Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A morte programada do rural (1)

martes, 12 de junio de 2018
A morte do rural comeza pola morte da casa e a aparición desas leis estranxeiras que pregoan un pobo castelán na Galicia de casas isoladas.

Cando aos políticos galegos se lles mete na “cachola” que hai que xuntar aos aldeáns en pobos con fonte e praza castelá, están paredando a primeira pedra da edificación chamada emigración clandestina cara a vila, a cidade e o abandono do noso rural.

A nosa Galiza aínda que nos castros tivese unha veciñanza circular e plena marcada polas necesidades defensivas, a seguridade gorenta liberdade cando baixan dos outeiros e os galegos se espallan como as sementes que prenden nos mellores terreos da campía e fan casas, non todas xuntas como quererían os políticos, senón como di Manuel María “unha aquí e outra acolá”, isoladas á regalía dos desexos e dos rebrincos dos prados, das fontes, das grandas e das valiñas.

O espírito dos nosos ancestros non estaba cercado como os curros, nin cercenado polos desexos duns políticos uniformados por mentes pequenas e “adláteres” xuntando nun remuíño a canto ser humano vive á redonda; . . . non, a mente dos nosos ancestros era libertaria, voaba como os paxaros ou as abellas que dispuñan de abeluria en abeluria a súa casa e o seu contento, e daquela aínda non se lle podía poñer portas ao campo, mais agora si, agora as portas hai que poñelas onde mandan os políticos, e así lle vai a nosa Galicia, e por ende, ao noso rural.

Galiza nace e desenrólase polo desexo dos pais e dos fillos de facer unha casa naquela leira propiedade da familia, se cadra, grande como para satisfacer as necesidades propias da vida isolada, mais cando prohibes facer unha casa no que chaman zona agrícola non catalogada, estás acabando co rural en favor da cidade, e xa podes dar diñeiro aos leiteiros ou a quen queiras, que o rural así non renace, mantense mentres pagas, e pagas ben por uns intereses espurios a dúas ou tres persoas en cada parroquia, mais falta e faltará sempre a xente que fai grande e dá valor aos prados e ás leiras, porque o espírito dos ancestros rebélase en contra deles e escapa polas corredoiras da emigración e non volverá nunca xamais, a non ser como membro que forma parte da Santa Compaña e que virá buscar aos poucos que faltan a esa morte programada do rural.

Galicia necesita unhas leis máis abertas para poder edificar onde a xente queira e non onde lle manden os políticos. A culpa do abandono do rural non deixa de ser unha neglixencia e un delito responsabilidade dos políticos, e aos galegos dóenos o corazón cando vemos que tiran unha casa fóra da ordenación das súas mentes aparvadas, botándolle sempre a culpa a que non teñen servizos que logo cobran a cambio de votos.

Queridos políticos, o abandono do rural evítase comenzando por ser máis condescendentes coas novas edificacións e non uniformando as casas en franxas edificatorias que son a contranatura da nosa terra. A liberdade que vostedes pregoan, fagan ornamento e boato dela e dénnola tamén aos galegos.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES