Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Víctor Corral: Arte en esencia

martes, 17 de julio de 2018
Hai lugares míticos ou máxicos que hai que visitar para vivir realidades intanxibles, diferentes. E un deses lugares está en Galicia, e chámase o San Andresiño de Lonxe, San Andrés de Teixido, onde o imaxinario galego aprendeu que irá de morto o que non foi de vivo.

Pois hai outros lugares aos que hai que ir de vivo, e canto máis novo mellor, para empaparse do ambiente que alí se respira, para contaxiarse do espíritu que goberna aquel lugar, aquela paisaxe, aquela arte.

Víctor Corral: Arte en esenciaUn deses lugares máxicos da Terra Chá, está preto de Vilalba, en Baamonde, mesmo á beira da monumental igrexa parroquial e do triple cruceiro, á beira do Camiño do Norte a Compostela.

A porta da entrada pode constituila un vello castiñeiro, inmediato á igrexa -hai unha asociación cultural en Baamonde que por iso se chama Castiñeiro Milenario- que coidamos que é o único castaño vivo no mundo que ten unha capela da virxe no seu interior.

O escultor Victor Corral, cando hai moitos anos, viu que a árbore estaba morrendo, alomenos parcialmente, ocorréuselle tallar, para que non a cortasen, unha capela na honra da virxe do Rosario no seu interior, e moito tempo despois, agora mesmo -parece un miragre- a árbore mantense viva por fóra, e dentro ten a que seguro é a máis orixinal capela de Galicia. Victor Corral, sobre este feito, agradece a oportunidade:

Dou grazas a Deus
por deixarme poñer as mans
no rei dos castaños.

Pero esto só é a entrada, porque subindo a costiña á beira da igrexa, chegamos á casa-museo de Victor Corral, onde non hai establecidas indulxencias pola visita, pero si hai garantía de boa acollida, de satisfacción de espíritu, de tranquilidade compatible co asombro e a admiración que despertan todos os elementos que nos rodearán.

Porque Victor Corral, de familia de once irmáns, nado en Baamonde, que emigrou para admirar a súa terra desde lonxe, era artista desde moi neno… e demostrouno cando de pequeno cando ía coas vacas ao monte e dedicaba o longo tempo libre a gravar nas lousas (unha atopárona os veciños e déronlla moitos anos despois)… tallando pedras, ou esculpia cunha navalla no soporte artístico que tiña máis de preto… esculpís no corno das vacas para ir deixando pegadas artísticas por todo o seu mundo. Mirando para a nenez, lembra e escribe

Neste fermoso lugar
que Deus creou
vivín parte da miña infancia
de pastor e labrego;
sembrei trigo e medrou,
esculpín miniaturas e hoxe son escultor.

E cando volveu á terra, sendo xa moi grande artísticamente, quixo ter casa de artista e nunha costiña que coroa o pobo de Baamonde ergueu coas súas mans, pedra a pedra, unha casa tradicional na que vivir, e encheuna de arte e de vida.

E a parte alta foi e é a vivenda, e a parte baixa museo e taller. E o contorno tamén é museo para completar a definición de “Casa-Museo” para o marco físico da vida de Victor Corral. Que normalmente os artistas teñen museo cando morren, pero o vital Victor Corral goza –e comparte ese gozo- de museo en vida porque como todo o que toca se convirte en arte, encheu de arte a súa vida e e os lugares donde a súa vida –e a da súa xente- transcurre. O poeta que nos identificou aos chairegos coa terra e coa xente, Manuel María, escribe a Victor Corral, de Victor Corral:

A túa escultura, pura como a rosa,
con recendo a terra e primaveira
é un asombro total, unha fogueira,
unha paixón fervorosa.
A súa nidia verdade temblorosa
ten unha forza fatal e verdadeira
pois agroma da pedra ou da madeira
como clara fontela misteriosa.
Ti fas, Victor Corral, case da nada,
un mundo necesario de esperanza,
aberto á maravilla inagardada…
E sementas en nós, ben sementada,
unha firgoa de luz e unha inquedanza
de beleza perfecta, outa e sagrada.

A súa casa está sempre aberta, e no exterior xa nos saúdan as súas obras petreas de maiores dimensións… unha muller espida (Eva) que simboliza a natureza ou o mundo; unha vaca dando de mamar a un becerriño…e un pombal onde están incrustadas pedras de todo o mundo… Según Victor, son:

Cunchas de coral, ágatas,
rosas do deserto,
amatistas e seixos de cristal
parece que gardan sentimentos,
historias que contar.
Pois elas foron da pedra ao brillante
como a semente ao rosal.

E mesmo hai unha fermosa capela, mostra de devoción do seu creador, tamén feita polas súas mans… e ducias de obras grandes ou pequenas en tamaño; grandes todas en intención, inmensas en perfección.

E alí, sempre, Victor, cos brazos abertos para o visitante, e unha palabra garimosa, e unha mirada limpa, e un ánimo fraterno que abre portas e conquista corazóns. Porque o que se atopa naquela casa-museo é “Arte en esencia”.

Non esquezo que vimos a Vilalba, á capital do noso mundo chairego, presentar un libro que así se titula – Arte en esencia- pero o libro non fai máis ca ser reflexo claro do que Victor sente, do que a súa casa reflicte, e para eso na súa portada aparece Victor no seu paraíso natural e de arte, como invitación para entrar nel; para compartilo con todos nós.

O libro é un conxunto de contraposicións. Ou de complementos. Porque enfronta fotografías das súas obras de arte con poemas da súa autoría, facendo ademáis un percorrido poético pola súa persoa e pola súa obra, de autores consagrados ou de visitantes sensibles que non quixeron (ou non puideron) resistirse a expresar con liberdade o que sinten diante das obras deste singular creador. Díxoo Marica Campo:

Victor Corral, as mans aluaradas,
Victor Corral, os ollos en xaneira,
Victor Corral, a pedra e a madeira
Seducidas por ti e namoradas.

Pedra e madeira; bronce ou marfil, as obras de Victor chegan a todos nós, porque non teñen artificio; son anacos de natureza que as súas mans incribles, gobernadas por un cerebro ssensible e creador, evidencian que no mundo da arte non está, nin moito menos, todo dito… senón que moi de cando xorden seres privilexiados que nos sorprenden cunha perfección imposible.

E fronte á imaxe que se nos ten mostrado do artista doente, sufridor; do artista inconformista, enfrontado a todo e contra todos, en Victor atopamos o artista feliz, contento coa súa sorte, o artista familiar e humano, que –quizais tamén por ser membro dunha familia de once irmáns- pode e sabe decir:

A familia é árbore sagrada.
A educación e o amor fan a persoa
máis humana.

E con isto, case está todo dito dun artista que, non esquezamos, o seu Concello declarouno “Fillo predilecto de Begonte”, e leva toda a súa vida falando coas súas mans; conseguindo que as súas mans produzan obras de arte que falan e convencen; que se expresan e conquistan, como viñeron decir Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda:

O artista soña, reza, canta nesas pedras divinas e humanas
nestes seres –xigantes ou miniaturizados-
que falan, choran, inquiren, protestan, sofren, aman…

Cando falo de Victor falo da súa casa-museo; e ao falar da casa-museo, falo da súa obra… e polo tanto falo deste libro que é un compendio de pensamentos del ou sobre el… que é unha proba testemuñal da variedade e intensidade da súa obra… que é tamén pedra rosseta na que ler para atopar o Victor máis humano, que conquista de xeito definitivo cando fala da súa filla Belén:

Belén: Ti es feliz ollando unha flor
porque a pureza do teu corazón
é de Deus
e a beleza do teu amor
é unha espiga dourada ao sol.

E unha das obras de arte máis estimadas da súa casa é un retrato de Belén feito polo noso veciño vilalbés José López Guntín.
Víctor Corral: Arte en esencia
Os grandes da terra, os grandes de verdade, teñen o corazón inmenso, e a humildade por bandeira. Pois así é Victor Corral, grande e humilde; artista inmenso e home de ben; fillo predilecto de Begonte e humilde chairego -védeo no libro- que mesmo dispón manda para o día despois:

O día que me vaia
nin rir nin chorar.
Grazas por rezar.

Pero ese día conta que estea con el a súa compañeira de sempre:

María Etelvina,
Nai de María Belén e de Eva María.
Así es,
Muller miña,
Señora do meu sentir
E compañeira á hora de partir.

Vede e lede o seu libro. “Arte en esencia” é sinceridade, humildade e humanidade. Inmenso, eterno, Victor Corral.

(Texto lido por Xulio Xiz en Vilalba, na presentación do libro de Víctor Corral "Arte en esencia", organizado polo Instituto de Estudos Chairegos).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES