Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Respostas estimulares en política

jueves, 23 de agosto de 2018
Fíxose eco nun artigo o catedráticoD. Roberto Blanco Valdés, tomando como recurso os “reflexos condicionados” que estudou Pavlov, das condutas dos políticos a hora de asumir responsabilidades no caso do accidente do Marisquiño de Vigo, e confeso que me abriu camiño para continuar a concepción antropolóxica zubiriana do home/da muller, que utilicei no último artigo para ofrecer a miña modesta opinión de onde debía radicarse a condición de HUMANO dos mesmos.

E agora nesta colaboración pretendo, cando menos, tratar de aportar algunhas “razóns” acerca de certas condutas deles, xustamente aquelas que, lonxe de sorprender gratamente, enfastían, porque nin evidencian intelixencia, nin pesar polo deber incumprido, enleados politicamente.

Apunto, pois, unhas notas en perspectiva zubiriana acerca da INTELIXENCIA HUMANA, das que botarei man para aportar a miña opinión acerca desas condutas políticas. Xa coñecen vostedes, supoño, pacientes lectores, a definición do home como ANIMAL DE REALIDADES, é dicir, que esa definición do home/da muller como “animal racional” non é “primaria”, non é un PRIUS, porque o de “racional” é unha esixencia consecutiva a o de ter que habelas coa realidade, coas SITUACIÓNS en que se encontran: O LOGOS e a RAZÓN son considerados por Zubiri como modos ulteriores á primaria impresión da realidade, sobre a que se razoa. Así, pois, se o home razoa é porque xa está na realidade; e se o animal non o fai é porque se queda no ámbito dos estímulos.

E ocorre así debido a que as cousas e as situacións non nos están sen máis presentes, senón que temos un modo de enfrontarnos a elas mediante a impresión que nos producen, que non é só unha afección nosa, subxectiva, senón que deixa en nosoutros datos para a INTELECCIÓN do real. Por iso escribe ese metafísico que non só sentimos pola impresión, por exemplo, esta “cor verde”, senón que sentimos por ela tamén a “realidade verde”. Así pois, o contido e a realidade dunha impresión de algo non son dúas impresións xuntas, senón unha soa: A IMPRESIÓN HUMANA. E reteñan que o animal non ten impresión de realidade. Só o home e a muller.

Por isto se di que a estimulación persigue sinxelamente unha resposta biolóxica; pero, en cambio, a realidade, fai que no “animal humano”, no home/na muller, xurda o exercicio da intelixencia. ¿Por que, entón, estrañarse de que cando o home se limita a responder por simple impulso estimular en CUESTIÓNS REAIS, se diga que opera como un animal?. Aínda que semelle coloquialmente como unha expresión de mal gusto, en rigor antropolóxico é correcta, por iso o recurso do Dr. Blanco Valdés encerra máis, incluso, do que seguramente el quixo expresar, e observando que se cumpría o que xa se esperaba que dixeran os políticos en casos como o de Vigo, esta resposta estimular ben pode tomarse como unha habitual e vulgar irracionalidade, tal como o é imputar as responsabilidades uns aos outros, esquivando facerse cargo das que compete a cada cal. Enténdeno?.

Aínda máis. Como dicíamos no anterior artigo, a realidade do home, como toda realidade, é substantiva, unha unidade sistemática, que entre os seus ingredientes conta coa intelixencia, cunha intelixencia sentinte, porque “sente intelectivamente” e “intelixe sentintemente”, nun único acto, no que se fundamenta que sexa unha esencia aberta, xa que debe ir configurando a súa “personalidade” mediante a execución de actos COAS cousas, COS demais homes e COA súa propia realidade substantiva, e este “con” pertence a realidade humana; é peculiar da mesma. Así vive o home/a muller. Por suposto, o home é sempre o mesmo, pero non do mesmo modo, posto que o seu SER substantivo vai cambiando en cada instante, por iso coloquialmente se di das persoas que perderon, ou que cambiaron, a PERSONALIDADE que posuían.

¿Existe algunha razón para estes cambios?. Claro que si..., xa que estamos en presenza dunha esencia aberta, de algo que sempre está facéndose. E dinos o filósofo citado que isto ocorre así porque o home/a muller non está na realidade como unha cousa quieta, senón dunha maneira “non–quiescente”, en cuanto é AXENTE dos seus actos, que ten que executar; AUTOR das súas decisións, que debe de tomar, e ACTOR da vida, en canto aceptación do curso do seu destino. Zubiri resúmeo nestes termos (na tradución miña ao galego): “O home, como axente dos actos que executa, está dotado dunha natureza, da que emerxen radical e basicamente eses actos. Pero como autor de decisións que son súas, o home é un ser libre. A vida é á vez natureza e liberalidade; Á VEZ, velaquí as cuestións”. Porque... casar tendencias e liberdade sempre é complicado, e necesítase talento para acadalo, un talento que cubra as esixencias do correspondente roll na sociedade.

Xa que chegamos aquí, vexamos como podemos aproveitar algo no ámbito das xestións políticas. ¿Por que algún/algunha político/a – cabe preguntar – se despega da realidade, deixándose levar polas TENDENCIAS?. Porque, como autor, non se decide polo mellor para a realidade social que xestiona, senón que decide QUE é o mellor para manterse no poder, operando como axente dos actos da súa propia natureza, semellando ao animal. Certamente, desta maneira non utiliza a liberdade con intelixencia e dignidade, porque non considera que “o propio e característico da vontade e da decisión está non só en querer unha realidade, senón en crear por propia decisión as lexítimas posibilidades do acto de decisión”, en cuxo caso esa liberdade debe ser tomada como un acto de case–creación, que enaltece a personalidade do case–creador impregnándoa de orixinalidade e admiración.

Pero cando a súa autoría é feble (caso da incompetencia, que non necesariamente carencia de formación) abre camiño aos estímulos, e en vez de ser case–creador, é case–plaxista, e busca iniciativas alleas: Apresúrase, por exemplo, a presentarse como un estadista de talla, con simulados estudos e dedicacións aos grandes problemas, nos avións, evidenciando que o ocupan; pero, ao mesmo tempo, non renuncia ás gozosas viaxes “falconadas”, de difícil xustificación funcional da representación que ostenta, que decora cunha hipócrita humildade, e tampouco repara en presentarse publicamente en animados coloquios con personalidades por el criticadas teimosamente dende a oposición, cunha linguaxe xestual, de expresión facial, que desvela un perigoso despegue da realidade en un xogo arbitrario da súa personalidade. Isto lévame a intuír a existencia, cando menos, dalgunhas “razóns”, que avalan ese sentimento xeneralizado de que non era iso o que se esperaba. Laméntoo!. Aínda que non o crean pola miña actitude crítica.

Desafortunadamente, os sucesos co independentismo catalán están evidenciando, por un costado e polo outro, unha evidente incompetencia para enervar o indiscutible predominio dun desatado das tendencias tamén impulsadas nun ámbito estimular, caendo no máis infantil e ridículo abandono da realidade avalada polo sentido común das xentes: Investiguen as exaltacións a Franco e procuren que non se estendan; pero non descoiden o que teñen entre mans, os insultos ao Estado, no seo das mesmas institucións estatais, porque, Dona Carme, as palabras feren a sensibilidade de quen a ten e poñen en garda a intelixencia dos que saben que son vehiculares de sentimentos e propósitos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES