Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 11 de julio de 2018
Gran cantidade de...

Seica caeu unha gran tromba de auga. Seica si. Normal; cando hai treboadas adoita cear gran cantidade de auga. Tamén os The Doors deixan caer unha gran cantidade de son e de boa música. O bo sería que alguén deixara caer unha gran cantidade de cartos, de diñeiro, de euros. Vale, tamén de cariño, si. É que algúns xa estarán pensando que vale máis un sentimento que todo o ouro do mundo. Algúns. É certo que hai sentimentos... que se senten. Así de sinxelo. Outros non senten nada e viven prosmeiros, en estado catatónico e sen saber que están nesta sociedade para cumprir o compromiso. Que compromiso? O de ter espírito para vivir? Hai quen tan só ten un simple espírito maligno na súa conciencia. O espírito maligno ten conciencia? Hai uns poucos que queren aniñar sobre o sentimento dunha rula que está aí, sobre o arame Pingas de Orballodunha melancolía que lle vén de máis alá dunha curta distancia. Hai gran cantidade de pasos entre unha ollada e unha palabra. Pero hai todo un sentimento entre un salouco e un latexo, entre un suspiro e unha palpitación. Algúns queren ter ou teñen xa unha gran cantidade de sentimentos. Tamén Lázar Berman sente o contacto dunha tecla do seu piano.

Can hidrófobo por Baños de Molgas

Cando lin a noticia que un xornal galego publicou exactamente o 29 de abril de 1913 chamoume a atención a restra de nenos feridos que foi deixando un can no seu percorrido. Resulta que uns días antes, un cadelo hidrófobo, é dicir, con rabia, percorreu algunhas aldeas do partido xudicial de Allariz mordendo ó torto e ó dereito. A un tal José Rodríguez Fraguas, de 18 anos, mordeuno na man esquerda. A Juan Pérez Bouzas, de 13 anos, meteulle o dente no antebrazo esquerdo. A Benita Seara, de 11, e a Severo Pérez, de 7, mordeunos no peito. Todos eses rapaces eran de Allariz. Pero o can rabioso seguiu o seu percorrido e chouto ó concello de Baños de Molgas, onde mordeu na cabeza a José Quiroga Romero, de 6 anos, e natural de Almoite. A Francisco Nóvoa Forrón, de 13 anos e de Brandín, meteulle os cabeiros na coxa esquerda. A Domingo Álvarez Cid, de 4 anos e de Maceda, no brazo dereito (menos mal, xa pensaba que o can era de esquerdas). Tamén resultaron con graves mordeduras José Quiroga e Francisco Novoa. Todos os nenos ingresaron no instituto antirrábico e atendéronos os doutores Porto e Rionegro, que lles fixeron as primeiras curas. Os pais pediron subvención á Comisión provincial e esta foi quen de concederlla.

Chégalle ben pallaso!

Máis sobre o Mundial de Rusia. O peor de todo é que xa nin nos queda Portugal. Sobre o asunto (ese no que pensamos todos), non digo nada porque ata me dá vergonza. Víase vir, pero... a esperanza é o último que se perde. Pobre esperanza! Pois si, menos mal que era pobre e doe menos a cousa. É máis, incluso ata quedou un coma liberado, case coma contento. Non fales máis, oh. Non falo máis. Falo de Neymar. Mira que me estaba caendo ben este rapaz. Pero as parvadas que fixo ante México; iso non é de profesionais. É certo que, por exemplo, Luis Suárez fai o mesmo, pero... non sei, de Suárez xa o temos asumido, xa sabemos que é así. Como era Stoichkov. Como é Diego Costa. Pero Neymar, o cacho xogador que é Neymar. É certo que sempre fixo esas paifocadas, pero non como as do partido contra México. Aí tiñan que botar tamén man do VAR e expulsalo. Así de simple. A ver se escarmentaba. O VAR ten que ser tamén Pingas de Orballopara ensinar. Para ensinarlle a un parvallán, a un badulaque que iso non se fai, que hai que ter un pouquiño de respecto polo contrario, polos compañeiros e polo público. Xa van dous grandes que me alteran un chisco as entrañas: Ronaldo por vaidoso, por egocéntrico e Neymar por pallaso. Chégalle ben ese nome. Porque eu adoito usar o cualificativo pallaso nun ton moi despectivo.

O maldito alieníxena

Non hai maneira! O calo non quere saír. E iso que xa levo dúas almofías de auga quente con sal. Moito furgo co cortaúnllas, pero nada. Vexo as estrelas, pero o maldito alieníxena segue aí metido. Pois ten que saír. Aínda que só sexa un cacho. Porque mañá toca sulfatar e teño que andar todo o día enriba del. A ver se mentres escribo abranda un pouco máis. Para meterlle logo no cuarto de baño a banderilla como touro na praza dos horrores, é dicir, como bicho na planta esquerda do meu pé. Si, xa sei que teño que ir a un calista, pero... para que? Ós trinta días ou ós dous meses volve estar aí o malnacido. Para que, ó andar, de cando en vez, pise algunha coíña e, aí si, nese momento, xuro e prometo que vexo máis que estrelas. Noto como unha dor lacerante sobe por min arriba e solto catro palabras ou máis que non teñen cabida neste relato. Maldito calo! Estou a sufrilo desde principios dos oitenta, de cando viaxaba todos os días no metro e descargaba todo o meu peso sobre a perna esquerda. Dise que o ser humano adoita descargar o peso do corpo sobre un pé tan só. Digo eu que sería diso; que a pobre planta do pé fartou de queixarse ata que se vingou. E vaia se o fixo!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES