Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cóntoche que me contaches

miércoles, 06 de junio de 2018
Os tempos demóstrannos que a historia e, polo tanto, a propia vida é, a miúdo, unha viaxe de ida e volta na que te atopas fronte ao propio espello realizando unha mesma acción pero mudando de papel na súa execución. Isto foi o que me pasou o outro día estando coa miña avoa sentados na cociña de Vilaxuste. Cando eu era un neno miña avoa acostumaba a levarme con ela a durmir a sesta. Isto era o fácil. O difícil era que eu durmira porque sempre lle pedía que me contara contos e o máis habitual era que acabáramos os dous rindo a cachón.

Había moitos contos que ela aprendera de seu pai pero, sen dúbida, o meu favorito sempre foi o “arrancapinos”. Realmente, Arrancapinos era un personaxe dun conto que protagonizaba Juanito el Oso, sen dúbida, un héroe da miña infancia. Un home que nacera froito da unión dunha muller e un oso e que coa súa forza axudara a escapar a súa nai. Logo, atoparía polo mundo ao Arrancapinos e ao xogador das chapas que , por certo, era un muiñeiro que xogaba ás chapas coas pedras do muíño...

Hoxe non é día de contar aquí esta historia coa que soñei toda a miña infancia e que estou na obriga de contar aos meus devanceiros para que siga surcando xeracións. Non entanto, o outro día descubrinme lembrándolle á miña avoa a historia. Conteilla tal e como centos e centos de veces o fixo ela con idea de adormecerme, provocando en min o efecto contrario. Ela dicía que non se lembraba ben, entón deixeille a ela os diálogos que reproducíu á perfección e ao mesmo tempo, metín algún gazapo que correxíu. Entón, descubrín unha maneira de encher o seu tempo co mesmo material co que ela e meu avó encheron o meu maxín. Rematei co Arrancapinos e empecei con aquel das “sopas esparrufadas”, tratábase dun xastre que foi coser a unha casa e á hora de comer a vella preguntoulle se quería as sopas esparrufadas o por esparrufar. O xastre, que non sabía a que se refería, díxolle que llas esparrufara e por unha regandixa do piso que daba a cociña viu como a vella metía o pan na boca machucábao e, despois, cuspíao na pota; entón, ao home xa non lle gustou tanto a idea de esparrufadas e decidíu decirlle que estaba mal da barriga e que non podía comelas.

Alá pola media tarde o home tiña unha fame doente e atopou un lisco de carne nun caixón e comeuno. Despois, veu a vella buscando o lisco e preguntoulle se o vira e díxolle: non e logo, para que o quería? E que ando mal do vientre e uso para untar...

O que me chamou a atención é que sempre pensei que eu contaría isto á seguinte xeración. En troques, agora lémbrollos a miña avoa, forzándoa a reproducir os diálogos no momento preciso da historia. Serve para facela rir, entretela e é coma unha especie de cordón umbilical que nunca perdemos. Cóntolle que me contou e fágoa navegar nun mar de memoria no que sempre nos agarda o doce berce da propia identidade. Antes, o neno estaba no colo e a avoa facíao soñar. Anos despois, siguen soñando nas mesmas palabras que se gardan, de boca en boca, para a eternidade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES