Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poética do vento

sábado, 16 de junio de 2018
Hai poetas que son como un amor de verán, fugaces pero intensos, que acompañan os días breves de rosas e viño, mais que, chegado o momento, desaparecen nun ronsel de néboa. Mais existen outros que son como un lóstrego escuro da ánima, unha cosedura que vai tradeada ao cos coma un xugo antigo, voces que velan as túas xeiras e son compaña A poética do ventofidel nas horas máis luminosas, nas xornadas máis avesías. Un deses meus poetas de cámara é Xulio L. Valcárcel, melancólico aedo do insondable.

Nestes últimos tempos dúas foron as alegrías que nos trouxo o escritor lugués: a compilación da súa Poesía reunida (1979-2017), de título tan evocador como definitorio: Memoria dos días, formas da levidade, un volume que incorpora un indispensable limiar do profesor e crítico Luciano Rodríguez, con certeza quen con máis constancia ten estudado a obra do autor.

Esta recolleita de todo o seu labor lírico de case corenta anos ofrece a oportunidade de ler por xunto os sete poemarios que ata agora dera á luz (con textos que son xa obras de referencia da nosa escrita das últimas décadas, como Memoria de agosto, A melancolía dos corpos e, sobre todo, Casa última) e, amais, suma ao conxunto o aliciente da adición de dous novos títulos: Límites (2015) e Outono nos espellos (2017), este último, por certo, tamén publicado en edición exenta por Medulia Editorial, obra da que me ha prestar salientar agora algúns trazos.

As cinco seccións que compoñen este novo libro de Valcárcel avanzan por vieiros temáticos e estéticos diversos pero complementarios. Namentres os dous primeiros bloques (“Néboa” e “Vento e veleiros. Unha singradura”) teñen no referente mariño a súa espacialización preferente e simbólica, a terceira das tiradas (“Intres”) deita unha ollada rememorativa ao pasado para afirmarse na loita presente, a cuarta das seccións (“Baixo a mesma choiva”) continúa a liña precedente para completala con poemas dedicados e écfrases e a derradeira (“Outono nos espellos”) ancora na mestizaxe creativa.

O resultado de todo o anterior vén confirmar os trazos da poética de Valcárcel que tan ben asentara en entregas anteriores: a nostalxia polas raíces esborroadas e a casa matriz perdida, o laio polo tempo da infancia e mocidade que esvaeu irremisiblemente, a dor pola perda dos seres queridos que se foron, a asunción do implacable pasar do tempo ou a lembranza dos territorios vitais aos que o corazón está atado. Todo, xaora, envolveito nun ar de melancolía que contempla os seres e as cousas, os días e os tránsitos como nun ollar de cámara lenta, cósmico e inaprenhensible, babel de sentimentos e conceptos, de imaxes que bailan vagarosas na retina.

Os poemas crepusculares de Valcárcel déixanse ir na vertixe do verso curto unhas veces e galopan en trote demorado e largacío outras, mais decote crean fisuras irreconciliables entre a sintagmática oracional e a rítmica, obrigando o lector a un exercicio de (re)construción de sentido que ensancha a interpretación do texto.

Ler a Xulio L. Valcárcel neste o Outono nos espellos é aprender que os palacios, os templos, os mausoleos, as pontes, as estradas, os camiños, os museos, os estadios, as cidades ou as bandeiras son realidades pasaxeiras, mais o ar da palabra, a bris da verba fundante ha permanecer mentres o ser humano alente, pois ese vento que nos empurra vén connosco, é parte de nós e sempre estará ao noso carón: “Estiñará a choiva, pero continuará o vento,/ calará o trono pero permanecerá o vento,/ enmudecerán os gritos,/ secarán os océanos, apagaranse os ecos,/ pero seguirá o vento./ Seguirá o vento co seu lamento longo,/ co seu ouveo desesperado./ O vento arrastrando un remuíño de follas tristes/ por unha chaira infinita e desolada./ O vento ouveando só,/ como un can insomne e tráxico,/ ouveando nas tebras, teimudo, perenne, obstinado,/ cando xa ninguén poida escoitalo”.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES