Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A noite das Pepitas

martes, 18 de marzo de 2008
O día 19 do actual mes de marzo é a festividade de San Xosé, un nome que veu a menos no seu uso onomástico por mor da invasión de apelativos exóticos cos que hoxendía son bautizados boa parte dos recén chegados. Pero que conserva, eso sí, toda a significación no ámbito familiar, polo que pode decirse que nese día, ó estar ademais sinalado como o “Día do Pai”, hai festa na gran maioría dos fogares.

Os Xosés, Pepes e Pepitas e tódolos pais, celebran polo tanto esa data e aínda na nosa nenez tiña un engado a maiores: decíasenos que en tal día casábanse os paxariños, con todo o que de fermoso, romántico e ilusionante tiña tal feito.

Pero hai un lugar na nosa terra no que o San Xosé se celebra dun xeito especialmente romántico posto que ten tódolos adovíos para que así sexa: a música, a nouturnidade e unha fermosa moza no balcón: eso sucede en Ferrol, na chamada “Noite das Pepitas” en que as agrupacións musicais -guitarras, bandurrias, laúdes e violíns- saen á rúa para rondar ás ferrolanas que levan tal nome, ás que lles ofrecen as súas cancións; serenatas que rematan na praza do Concello e alí ten lugar o concurso de rondallas.

Ferrol foi, de sempre, terra de músicos. Acaso a existencia de bandas militares de música na cidade departamental, dende tempos moi afastados, fose un semilleiro para esta faceta da arte. Canda nós, seguramente moitos lectores lembrarán os nomes de numerosas orquestras ferrolanas: “ Bellas López”, “López Malde”, “Saratoga”, “Bellas Farto”, “Copacabana”, “Beceiro”, “Lamas”, “Lamas-La Piña” co seu popular vocalista Santy-Par; “Los Players”, “Trébol”, etc...

Do mesmo xeito a afección ó canto coral era outra das carácterísticas -e segue a ser- das xentes da ría ferrrolana, e de cuxa actividade existen testemuños dende o ano 1860. O coro “Toxos e Frores” nacía o ano 1915, o que fai del o decano das masas corais galegas.

O placer de interpretar en grupo as tonadas de moda deriva hacia a creación das primeiras agrupacións que se organizan en torno ós carnavais e á festividade de San Xosé. Este día, festa dos traballadores, foi un dos festivos que se mantiveron estables a través do tempo; os improvisados cantores eran en boa parte obreiros dos asteleiros ferroláns; por outra banda en vellos tempos o nome de Xosefa estaba moi extendido entre as familas e as noivas daqueles. Alguen propuxo facer a ronda na noite véspera do festivo, para poder descansar a tarde-noite do mesmo e voltar ó traballo, descansados, ó día seguinte..

As tertulias de amigos, que preferentemente se xuntaban nas barberías, ían a ter a ocasión de amosar o resultado daquelas horas de cancións agrupándose en rondallas para ofrecer os seus cantos ás mulleres amadas e posiblemente sen sabelo entón, dar orixe a unha das representacións corais de maior aceptación popular.

Dende aquel fermoso vals que en 1898 a rondalla “El Céfiro”dedicaba ás Pepitas, cuxos primeiros versos, dín: “ Cuando la luz duerme / el céfiro calla /si de una rondalla / oyes el rumor / escúchala y deja / que su amante trova / lleve hasta tu alcoba / los ecos de amor”, ata a “Noite das Pepitas” do 2008, son centos as composicións dedicadas do xeito mais romántico, delicado e nostálxico en homenaxe á muller, á súa fermosura e o seu engado, das que sempre as ferrolanas gozaron de sona, como xa dixera o poeta Labarta Pose: “ Todas las ferrolanas sois tan divinas / que os dejaré mi alma, no me la llevo / y a llamaros ondinas ya no me atrevo, porque sois más hermosas que las ondinas. / Aquí desde la escena yo me hago cruces / al mirar encendidas todas las luces; / que juzgo el alumbrado como un derroche: / pues donde estais vosotras, nunca es de noche / pero no os contentasteis con ser hermosas;/ porque además de hermosas, sois tan saladas / que del mar esas ondas con sal formadas / a vuestro lado puestas, resultan sosas”.

No fondo, o eterno canto ó Amor.

O Ferrol, coa súa “Noite das Pepitas”, é o último reducto dunha vella tradición da exaltación romántica da muller, a través da música doce e rítmica das guitarras, bandurrias, laúdes e violíns, e do que é o mais perfecto dos instrumentos musicais, e polo que se expresan con mais precisión os sentimentos: a voz humana.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES