Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O berce de pedra de Díaz Castro

miércoles, 13 de junio de 2018
O berro das Pedras é o poema mais longo do poemario Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, o único libro publicado en vida do poeta e do que, como ben di Marica Campo, é moi difícil escoller o mellor entre os trinta e dous que compoñen a obra, debido a gran calidade de todos eles. Aínda que a pedra está presente en todo o libro, nesa composición quixo utilizar esa materia nobre e fría como fío condutor para lembrar a historia, cantar aos pobos antigos, invocar aos antepasados, ás divindades, ás lendas e ós mitos; no que a pedra dos dolmens foron cristianizadas por Xesús na pedra románica e barroca baixo as alas das torres xemelas de Compostela, para vivir en comuñón e harmonía por encima do tempo e dos séculos nun ambiente panteísta no cal a pedra, traballada ou non, é un símbolo de unidade e permanencia.

Non cabe dúbida de que ese material tivo moita influencia na súa obra, debido á cantidade de penedos e canteiros que houbo na parroquia natal do poeta, como nos lembra o compañeiro Antón de Guizán, presidente da Asociación Cultural Lareira de Soños, nun interesante artigo aparecido no suplemento A Chaira do diario El Progreso o pasado día vinte e dous de maio.

A súa aldea natal do Vilariño, o seu paraíso perdido, está rodeada de penedos e rochas graníticas da serra de Montouto; incluso diante dela, ao lado da súa aira de mallar, nunha finca de Abelardo Calvo (Abelardo do Carboeiro), foi onde collín a pedra na que esculpín o seu busto.

Os Manchas, casa natal de súa nai, está tamén a carón desa serra e daquela casa saíron dous grandes canteiros, dos que tamén fala Antón, que labraron preciosos e artísticos cruceiros: Ignacio Castro, un antepasado do poeta esculpiu o cruceiro de Río Torto do Buriz e Eustaquio Castro, seu tío e padriño, esculpiu as caveiras que se atopan ao lado da igrexa, na entrada do cemiterio vello de Os Vilares, como querendo poñer os lindes entre os lugares dos vivos e dos mortos, e tamén o calvario que se atopa no adro da mesma parroquia, segundo me teñen contado o poeta e mais seu irmán Serafín cando paseabamos polo Vilariño.

As casas dos labregos están feitas de canterías de granito que nos protexen dos calores do verán e das xeadas do inverno, o pan de trigo ou de centeo, que nos alimenta, móese na pedra albeira do muíño e cócese tamén en fornos de pedra; incluso a pedra foi noutros tempos a derradeira morada dos vilaregos, baixando á terra con eles en forma de sartego, como os que apareceron arredor da igrexa. Esa comuñón entre o home e a pedra marcou para sempre a vida do poeta. Metaforicamente podemos dicir que o berce de Díaz Castro é de pedra, labrado en granito de Montouto polos seus antepasados canteiros.

De neno pastaba as vacas e xogaba por entre aqueles penedos e, xaora que nese ambiente é doado que sentira sempre un forte amor por ela. Cando lle ensinei a un estudoso da súa poesía as fotografías deses penedos quedouse abraiado e díxome que iso axudáballe moito a entender os seus versos, aínda que tampouco sexa necesario entendela para admirar a súa beleza, porque como el mesmo dicía nunha carta dirixida a Celso Emilio Ferreiro e datada en 1955: Toda poesía ha ter unha dose de misterio, de fermosa inaccesibilidade e segredo tentador en descifrala, porque a poesía é síntese e non necesitamos comprendela totalmente para admirala; e a súa ten todo iso e moito máis.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Noticias RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania