Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As mans do pianista

viernes, 29 de junio de 2018
Este director de orquestra arxentino-isreaelí ten outras dúas nacionalidades: española e palestina. Como a música é linguaxe universal, un músico xenial con tantas raíces, tamén é cidadán dun mundo sen fronteiras. Daniel Barenboim.

Durante anos dirixiu a que foi considerada a mellor orquestra do mundo, a de Chicago. Tamén é pianista e, ademais, ben capaz de reflexionar en voz alta sobre música, política, cultura, sobre os problemas en carne viva da época que lle tocou vivir. Esta.

E así, como xudeu reflexiona sobra a perda de humanidade en Israel, fenómeno notable deste pequeno pobo protagonista de éxodos, diásporas, martirios e que agora esqueceu o seu papel de vítima. Como cidadán do mundo lamenta a perda de humanismo nos puntos quentes do planeta, e nos lugares mornos desde onde se dirixe o arquestra do poder. A Barenboim preocúpalle a falta de pensamento. Ou que se confunda a esmorecente educación coa inundación de noticias, informacións e deformacións que chegan por redes sociais e pantallas en tal cantidade que resulta complicado procesar, organizar, priorizar.

Por iso, por esta falta de educación, vivimos nunha época que mestura a extrema intelixencia coa extrema estupidez. Uns poucos, unha élite co inmenso poder da información, coloniza a maioría dos cerebros do planeta.

A música, fermosa amalgama de razón e emocións, fainos mellores. Pero desde o alto dos escenarios apenas ve mocidade nos seus concertos de música culta. Semella que a música clásica non engancha aos máis novos. E iso que escolas de música e conservatorios están cheos de rapazada. Seguramente un freo económico impida asistir aos concertos. A cultura é moi cara pero a ignorancia non se pode pagar. Por iso éche un dexastre perder a vida musical nun mundo dominado polo ruído e polas novas invasións dos bárbaros.

Éche unha traxedia xigantesca o que está a pasar na educación, e de como a parte humanística, as artes, a filosofía, a música, van desaparecendo do currículo. Recibimos moita información pero retrocede a educación, reflexiona Barenboim. Pero só a educación outorga a capacidade de procesar a avalancha de informacións que recibimos. Aprender a pensar é sempre tarefa urxente, sempre inacabada e inacabable.

Trátase de recuperar a música, a disciplina, o traballo en equipo. Recuperar a maxia do espectáculo, a capacidade de sorpresa, os ollos do neno que non cansan nunca de admirar. Recuperar o valor da escoita e do silencio, é dicir, a capacidade de pensar, de degustar a beleza dos sons, a repugnancia polo ruído. Nada hai tan gris e tan triste como un mundo sen as cores vivas e excitantes da música que nos agasalla cunha soa guitarra, un cuarteto de vento, unha voz anónima, unha gran orquestra sinfónica. Ou as mans dun pianista.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES