumprimentado o requisito esixido polo costume do lugar, ergue a voz e di: ¡Vivan os reis moitos anos, e por moitos máis Vm. a goce, con paz e con saúde! É de supoñer que unha vez rematada a construción da casa se coroase co alboroque (un gran ramallo de loureiro); un costume que vén de vello e que eu mesmo, sendo rapaz, coloquei máis dunha vez cando remataba unha casa o meu tio Jesús, que era canteiro. Polo demais, as casas tiñan o feitío típico que Florentino Cuevillas e Xoaquín Lourenzo describen na súa obra “Vila de Calvos de Randín”.

Non sabemos se no protocolo esixido para construír unha casa no Couto Mixto figuraba a presenza do Xuíz. Do que si temos coñecemento é de que gravaban no lintel da súa porta un “P” ou un “E”, segundo pertenceran a Portugal ou a Galicia. A explicación dánola o derradeiro xuíz, Delfín Modesto Brandón, na súa “Interesante Historieta del Couto Mixto”, editada na Coruña en 1907: “É certo, efectivamente -escribe-, que estes iniciais se puñan nas portas, aconsellados por alguén. Isto debeu acontecer entre os anos 1842 e 1843; pero a súa duración foi máis ben curta, porque non lles conviña conservalas e borráronas, para evitaren os abusos e molestias que adoitaban provocarlles as autoridades españolas e portuguesas, con apremios contrarios aos seus privilexios, ás súas leis especiais e costumes, malia teren os pobos que constituían o Couto Mixto absoluta independencia no económico e gobernativo das dúas coroas -a portuguesa e a española“. O acoso ao que foron sometidos os “mixtos” foi constante. O propio Delfín Brandón enumera algúns daqueles asedios por parte das tropas portuguesas en 1847, que invadiron os tres pobos: Santiago, Rubiás e Meaus. Por parte galega cóntanse tamén algúns episodios tristes.

Moi pouco sabemos da personalidade de Modesto Delfín Brandón. Algúns din que era oriundo de Celanova, e algo disto pode ser certo, porque a súa única obra publicada que vimos de comentar, na que describe migalleiramente as vicitudes históricas do Couto Mixto, foi rematada de escribir en 1904, en Celanova. Está documentada tamén a súa veciñanza na cidade da Coruña onde desepeñou a representación consular dun país latinoamericano. Xosé L.Méndez Ferrín, nun intento de reconstruír a biografía familiar, localiza a Delfín Brandón na Coruña e a unha súa filla que foi modelo de Picasso cando este moraba naquela cidade. Seica por Vigo quedou algún herdeiro.

Coñecía polo miúdo a política española e aos seus protagonistas. Esa conclusión tirámola da lectura do libro que vimos de comentar. No político foi un liberal progresista, admirador de Emilio Castelar, e como él partidario da separación de poderes entre a Igrexa e o Estado. (“Concluíu para sempre o dogma da protección das Igrexas polo Estado. O Estado non ten relixión; non a pode ter, non a debe ter. O Estado non confesa, o Estado non comunga, o Estado non morre”). Criticaba a política conservadora acusándoa de ser “a negación absoluta de todo progreso”. Con paixón reprocháballes teren ao pobo sumido na ignorancia”. Posiblemente fose licenciado en leis, porque o coñecemento que ten do Dereito así o acredita. En todo caso, a súa biografía está por facer, así como o perfil profesional e humano. Descoñecemos, sen embargo, os seus rasgos físicos porque non quedaron fotografías del.

Co coñecemento histórico que Luís García Mañá ten da historia do Couto Mixto e as técnicas forenses que él coñece como policía, permitíronlle realizar unha aproximación ao seu retrato: un home de mediana estatura, de ollos vivos e mirada serea, un queixo poboado por unha barba coidada recurtada e coroada por un bigote moi da estética da época, cuberto cun sombreiro calañés, sentado, e cunha vara de mando. Con estas descricións un escultor deu vida en bronce ao derradeiro xuíz do Couto Mixto.

Grazas ao entusiasmo e sensibilidade que profesa pola historia don Xosé L. Méndez Romeu, Conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a aspiración da Asociación de Amigos do Couto Mixto de erixirlle algún día un monumento a tan egrexia autoridade, farase realidade. A inauguración será hoxe ás seis e media da tarde cando se inaugure o monumento, da autoría de José Molares, no adro da igrexa de Santiago de Rubiás. Sentímonos ledos e agradecidos por podermos acadar este obxectivo. O dito popular refrenda a nosa teimosía na reconstrución histórica: a pedra é dura e a pingueira miúda, mais, caendo a cotío, fai cavadura.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES