Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esquivar a ludopatía

viernes, 15 de junio de 2018
Unha galerna política, como ese vento que azouta algunhas zonas do mar Cantábrico, especialmente na primavera e outono, que sorprende aos navegantes e pescadores sen avisar e pon á proba a habilidade dos pilotos do barco, aquí en España, sorprendendo ao piloto de barco político, arrebatoulle o gobernallo, moi habituado el a descoidar as velas trementes ao vento, cun certo abandono da nave ás tormentas, esperando que o tempo impoña a calma.

Os que necesariamente temos que facer a viaxe nunha nave que alberga no seu interior a couza da inestabilidade, sen coñecer con certeza verificada a carta de navegación do novo piloto, esperamos ansiosos que se eviten as singraduras novas e ideolóxicas sen estar asistidas por unha profunda reflexión contextual, que tome en consideración a complexa composición das forzas que definen a oportunidade na ondada da sociedade. Parece que os/as axudantes do piloto non carecen de consistencia para orientar e contribuír a termar do gobernallo: Ofrecen esperanzadas posibilidades, que desexamos que se traduzan en realidades.

Hai pensadores que estudan a existencia, os altibaixos da vida, do home, da muller, sobre a superficie deste planeta que a evolución nos levou a habitar, e sosteñen que debemos afrontar un adestramento unicamente para saber XOGAR dentro dos límites finitos que se nos impoñen; pero o espazo do xogo está valado e non é tal sen regras fundamentadas, podendo todo isto impedirnos albiscar horizontes que nos sitúan moito máis aló. Polo tanto, non parece racional, nin tan sequera razoable, investirnos só dunhas teimosas prácticas lúdicas, porque a realidade experimentada no decurso da nosa vida evidencia que non vivimos unha existencia exclusivamente lúdica, senón tamén agónica, no sentido combativo, mais non sempre de matiz deportivo: Temos esixencias, tamén a altura destes tempos, ás que non se responde xogando.

Non xoguemos irreflexivamente coa LIBERDADE, se non queremos poñer en perigo as liberdades adecuadas á convivencia, que está necesitada dunha contención sentimental e dun fundamento razoable, incompatibles coa arbitrariedade que preside a apertura de espazos de impunidade á irresponsabilidade cidadán, sobre todo se procede evitar que as liberdades máis básicas e elementais queden coartadas no ámbito dunha convivencia na que a sensatez se vexa eclipsada polas distintas clases de violencia.

E cando me refiro a “contención sentimental”, non estou cuestionando os sentimentos en canto valoración consciente dunha experiencia subxectiva en xeral, que sempre se presentan acompañados de certa emoción; pero mentres esta responde inmediatamente a un estímulo, o sentimento fai referencia á capacidade de pensar e reflexionar conscientemente acerca da pertinencia de seguir o movemento emocional. Xustamente por isto, os psicólogos din que o sentimento é bidireccional: Vai da emoción a consciencia, e de esta á valoración das pegadas que aquela deixa.

Con esta achega, sen dúbida teoricamente insuficiente noutros casos, creo que se entende ben que por “contención sentimental” refírome a serenar as reflexións sobre os impulsos emocionais, porque todas as persoas, e especialmente con elevadas e complexas responsabilidades políticas, deben madurar a competencia para tomar decisións acertadas nestas situacións anímicas. E penso que, polo menos aquí, hai algunhas razóns que así o aconsellan. Son a seguintes:

-Porque as reflexións derivadas das emocións impóñense no ámbito da subxectividade, cun certo apriorismo, mentres que as reflexións racionalizadas prodúcense nun proceso de racionalización que parte de premisas abertas á discusión, son conclusivas a posteriori de ese proceso, posúen condición de obxectivas e propician a imparcialidade.

-Porque no ámbito político sería necesario facer unha intelixente catarse dos impulsos emocionais, desencadeados pola CONFESIONALIDADE ideolóxica, para facilitar a exploración doutros horizontes que inviten á persoa humana a transcender as súas limitacións, pois mantela encerrada nelas nin tan sequera sería progresista, e o sentido da vida subsumiríase na opacidade da operatividade da mecánica orgánica.

-Porque a persoa responsable de pilotar a nave estatal, nun mar tan embravecido e con un dinamismo tan esixente e complexo, tamén debe valorar criticamente a natureza e alcance das reflexións ofrecidas polos representantes das distintas forzas políticas, xa que algo terán de aproveitable.

E aínda que non temos, por agora, motivos para dubidar de que estas razóns non sexan consideradas, é mester ter moi presente que, en todos os supostos, sempre hai unha lóxica de fondo, que, con paradoxo, pode resultar tremendamente ilóxica nas variacións de posicións formuladas, explícita ou implicitamente, como contraditorias. Convén, pois, estar ben advertidos de que o ilóxico, no seu ámbito sostido como lóxico, crea experiencias e xustifica pretensións aí contempladas como correctas, ás que se sosteñen cunha perseveranza tal que non hai DIÁLOGO que non corra o perigo de ser DUALÉCTICO, no que unha ousada igualdade ven a dar a equivocada visión da existencia dunha oposición real; e así, con lóxicas incongruentes, as discordancias están servidas, e sobre todo cando a vinculación dos opoñentes é unha relación xerárquica, que algún deles se obstina en borrar. O exemplo ven suxerido pola ESIXENCIA!!! DE TORRAS de establecer INMEDIATAMENTE!!! un diálogo DE PRESIDENTE A PRESIDENTE...

Apertura e diálogo, si, pensamos moitos cidadáns; pero un mínimo de elegancia, educación institucional e sentido xerárquico aconsellan reservar as chularías para os faladoiros de café: Esperamos que o Sr. Presidente do Goberno, que ostenta a representación de todos os españois e as españois na xestión dos asuntos de Estado, sexa capaz de manter a dignidade dos/as mesmos/as, lixada por algúns que queren acadar os seus obxectivos desde os máis execrables comportamentos linguateiros, como nas lides de barrio.

Desexamos, por conseguinte, que os que teñen a responsabilidade de levarnos por unha correcta singradura non caian na “acrasia”, é dicir, non perdan o dominio de si mesmos, nin pasen dunha proporcionada ludofilia a unha degradante ludopatía, como ocorreu hai algúns anos con algunhas propostas pedagóxicas que rexeitaban o traballo disciplinado e, incluso, o rigor analítico, e, por suposto, o esforzo intelectual e un mínimo de memorización: Recordo como nun IES un profesor de Grego impartía as clases cun teimoso cambio de lugar dos pupitres, segundo parece por razóns pedagóxicas, e os alumnos encantados de pasar os meses sen memorizar o alfabeto, nin as declinacións, e menos o verbo “eimí”, un esforzo innecesario por aplicación dunha importada pedagoxía lúdica.

A este respecto, o profesor Carlos Díaz, catedrático de bacharelato e profesor de Historia da Filosofía na UCM, escribiu ironicamente o seguinte: “Así que mestres, non; leccións maxistrais, non; república de profesores, non; barretes e togas, non; ensinanza, non”. Nada de escolarización. Que cadaquén aporte as súas ideas, metelas nun batedor común, axitalas previamente antes do uso, e gozar da verdade democrática e obtida por universal confusionismo simbólico.

Non xoguemos, xa que logo, co ensino e non importemos e xeneralicemos modas pedagóxicas sen contrastar. Preparemos para a vida dosificando os sacrificios absolutamente necesarios. Porque estes tempos van esixirnos cambios que impoñen esforzos para acadar unha cultura que permita asumilos cos menos traumas posibles.

É un vello (deixémonos de eufemismos) quen isto escrebe, e de volta dos moitos erros cometidos, non quixera cruzarse no camiño coa louzanía dos que hoxe pilotan a nave española, sen dúbida dotados de boa formación para acertar coa singradura, se os acompaña a competencia para decidir.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES