Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O si das nenas...

jueves, 26 de julio de 2018
Si... (outro “si”, que están de moda!), o título corresponde, en castelán, a unha obra do escritor D. Leandro Fernández de Moratín, pertencente ao grupo de “comedias neoclásicas”.

Dinos del D. José García López, catedrático de Literatura, que era un home intelixente, culto e dotado de agudas facultades para a crítica, se ben o apoucamento do seu carácter privou as súas obras de intensidade e brío. Non obstante, están de acordo os críticos en cualificala como a obra máis interesante deste autor, que, polo seu ton de certa tenrura e emotividade, adáptase ben a intención moralizadora.

É interesante considerar que nela mestúrase o racionalismo co prerromanticismo, xa que os dereitos da mocidade deféndense con argumentos intelectuais. Só indicar que un vello de 58 anos (vello para o ano 1.801, no que foi escrita a obra), Don Diego, tiña compromiso matrimonial con Paquita, unha rapaza de 16 anos, que realmente estaba namorada de Carlos, un mozo sobriño daquel. E como a rapaza non se opoñía por temor á obediencia á familia e a quebrar as estimadas como boas costumes, estaba disposta a aceptar a decisión dos pais e casar co vello; pero este cedeu, argumentando que estas esixencias na educación prexudicaban moito os matrimonios, se tais unións habían de ser pacíficas, cuestionando as costumes.

Curiosamente, os autores desta época, influenciados seguramente polo racionalismo do século XVIII, crían no predominio da razón e así o poñían de manifesto nas súas obras. Podería dicirse que destacaba a loita pola verosimilitude, e rexeitábase, ou ridiculizábase, o confusionismo. Xa naquel entonces, e isto debe servir de advertencia aos políticos que pensan que antes deles nada se facía neste campo, se criticaba a educación severa das mulleres e a carencia dos valores igualitarios. Polo tanto, penso que non é un desacerto investigar a situación do orto do feminismo noutras etapas históricas, nas que a intelixencia de raíñas e mulleres brillantes, xa era destacada eloxiosamente.

Temos aquí un “si” que é un “non”: A rapaza de 16 anos casaba co vello de 58, por esas razóns consuetudinarias de obediencia aos seus país; pero o “si” ía dirixido, sen dúbida, só sinceramente, ao sobriño do seu prometido: Un “si” co valor dun “non” e un “non” co valor dun “si” crean confusión, e esta, na intelectualidade das xentes ben dotadas mentalmente, era, como se afirma máis arriba, rexeitable; pero penso que aínda nos queda algo moi relevante sen apuntar: que no abuso do necesario construtivismo social, o “si non é si”, necesariamente, e o “non tampouco é non” (e alégrome, Sr. Sánchez, que no embrollo casuístico parece que xa o aprendeu). Intento explicalo.

Non vou estenderme. Só anticipar unhas ideas para que se me entenda o que quero expresarlles. O “construtivismo” é un termo polisémico, porque, se o aplicamos ao coñecemento, queremos dicir que o construímos nós e, polo tanto, nel non adquirimos ningún reflexo da realidade obxectiva, exterior, posto que o coñecemento depende só dos intereses e necesidades continxentes nosas; se á psicoloxía, referímolo ao proceso de como articulamos uns sistemas cerebrais que nos permiten coñecer o mundo e, incluso, ás experiencias que vamos gañando á través do decurso vital; se nos referimos ás matemáticas, pensamos na construción mental dun obxecto matemático, algo así como intuíndoo, potenciando aquí a teoría do intuicionismo na matemática; se á arte, non poderemos evadir a referencia ao ruso do século XX, especialmente o arquitectónico, etc.

O meu propósito nesta colaboración élles levar esta perspectiva epistemolóxica á sociedade, e neste suposto, sen entrar a fondo de como as categorías do coñecemento e a mesma realidade son froito das relacións e interaccións sociais (segundo o construtivismo), só considero as realidades sociais que constrúe o home para a súa organización política, económica, xurídica, do ensino, etc., e as normativas adecuadas. Pero convén resaltar que, para que esta clase de construcións sociais sexan eficientes e respondan ás esixencias das distintas e relativas necesidades dos cidadáns, é mester contextualizalas e adecualas, evitando as actitudes de excesos ou defectos que poidan perturbar o uso utilitario das mesmas: Aínda guiados pola teoría, hai que primar a práctica e “darlle a palabra” á experiencia, porque a casuística social é moi rica e esixe un trato inmediato e singularizado, que non sempre se reflexa na teoría derivada dunha paramétrica ideolóxica.

E por isto, penso que, no ámbito da xestión política, a correlación rigorosamente complementaria das funcións que corresponden ao Poder Executivo, Xudicial e Lexislativo, sempre mantendo as súas propias identidades funcionais con plena independencia, é a clave que garante a xustificación das ideas aplicadas aos eventos sociais, o presuposto credencial nunha democracia, porque as crenzas fundamentais, seguindo a Ortega, xa as temos, e as ideas hai que apoialas nelas e elaboralas. Xustamente por isto, PARTIR DAS IDEAS PARA XUSTIFICAR A APLICACIÓN DE CRENZAS FUNDAMENTAIS Á CASUISTICA É REVERTER O PROCESO. De aí que tratar de xustificar crenzas, derivadas ideoloxicamente, no ámbito social, cando menos é moi arriscado.

Velaquí por que a Sra. Vicepresidenta do Goberno cando expuxo a necesidade de introducir ese “si” da muller na tipificación do delito de violación, na miña modesta opinión, caeu na reversión do proceso, sen fundamentalo na crenza de que ese “si”, no suposto da violación, pode ser un “non”, pola actitude cautelosa de evitar un mal maior; pero, ademais, robotizaría a decisión xudicial, furtándolles aos maxistrados a súas competencias hermenéuticas, xa que lles impediría considerar a posibilidade de valorar equitativamente o alcance probatorio do “si” como “non”. E isto, precisamente, pola implícita e subconsciente atribución dunha confusión de competencias, a de APROBAR pola de PROPOÑER, cando menos así parece que foi entendido, comporta unha construción inadecuada e descontextualizada.

Inadecuada, posto que se omite unha crenza esencial nas relacións sexuais, nas que prima unha linguaxe peculiar, incluso xestual, de mutuas recepcións intuitivas de mensaxes, NON SEMPRE MÁIS OU MENOS APROPIADOS RAZOAMENTOS DE “SI” OU “NON”, que os maxistrados teñen que deducir do resultado de todas as probas practicadas, cunha coidada análise das que eu chamaría “especificamente pertinentes”.

Descontextualizada, porque, respecto á introdución de ese “si”, nin parece que estea desta maneira recollido noutras leis penais internacionais, nin é competencia, sen pasar polo baruto parlamentario, do goberno, e non se pode dar por segura previamente a súa aprobación. Por isto, o barullo que desencadeou dona Carme Calvo nos medios foi de campionato, nos que apareceron toda clase de reproches e alegacións, algunhas delas máis ben dirixidas á persoa que á temática, actitude que tampouco se presenta moi aceptable.

Coidado, pois, coa semántica do “si de dona Carme”, que pode dar lugar a incoar un proceso xudicial, aínda que se estableza como definidor fronteirizo entre o que é constitutivo de delito e o que non o é.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES