Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A diáspora chairega

jueves, 29 de noviembre de 2007
Hai 100 anos, o 8, colocouse a primeira pedra do novo edificio do Centro Galego da Habana, traída das canteiras de Parga, na que se labraron símbolos do país. A Banda Municipal tocou a “Alborada” de Pascual Veiga. Inaugurouse no 1914. Maxestoso, fronte ao Parque Central, é recoñecido polos cidadáns da illa, coma un monumento nacional.

Foi converténdose en sede de moitas asociacións comarcais. Agora, unhas 57 pequenas sociedades, algunhas en vías de extinción, con poucos asociados, que se xuntan ocasionalmente, e tamén da "Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia". Medraron ao seu abeiro, a “Sociedade Roupar e Lousada”, nacida no 1912, que ergueu a fermosa escola da parroquia, a “Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Abadín”, a de Pastoriza e a de Cospeito, a “Unión Vilalbesa y su comarca”, “Sociedad Progreso de Lanzós”, “Sociedad Meira y Pol”, etc… O Centro Galego cesou coma institución no 1961, pero a Habana segue a ser o manancial dos nosos símbolos, alí estreouse o Himno, hai 100 anos, o día 20, a bandeira (1898), e xermolou a Academia.

Festexamos o centenario da Liga Santaballesa da Habana, na escola, que conserva, coma nun tabernáculo, aquel amor e entusiasmo co que os emigrantes vivían a súa pertenza a Galiza, sempre, enfortecendo a unión coa Terra. Houbo décadas nas que o corazón do noso pobo latexaba con máis liberdade e folgos, na outra beira. Os emigrantes e exiliados foron creando institucións, artes, política, saúde..., máis alá do océano. Mentres Galiza vivía nunha “longa noite de pedra”. Xa antes, loitaron pola mellora económica, social e cultural do país, animando a abrir camiños, servizos públicos, bibliotecas..., achegando os recursos necesarios. No 2007, peregrinei. en varias horas, a este centro, acompañado por persoas afervoadas, que entraban con paixón no recinto. Lembro a emoción de Neira Vilas e Anisia Miranda, escritora galega e cubana, cando atravesamos o portón, un día de verán, e recordaron coma os emigrantes construíron máis de 300 escolas, coma esta... E con que tenrura escoitei nela, ao trobeiro cubano do movemento da “Nueva Troba”, Norge Batista, nun concerto, nos XV Encontros na Terra Chá, celebrando coa súa arte a achega da Galiza emigrante á cultura da illa.

Seguindo o fío conductor da vida e da obra de Neira Vilas, que arestora arrequenta esta comuñón, en longas e demoradas conversas, temos que celebrar a participación de chairegas e chairegos neste pulo cultural e político, así no nacemento das Mocedades Galeguistas, en Bos Aires, no 1953, a agrupación xuvenil da "Irmandade galega", como Castelao coñecía ao Partido Galeguista no exilio, o que publicaba A Nosa Terra. O primeiro presidente foi Antón Santamarina Delgado, nacido en Melilla, de pai militar, coas raíces en Guitiriz. Detido o pai, no golpe do 36, veu a vivir cos avós, nesta vila, onde descubriu Galiza, ata que emigran, perseguidos pola ditadura. Outro dos cofundadores, xunto con Neira Vilas, foi César Abraira, fillo dun emigrado de Meira, Xosé Bieito Abraira (1904-1997), un dos líderes do galeguismo na Arxentina. Traballara de canteiro ata que emigrou. Moi amigo, acolleu a Castelao no 1940, acompañándoo no leito de morte no Centro Galego. Outro dos integrantes da primeira liña desta iniciativa foi Antón Moreda, ben honrado e coñecido na Chaira, onde agora reside, que serviu de canle para integrar o nacionalismo das dúas beiras.

E no centenario do Himno, lembramos coma o poeta Avelino Díaz, tamén de Meira, fixo o “Himno das Mocedades Galeguistas”, con forza e raigame enérxicas. Grazas a estes colectivos, publicáronse libros, xornais e revistas, que ían descubrindo a identidade da comarca, coma “Cospeito”, de “Hijos del Ayuntamiento de Cospeito”, “El Villalbés” do Centro Vilalbés de Bos Aires, ou a “Revista” do “Centro del Ayuntamiento de Guitiriz, Villa de Parga y su comarca”.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES