Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os Rios

viernes, 21 de diciembre de 2007
Adega, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, vén de denunciar as obras que estaban a facer arredor do Río Guisande e a Lagoa de Cospeito, unha das paraxes emblemáticas da Chaira. Son parte dun proxecto de sendeirismo arredor do Río Miño, nun espazo húmido, con especial risco de deterioro. A intención dos defensores da obra, é facilitar o acceso a este recanto, pero non podemos esquecer os camiños de sempre, que merecen tamén un coidado axeitado. Adega avisa do perigo de enchentas que poden incidir no río. Estas situacións están a multiplicarse, por ese afán de facer paseos coma alfombras, para preservar as pisadas das e dos humanos, a costa, moitas veces, de destruír un mundo de flora e fauna. Non queremos prender nunha silva, pero sementamos de atrancos e lixo a nosa camiñada, ou enredámonos en mil filigranas, para non descubrir a riqueza da biodiversidade que medra aos nosos pés. Iso que chamamos maleza, alimenta a moitas especies, que agasallan a nosa existencia, así a ninfa do bosque, unha bolboreta que se nutre das madreselvas e das flores das silvas...

Sabemos do aprezo de Cospeito e as súas parroquias polas lagoas, superando aqueles tempos, sobrados en prácticas de limpeza, recheos, e saneamento, prexudiciais para o contorno. A cunca do Miño aínda é unha reserva do noso patrimonio natural e cultural, grazas á sensibilidade dos cidadáns que conviven con el. Sobre todo, ese esforzo das e dos gandeiros, que está a inzar arreo, por harmonizar o abonado dos seus prados e a saúde do medio ambiente, que é un beneficio para todas as criaturas. Pero hai que estar alerta, e refugar actuacións deturpadoras da canle natural da vida, deixar que a natureza siga o seu curso, nunha comarca, onde as correntes son doces e acompasadas.

Aínda que ás veces se irriten, e se saian do leito, con enchentas, que nós mesmos temos provocado. Fanse verdadeiras desfeitas coa construción irracional de pistas, destruíndo silveiras, cos trazados da concentración parcelaria, ou con paseos fluviais, que arrasan as partes máis vitais da vexetación da ribeira, a que preserva a auga de moitos elementos contaminantes, nun tempo no que está a converterse no ben máis prezado, como están a sentir algunhas parroquias da Chaira, pola seca deste outono.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES