Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chaleques sen manga

sábado, 22 de septiembre de 2018
Cada vez que a escena ten lugar nalgures, non o podo remediar e vénseme, para ben, o meu avó Enrique á memoria.

Hoxe -onte, para vostede- non foi unha excepción e así que os volvín ver -aquí si, a todos e a todas- no entorno da estación do Empalme vestidos á moda do traxe de obra, dixen para min: "Vaia! Xa está de novo aquí o club dos "chaleques sen manga".

E é que, como xa hai unha chea de anos (concretamente o 25 de xuño do 2011) publiquei nesta mesma columna, meu avó Enrique tiña o vello costume de lles chamar así ós chalecos, pois para el os verdadeiros "chaleques" eran os que nós denominamos xersei de toda a vida e para facer a diferenciación ós primeiros apelidábaos "sen mangas".

Certamente nunca lle preguntei se é que xa os meus bisavós de Amoroce tamén lle chamaban así ou era cousa de colleita propia. Se cadra o meu veciño de columna, Afonso Monxardín, é quen de lle procurar unha explicación lóxica.

Sexa como for, non me diga, benquerido lector, que non deixa de ser un tanto grotesco ver a homes de gravata e a mulleres emperifolladas para saíren na foto, colocados todos xuntos en amor e compañía para saíren na foto, cando acoden a unha inauguración ou a unha simple visita "institucional" a unha obra.

Para evitaren o ridículo, non sería mellor, pregunto que mandasen parar os traballos que poidan estaren executando -como é neste caso, de derrubo- en canto duran as explicacións técnicas do responsable da obra e os reporteiros gráficos fan o seu traballo de recolla de imaxes?

Si, xa sei que un golpe lévase cando menos un o pensa. Mesmo no corredor da casa. Que llo pregunten, se non, á alcaldesa madrileña.

Unha miña cuñada embeleñouse co cable da aspiradora, fendeu un nocello, tivérona que operar e botou oito ou nove meses de baixa.

Sei tamén, polo tanto, que a lexislación no tocante ós riscos laborais nunca é o suficientemente estricta e para mostra abonda co desgraciado botón do hotel Ritz, tamén madrileño.

Pero, entón, sempre e cando non sexa totalmente imprescindible (o acceso a un túnel, poño por caso, ou o cruce dunha ponte), o normal sería que as convocatorias ós medios de comunicación se fixera, como onte foi feita, nas zonas de acceso ás obras, onde nun principio non hai máis perigo aparente ca en calquera outro lugar externo.

En fin... Que non é que eu teña unha loita persoal contra o feito de disfrazaren ós políticos cos chalecos reflectantes. Ó revés, porque así, cando os vexo a todos en comandita, teño unha desculpa para lembrar a meu avó Enrique.

Ora ben, o que non sei eu xa -cando teña vagar, preguntaréillelo a algúns- é como se senten eles cando se ven retratados na prensa.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES