Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Versos atlánticos

sábado, 21 de julio de 2018
Versos atlnticos O pobo de Galicia ha estar sempre en débeda coas hospitalarias e acolledoras terras de Cuba. E non só porque foron milleiros e milleiros as galegas e galegos emigrados que atoparon nesta illa un lugar no que recomezar as súas vidas, senón tamén porque boa parte dos nosos máis importantes signos de identidade tiveron a súa nacenza, precisamente, na cidade da Habana.

Alí ondeou por vez primeira a nosa bandeira e estreouse, hai agora cen anos, o noso himno. Alí se asentaron os alicerces da futura Real Academia Galega e publicou Rosalía de Castro Follas novas. Alí se editou El Eco de Galicia, o primeiro periódico da nosa diáspora, e mais A Gaita Gallega, a primeira revista emigrante escrita integramente no noso idioma.

Mais este inmenso legado histórico e cultural que Galicia viu nacer en Cuba, terra de acollida dos emigrantes de noso que promoveron tan bieitas iniciativas, estendeuse a través das xeracións, propiciando un sentimento de irmandade cubano-galega que non só atinxiu os que partiran dende as costas de Galicia cara á illa, senón tamén aqueloutros que, tendo xa nacido do outro lado do Atlántico, sentiron a chamada do sangue e estreitaron lazos de fraternidade coa cultura dos seus devanceiros.

Manuel Álvarez Fuentes é un acabado exemplo desta xinea de cubano-galegos. Nacido na Habana -nada máis e nada menos que no Hospital Hijas de Galicia-, seu pai, seus avós paternos e mais seu avó materno eran coruñeses, polo que non é de estrañar que medrase como habaneiro entrañado na esencia da galeguidade. Tanto é así que, logo dunha estesa andaina como escritor en castelán, que recentemente lle foi recoñecida co seu ingreso na UNEAC (a prestixiosa Unión de Escritores e Artistas de Cuba que fundara hai medio século Nicolás Guillén), vai agora para dez anos decidiuse a escribir nesoutra lingua coa que sempre conviviu nos ambientes familiares e non só e presentou o poema “Eu teño dúas patrias” a un concurso convocado pola Sociedade Monterroso e Antas de Ulla que gañou. Tras destes viñeron outros versos en galego e outras distincións e tamén o recoñecemento de voces senlleiras como a de Xosé Neira Vilas, quen publicou algún artigo verbo da súa escrita.

Así pois, Manuel Álvarez Fuentes ten ben merecido o alcume de Bardo da Colectividade Galega co que moitos o coñecen en Cuba, pois non cabe dúbida da súa inequívoca adhesión á memoria, a lingua e o herdo da terra galega, tan vencellada á súa esencia por ser o berce de boa parte dos seus ascendentes. Sobran as razóns, por tanto, para saudar este Versos de amor, loita… e compromiso que agora publica, ampla colectánea que reúne composicións que abalan entre o intimista e o social, onde ten cabida tanto a loa de persoeiros da colectividade galego e/ou cubana como a lembranza de feitos históricos que xunguen ambos os dous pobos.

Convídovos a que saibades máis e mellor de Manuel Álvarez Fuentes a través da documentada biografía que este antepón aos seus versos, complementada polo suxestivo e documentado limiar arredor da súa biobibliografía que asina o profesor Carlos Loureiro Rodríguez e implementada polo capítulo que dedica á especial relación admirativa que o uniu a Xosé Neira Vilas, a quen o libro vai dedicado. E préstame tamén invitarvos a que vos deixedes engadar pola emotividade dos seus poemas, pola vibración íntima e heroica de tantas das súas plásticas imaxes e polo ritmo cadencioso co que vai cosendo as estrofas.

Sexan benvidos, xa que logo, estes Versos de amor, loita… e compromiso de Manuel Álvarez Fuentes publicados por Edicións Fervenza, escrita cubano-galega, semente abrollada da nosa emigración que segue viva nestes versos atlánticos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES