Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O código Xubín

sábado, 09 de junio de 2018
O cdigo Xubn A versatilidade é unha das características definitorias do quefacer de Isaac Xubín, quen nos últimos anos ten camiñado igual polos vieiros da narración ca polos da poesía, cultivando tamén a tradución e mesmo o ensaio. Neste seu laborar literario múltiple veu publicado recentemente A cadencia da fractura, obra coa que se fixo acredor do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.

Da escrita de Xubín teño dito nalgunha ocasión que debuxa unha melancolía combativa, creando un territorio de consciencia escritural plena que reivindica a loita e aborrece a submisión. Velaí como, en non poucos sentidos, os seus versos erguen arpas coma coitelos, unha estética escarlata sempre revolucionaria.

Neste A cadencia da fractura afonda nesas trabes mestras preconfiguradas en anteriores libros. Dáse aquí unha poética da identidade na que o Tempo e o seu pasar teñen moito que dicir, tamén a ancoraxe vital na hora primeira da infancia e a mocidade, pero, sobre todo, o fluír imparable dos anos, metaforizado na presenza dunha sorte de riografía que dedica poemas aos cursos fluviais das cidades nas que viviu ou que visitou, como o Bidasoa, Mosela, Sar e Sarela, An Laoi, Vístula ou Neckar. É un pasar heracliteano, o anuncio da morte como cabo, tamén a asunción de que somos materia de Cronos, reconfigurándonos sempre en tempo real.

Doutra parte, no libro hai tamén unha lúcida reflexión a propósito do xenérico e o relacional e, sobre todo, do concepto de estranxeiría, ese ser fóra da terra de orixe, non do lugar que acolle pero tampouco totalmente daquel do que se está lonxe, producindo unha estrañeza que ten moito que ver con esa procura dunha identidade firme ante o acoro dunha mutabilidade incesante.

Por descontado, os versos de Xubín convidan igualmente a unha reflexión sobre o fenómeno da escrita e o seus límites, verbo da súa necesidade e funcionalidade, nun repregamento metapoético que é xa un sinal da casa.

De xeito complementario coas anteriores vías de exploración lírica, a obra ten un moito de simbólico-matemático na súa profusión de baleas polo océano da vida, cifras e cálculos que nos gobernan, ríos que se abren á fluencia de seres e circunstancias e gumes de navalla que sangran os días e os soños.

Todo ese repertorio vese aínda enriquecido coa visopoética resultante do diálogo das ilustracións do propio autor cos seus versos, concretando un código icónico-verbal altamente significante que xa ensaiara en anteriores títulos, poño por caso en Con gume de folla húmida.

Tan xenuína escrita é o resultado da converxencia de moitas tradicións das que bebe a formación e devoción do autor, tanto foráneas coma da terra. E velaí como neste A cadencia da fractura son citados moitos autores igual do ámbito hispánico que do resto de Europa e, xaora, tamén da nosa tradición.

A cadencia da fractura é un profundar na sondaxe do pensamento lírico de Xubín, que transcende os límites do rito para cuestionar abertamente os vínculos que conectan mobilidade e violencia, linguaxe e corpo, nun dicir sempre orixinal e revelador.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES