Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Entroido na provincia de Lugo (I)

jueves, 13 de diciembre de 2007
O Entroido na provincia de Lugo (I) O Entroido na provincia de Lugo (I) (Exposición realizada no “Mesón O Forno”, Lugo. Abril do 2004).

1. LIMIAR
A comezos do mes abril do 2004, D. José Manuel Blanco Prado (1) profesor de Filosofía do I.E.S. “Xoán Montes” de Lugo realizou unha exposición etnográfica sobre diferentes trazos con respecto ó Antroido na provincia de Lugo. Esta exposición tivo lugar no mesón “O Forno”, sito na C/ Río Ser e propiedade do Sr. Carreira.

A finalidade que pretendía o autor era amosar dun xeito directo por medio da fotografía algunhas peculiaridades do Antroido na devandita provincia. Polo tanto, nesta primeira exposición, o autor tentaba reflectir por medio de vintetrés fotografías diferentes rituais sobre esta festa, que tiñan e seguen tendo lugar en distintas comunidades lucenses: Lugo, a Ribeira de Chantada, a Terra Chá e o Val de Lemos.
Ademais incorporou nun folleto unhas breves considerancións teóricas sobre o desenvolvemento desta festa nas comunidades citadas para que poidesen servir de guía a tódalas persoas, que visitasen a exposición. Tanto a exposición como a guía que acompañou a mesma serviranlle de fundamento para inmediatas investigacións, que ten pensado levar a cabo sobre outros Antroidos nesta provincia.
Finalmente o autor pretende expoñer neste artigo os contidos do folleto, que realizou para tal evento, así como as fotografías da exposición máis relevantes.

2. O CICLO DO ANTROIDO
O entroido é unha expresión latina, que siñifica no ámbito cristián “adeus á carne”, xa que se refire ós derradeiros días nos que se podía comer carne antes de que cegase a Coaresma. Así o manifesta a seguinte cantiga: “Adiós, martes de Antroido/ adiós, meu amiguiño/ hasta el Domingo de Pascua/ non comerei máis touciño”.

O entroido -segundo Mariño Ferro- “es una fiesta de libertad, de licencia, de inversión de valores y de parodia”. Caro Baroja fálanos dela “como una fiesta de paso de año concebida desde una sociedad urbana pero aún lo bastante allegada a la agricultura y al pastoreo como para que subsista en ella un hondo sentido de la vinculación con los ritmos vitales de la planta cultivada y el animal doméstico”.

Segundo Vicente Risco o ciclo máis xeralizado do entroido era o seguinte:
1. O “Domingo Fareleiro”. Por ex. “Ribeira de Chantada” (Vilauxe...).
2. O “Xoves de Compadres”. Concellos da Terra de Lemos (Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra de Brollón, o Saviñao...). O máis importante Monforte de Lemos.
3. O “Domingo Corredoiro”. Por exemplo “Ribeira de Chantada” (Vilaúxe, Nogueira...).
4. O “Xoves de Comadres”. Concellos da Terra de Lemos. O máis importante Monforte de Lemos.
5. O “Domingo, Lúns e Martes do Entroido”. En moitas parroquias e pobos da provincia de Lugo celébranse bailes e concursos de disfraces. De tódolos xeitos compre distinguirmos:
5.1. Lúns do Entroido. “O oso de Salcedo” (A Pobra de Brollón).
5.2. Martes do Entroido. “O enterro do Entroido” en Vilauxe (Chantada), no Val do Franco (Castro de Rei), en Tirimol (Lugo) etc…
Neste día tamén é importante “O sermón e o xuizo ó Entroido” no Val do Franco.
6. O “Mércores de Cinza. Enterros da sardina na cidade de Lugo e nos pobos de Burela, Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba, Viveiro...
Tamén nalgunhas comunidades da provincia celébrase o Domingo de Piñata:
Por exemplo “A queima do Entroido” en Ribadeo, que é o que ten maiores proporcións da provincia.


3. BREVE REFERENCIA ÓS ENTROIDOS REFLECTIDOS NAS FOTOS DA EXPOSICIÓN

3.1. O ENTROIDO DA RIBEIRA DE CHANTADA

Antano, o entroido celebrouse nas parroquias de Santiago de Arriba, S. Pedro de Líncora, Camporramairo, A Zarina, Nogueira do Miño, Vilaúxe, etc… Pero nos derradeiros anos, debido á perda de xente nova nestas parroquias, só se segue celebrando algo en Nogueira do Miño e Vilauxe. Esta última parroquia recuperou a tradición do Entroido no ano 1998.

Todo isto motivou que no ano 2001 se constituíse a “Asociación do Entroido Ribeirao de Chantada”, que ten como finalidade salvar unha tradición que estaba a piques de desaparecer. Por tal motivo os seus integrantes tentan proxectar o entroido non só a aquelas parroquias con raigame carnavalesca, senón tamén á propia capitalidade do concello.

O entroido nestas terras celébrase durante cinco días: os domingos de Lambedoiro, Corredoiro e Antroido, e o lúns e martes do Entroido. Nestas datas saen unha serie de persoas disfrazadas do seguintes xeito:

1. OS VOLANTES
Son as figuras máis chamativas. Levan unha camisa branca cunhas vendas cruzadas desde os nocellos ós xeonllos; por riba da camisa levan posto uns grandes panos de muller, cruzados por cada ombro; na cintura portan un cinto, que sostén vintecatro campaiñas, chamadas “machos” ou “femias”, segundo causen un son grave ou agudo; por riba da súa cabeza levan “o pucho”, un armazón de fío de aramio e madeira, provisto de cintas e frores de papel de tódolas cores, que remata nunha boneca de xoguete e dous penachos.
Os volantes, sempre do sexo masculino, van saltando, o que da lugar a que as cintas de papel voen polo aire e as campaiñas orixinen un constante e rítmico son. Estes, acompañados dalgúns “peliqueiros”, son os encargados de anunciar o comezo dun oficio no que adoitan intervir un bo número de “mecos”.

1. OS PELIQUEIROS
Van provistos dunha pelica -pel fina de carneiro ou cabrito- que levan por riba da roupa. Ademais portan un pao o un látego, para impediren que algúns observadores dos oficios tenten desfáselos.

2. OS MECOS
Son os personaxes máis numerosos. Visten de roupa vella e son os que se encargan de representar os diferentes oficios, que teñen como finalidade o de server de parodia de distintos traballos e comportamentos sociais.
Neste últimos anos fundouse en Chantada a “Asociación do Antroido Ribeirao”, que debido a a progresiva perda do Antroido de Santiago de Arriba, A Sariña, San Pedro de Líncora e outras parroquias da Ribeira, defende o traslado desta manifestación festiva á vila de Chantada como vía para salvala. Pola contra a comunidade parroquial de Vilaúxe quere seguir organizandoo por si mesmo. A este respecto Juan Carlos González, presidente da Asociación do Entroido Ribeirao, manifesta: “Se os de Vilaúxe poden perfecto, pero o resto das parroquias non temos medios”.

3.2. O OSO DE SALCEDO (A POBRA DE BROLLÓN)
O lúns do Entroido, na localidade de Salcedo (A Pobra do Brollón), sae polas corredoiras e rúas do pobo o oso, un personaxe vestido con peles de cordeiro e máscara de plantígrado.Éste, axudado por uns criados -normalmente catro- dedícase a “cazar” a tódalas persoas, que atopa no seu camiño, para tisnarlles a cara con cinsa recollida dalgunhas cociñas do pobo, e, ás veces, con brea.

O profesor francés Yvon Dupouy -investigador das diferentes manifestacións do oso en Europa- indícanos o carácter ambiguo do oso, xa que mentres en Salcedo -coincidente dalgún xeito coa Cataluña francesa- o oso non é perigoso senón que é un animal que serve para anunciar a primavera e ó mesmo tempo é símbolo da fertilidade e ledicia, en Rumanía, o oso é unha figura vinculada a algo maléfico.

En Salcedo -segundo Mercedes Vázquez- o oso apareceu sempre vestido con peles na compaña dos criados que o levaban atado cunha corda e, cando o soltaban, tirábase nos charcos, e logo, tirábase á xente tocando o esquillón, as chocas, según comenta o Quinto de Salcedo. No Entroido galego, o oso acostumbra a ir só, pola contra en Salcedo, aparece en compaña dos criados que noutrora o axudaban a emporcar á xente.

NOTAS
(1) Tamén é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.


BIBLIOGRAFÍA BÁSICA SOBRE O ANTROIDO.
Albarellos Codesido, X.C. e Reboleiro Gzlez., V. Aires de festa, A Coruña: Ed. Bahía, 1993, pp.19-27.
Asociación Cultural “Val de Francos”. Máis de media ducia de escritores chairegos e o antroido, Lugo: Gráficas Lucenses, 1993, 80 pp.
Caro Baroja, J. El Carnaval, Madrid: Taurus, 1983.
Cocho, Federico. O Carnaval en Galicia, 2ª ed, Vigo: Xerais, 1992, 365 pp.
Gzlez. Reboredo, X.M. e Mariño Ferro, X.R. Entroido en Galicia. Deputación da Coruña, 1985.
Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia, Madrid: Ed. Siglo XXI, 1971.
Lisón Tolosana, C. Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega, Madrid: Akal, 1974.
Lorenzo, X. “Do noso antroido: os escabicheiros”, en Brigantium, nº 3, 1982.
Lorenzo, X. “Notas encol do Antroido en lobería”, en Nós, nº 124, 1934.
Lorenzo, X. Cantigueiro popular, Vigo: Galaxia, 1973, 296 pp.
Mariño Ferro, X.R. O entroido ou os praceres da carne, 2ª ed., Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2003, 217 pp.
Otero Fdez., X.M. “A dimensión lúdica da vida humana. O entroido, unha antiga celebración”, en Exemplificación didácticas. Ed. Secundaria Obrigatoria. Tomo II, Xunta de Galicia, pp. 187-217.
Rivas, Paco. Fiestas de Galicia. Propostas didácticas. Deputación de Lugo, 1996, pp. 37-47.
Risco, V. “Etnografía:cultura espiritual”, Historia de Galicia, Madrid, Akal, 1979, pp. 225-763.
Taboada Chívite, J. Ritos y creencias, Santiago: Sálvora, 1983, 298 pp.
Vázquez Rdguez., Xosé Manuel. “ O entroido nas ribeiras de Chantada. A persistencia da festa”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo. Tomo VII, vol. 2, 1995, pp. 249-258.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES