Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As Laponias españolas

viernes, 22 de junio de 2018
En 'La España vacía' Sergio del Molino alerta sobre a España desvertebrada, partida en dous. Hai unha España baldeira, envellecida, de economía precaria e futuro inquietante, e outra que se mantén e medra nas costas e no 'arquipélago' das cidades do interior. Ou no xigantesco oasis de Madrid. A crise foi acentuando a fenda entre as dúas Españas. Velaquí o país europeo que transitou máis axiña da equidade á desigualdade.

O proceso de ruptura empezou hai moitas décadas. E con el, o baleirado. A xente marchou cara ao estranxeiro. A Madrid e o País Vasco. Ou cara a Cataluña onde soan con forza tambores de ruptura. A fenda entre bandeiras acabou ocultando a fenda entre clases sociais, entre a España Baldeira e a España Periférica. Semella unha maldición cuasi xenética a que nos empuxa con máis entusiasmo a afiar coitelos que a crear lazos, a erguer valados en canto de construír pontes.

Agora, un xornalista Paco Cerdá, vén de escribir 'Los últimos. Voces de la Laponia española'. A Laponia finesa ten unha superficie de case cen mil qm2 e baixísima densidade de pobación. A nosa Laponia ocupa unha zona enorme enclavada no Sistema Ibérico. Sobre o mapa semella máis do dobre que a Cataluña limítrofe. E como as serras non coñecen fronteiras, este amplo territorio baldeiro esténdese por catro comunidades autónomas: Valencia, Castela-León, A Rioxa, Aragón.

O xornalista, nunha viaxe chea de reviravoltas, percorre nas 200 páxinas do libro, máis de 2.550 quilómetros pola España Baldeira, a chamada Laponia española da Serranía Ibérica. Como a historia das xentes que viven aquí vén de moitos séculos atrás, 1.355 pobos a cabalo das montañas e do frío. Con menos de 8 h./qm2, non existe un lugar tan baldeiro en Europa. Nin sequera na Laponia Finesa.

Dez provincias dan para dez reportaxes co leiv motiv da melancolía e a soidade. Na zona cero de Guadalaxara, menos de 4 h./qm2. 'Teruel tamén existe!' berran nunha provincia capaz de inventar unha palabra difícil e definidora: demonostasia. Hai unha Rioxa rica e poboada e un recuncho no sur onde a xente vai morrendo ou vaise, dúas formas de fuxir.

En Burgos ten sona o mosteiro de Silos, toda unha metáfora do tempo de silencio no que se ten convertido a comarca. Montaña de Valencia, Castelló, Cuenca, Segovia. E Zaragoza. Todas coas súas Laponias 'desadornadas' de xente. Espidas de economía, de futuro.

En Soria 'lejana y sola' escribía Machado, só quedan as voces nidias dos sobrevivintes. Dos mortos vivintes. As últimas voces da Laponia española non teñen as cores dos risos, os cristais rotos dos berros infantís.

Paco Cerdá escribe bonito de cousiñas tristes. Mentres medran cantos de sereas que abogan por rupturas, dereitos a decidir que agachan o mal olor da xenofobia e o paralizante frío da insolidariedade van medrando outras Laponias no oeste da península, nas zonas de montaña, na Galicia afastada da A9. Os últimos apenas teñen dereitos, palabras para esixilos nin forza para reivindicalos. Son os que viven nas Laponias españolas.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES