Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Entroido na provincia de Lugo (II)

martes, 18 de diciembre de 2007
O Entroido na provincia de Lugo (II) O Entroido na provincia de Lugo (II) 3.3. O XOVES DE COMPADRES E COMADRES
Tanto os compadres como as comadres son bonecos, realizados con palla, ben comprimidos e vestidos con roupas de homes e mulleres, respectivamente. Hai anos, nalgúns barrios de Monforte de Lemos pendían estes bonecos, o día antes da festa, nun lugar de difícil acceso e logo os vixíaban toda a noite; así, mentres os homes estaban pendentes dos compadres, as mulleres estábano das comadres, xa que era doado de recoñecer o sexo da persoa representada por mor das roupas que lle foran postas. A finalidade era recuperar o boneco, o que daba lugar a unha loita simbólica entrámbolos dous sexos.
Na actualidade na Terra de Lemos, que abrangue ós concellos de Bóveda, Monforte, Pantón, O Sabiñao, A Pobra do Brollón, Sober, téntase facer diversas parodias, o xoves de compadres e o de comadres, usando bonecos dámbolos dous sexos, que representan diferentes comportamentos e tarefas da vida cotiá.
Este antroido foi analizado, entre outros, por Hermida Balado, Germán Vázquez e Moure Mariño (1).

3.4. O ENTROIDO NO “VAL DE FRANCOS”
Dende o ano 1992 as parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno celebran neste fermoso val o entroido como reflicten as seguintes estrofa:

“Xa que tres pobos se uniron
con unha grande ilusión ,
nunha tarde de harmonía ,
fan esta celebración”.

“Balmonte, Goberno e Ansemar
xuntas o Antroido van festexar
¡ é tan fermosa esta unión
que mesmo agranda o corazón” (2).

Os actos máis representativos deste entroido son o sermón, o xuizo e a queima do entroido.

1. O SERMÓN

Trátase dun conxuncto de estrofas, pronunciadas normalmente por un home ,e ás veces tamén por unha unha muller, nas que se satirizan preferentemente diferentes eventos que tiveron lugar no concello, e nesas parroquias en particular. Entre algúns sermoeiros de sona imos distinguir os seguintes: Laxe de Loentia, Elías da Concha de Ansemar, Salvador de Aguiar de Samartiño de Goberno, Hipólito e Eleuto de Ansemar, Edelmiro de Samartiño de Goberno e Serafín de Tito de Quintela (3).

2. O XUIZO Ó ENTROIDO

Neste acto interveñen tres persoas, que simbolizan a un xuiz, un fiscal e un avogado defensor, que levan a cabo o seu rol, utilizando, ó igoal que no sermón, unha serie de estrofas nas que ó remate o fiscal condena ó antroido a ser queimado.
Finalmente é importante facer mención do Antroido do ano dous mil, xa que, por primeira vez nesta comarca, foi planificado por tres mulleres: Ana María Canto Rodríguez, da parroquia de Goberno; María Luisa Alonso, de Balmonte e Montserrat Flores Fernández, de Ansemar.

3.5.- O ENTERRO DA SARDIÑA
Na cidade de Lugo e nalgúns pobos da provincia: Burela, Chantada, Monforte, Sarria, Vilalba... celébrase no solpor do mércores de cinza este enterro, no que interveñen confrades, plañideiras e devotos, que levan nos seus ombros o cadaleito da sardiña ata a praza maior, onde un representante dos confrades pronuncia un discurso satírico.
Na nosa cidade, o acto é organizado pola asociación cultural Pepe Barreiro, persoa que noutrora impulsou en Lugo esta celebración. Na procesión fúnebre participan máis de cen persoas, que saen do Círculo das Artes e percorren varias rúas, cantando as estrofas, escritas no seu día polo fundador da confraria. O percorrido remata na praza maior, onde o carón da Casa Consistorial un representante da comitiva lee uns ferretes -estrofas-, que aluden a diferentes eventos da política estatal, autonómica e municipal (4).
No ano dous mil catro a estrofa cantada polos confrades e demais persoas
asistentes ó acto foi a seguinte:

“E xa temos unha ponte,
fixerona os romanos
e agora que se biquen
o alcalde e o señor Cascos”

As diferentes estrofas que se cantan neste día, son elaboradas en galego por todas as persoas da confradía que o estimen conveniente. En anos vindeiros tense pensado facer un concurso público de “estrofas satíricas” para seleccionar as máis axeitadas.

4.- FOTOGRAFÍAS DA EXPOSICIÓN.
4.1.- CONTIDOS DAS FOTOGRAFÍAS DA EXPOSICIÓN

Número da fotografía: 1. Contido: As fiandeiras. Distriz (Monforte). Xoves de comadres.
Número: 2. Contido: As noivas buscando un millonario. Piñeira (Monforte). Xoves de comadres.
3. O desenterro do Entroido, Vilaúxe (Chantada).
4. Os volantes, Vilaúxe (Chantada).
5. O predicador, Val de Francos (Castro de Rei).
6. O oso de Salcedo (A Pobra de Brollón).
7. O enterro da sardiña (Lugo).
8. Os volantes danzando, Vilaúxe (Chantada).
9. A roza dos toxos, Distriz (Monforte). Xoves de compadres.
10. O oficio de albanelería. Vilaúxe (Chantada).
11. O xuizo do Entroido. Val de Francos (Castro de Rei).
12. O enterro da sardiña (Lugo).
13. Os demos. Ribas Altas (Monforte). Xoves de compadres.
14. O oficio dos ferreiros. Vilaúxe (Chantada).
15. A queima do Entroido. Val de Francos (Castro de Rei).
16. O oso de Salcedo tiznando a unha persoa da comunidade.
17. Os fariñeiros, Val de Francos (Castro de Rei).
18. O oso de Salcedo, axudado polos seus criados, dedícase a tiznar.
19. O Antroido de Ribadeo.
20. Os volantes danzando. Vilaúxe (Chantada).

BIBLIOGRAFÍA BÁSICA SOBRE O ANTROIDO
Albarellos Codesido, X.C. e Reboleiro Gzlez., V. Aires de festa, A Coruña: Ed. Bahía, 1993, pp.19-27.
Asociación Cultural “Val de Francos”. Máis de media ducia de escritores chairegos e o antroido, Lugo: Gráficas Lucenses, 1993, 80 pp.
Caro Baroja, J. El Carnaval, Madrid: Taurus, 1983.
Cocho, Federico. O Carnaval en Galicia, 2ª ed, Vigo: Xerais, 1992, 365 pp.
Gzlez. Reboredo, X.M. e Mariño Ferro, X.R. Entroido en Galicia. Deputación da Coruña, 1985.
Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia, Madrid: Ed. Siglo XXI, 1971.
Lisón Tolosana, C. Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega, Madrid: Akal, 1974.
Lorenzo, X. “Do noso antroido: os escabicheiros”, en Brigantium, nº 3, 1982.
Lorenzo, X. “Notas encol do Antroido en lobería”, en Nós, nº 124, 1934.
Lorenzo, X. Cantigueiro popular, Vigo: Galaxia, 1973, 296 pp.
Mariño Ferro, X.R. O entroido ou os praceres da carne, 2ª ed., Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2003, 217 pp.
Otero Fdez., X.M. “A dimensión lúdica da vida humana. O entroido, unha antiga celebración”, en Exemplificación didácticas. Ed. Secundaria Obrigatoria. Tomo II, Xunta de Galicia, pp. 187-217.
Rivas, Paco. Fiestas de Galicia. Propostas didácticas. Deputación de Lugo, 1996, pp. 37-47.
Risco, V. “Etnografía:cultura espiritual”, Historia de Galicia, Madrid, Akal, 1979, pp. 225-763.
Taboada Chívite, J. Ritos y creencias, Santiago: Sálvora, 1983, 298 pp.
Vázquez Rdguez., Xosé Manuel. “O entroido nas ribeiras de Chantada. A persistencia da festa”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo. Tomo VII, vol. 2, 1995, pp. 249-258.

NOTAS
(1) Zapata, Luís: Crónicas de Antroido (III), Diario “El Progreso”, 10-2-02, páx. 22.
(2) Asociación Cultural “Val de Francos”. Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido, Lugo, pax.4.
(3) Informante: Xosé Manoel Carballo, gran impulsor do Entroido do “Val de Francos”.
(4) Informante: Mercedes Barreiro González, filla de Pepe Barreiro, fundador da confradía actual.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES