Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As penas de Penas de Rodas

lunes, 19 de mayo de 2008
En Penas de Rodas o silencio aínda é gratuíto. Levan estes penedos milleiros de anos dialogando cos piñeiros mentres contemplan cos grandes ollos de pedra a beleza estendida da Chaira.

Pero ultimamente o que máis oe o camiñante son os laios das Penas e os queixumes dos piñeiros. Escoita avergoñado e non pode por menos que botar unha man para recoller as latas de cervexa, as bulsas de patacas, as compresas, a merda de plástico, os preservativos, toda esa caspa que a incultura humana sementa onde lle peta. Dúas bulsas de merda é a colleita de cada fin de semana, diante da mirada agradecida das Penas e das árbores.

A Penas de Rodas sobe o camiñante a ler, a pasear. Escoita sen querer as notas profundas do vento. Segue o voo e os debuxos das nubes. Ule o arrecendo irrepetible dos piñeiros, da terra mollada. Cando chove.

Sentado entre os dous penedos xigantes rememora a lenda. Din que a Pena da esquerda ten unha trabe de ouro, a da dereita está chea de alcatrán… se houbese quen de fendelas e dependendo desde onde se mire.

Cóntanlle ó camiñante as agresións de cada fin de semana dos domingueiros da empanada que meten os coches e a música charramangueira entre as árbores. Contan dos trompos e das carreiras dalgúns bobos dos quads que soben ata aquí rompendo as corredoiras, esmagando a herba, deteriorando o delicado ecosistema dunha zona tan dura e que loita teimudamente pola vida. Xa nin respectan os camiños e fan as súas falcatruadas dentro do recinto protexido que está sen protección. De momento non subiron cos quads ata o cumio das Penas, pero todo se andará.

O concello de Outeiro colocou uns letreiriños mercados na tenda de ‘Galicia no País das Marabillas’: Floriñas ventureiras, bolboretas de cores, e moi bos sentimentos, que só len os que admiran as xoias das bolboretas, os que olen sen arrincar as flores e chegan ata aquí cargados de moi bos sentimentos. Pero tamén hai iconoclastas analfabetos que calzan cada fin de semana as pezoñas do cabalo de Atila: rompen, esmagan, sementan abondosamente a súa merda. Con impunidade. Os da “Asociación Penas de Rodas” fan o que poden e van termando deste fermoso lugar. Algo máis deberían facer os do Medio Ambiente e os do Concello.

Os piñeiros e as Penas contan as súas penas ó camiñante: o tres de novembro, aínda disfrazado con soles de verán, uns impresentables meteron os coches no medio do recinto e algúns deles dedicáronse a emporcar con spray e con enorme entusiasmo os penedos máis grandes. Aínda se pode ‘admirar‘ a cafrada. Como interviu a garda civil coidamos, contan, que desta volta non sexa con impunidade.

Pero hai máis impunidades indíxenas que ás veces fan de nós territorio comanche.
Por exemplo, a impunidade dos que levaron as plantacións de eucalipto ata vinte metros ben contados do corazón de Penas de Rodas. O poeta da Terra Cha, Manuel María, xa non podería ollar a Cova da Serpe, nin a Serra da Corda desde os dous grandes ollos de pedra: un valado infame de eucaliptos impídeo.

Alguén debería contarlle que o do ouro e o do alcatrán só é unha lenda. En realidade, as Penas, as Penas de Rodas están cheas de pena. Pola merda. Polo plástico. Pola destrucción impune. Polos eucaliptos. Polas pintadas idiotas.

Ah, berran desde lonxe os piñeiros: e polo silencio! Polo silencio que era o noso meirande tesouriño desde hai tantos miles de anos. E que agora nos están a roubar…

Unha pena, porque en Penas de Rodas o silencio era gratuíto.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES