Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Estés ourensáns están tolos

viernes, 01 de junio de 2018
Se eu fose Isabel Coixet e lera o titular que abre a portada do xornal de hoxe -onte, para vostede-, xusto por riba da foto que ilustra a información na que se di que Boborás se viste de cine "para ela", exclamaría para os meus adentros o mesmo que exclamaba Axtérix cando vía esnafrarse, un tras outro, ós romanos contra o marmítico barrigón de Obélix: Estes ourensáns están tolos!

É dicir, que mentres xentes de fóra da nosa provincia, coma ela, afánanse en demostrar que Ourense pode ser un excelente plató de ficción, con infinidade de recantos nos que inmortalizar, verbigracia, historias de intimismo costumista -coma as da propia Coixet- en calquera aldea abandonada da provincia, aventuras de damas e cabaleiros nas vellas fortalezas medievais que conservamos, maquinacións, conspiracións e intrigas monacais na vintena de silandeiros mosteiros que nos poboan ou mesmo relatos estraperlarios e contrabandistas nos planaltos da Raia Seca ou do Couto Mixto, os ourensáns pelexamos entre nós para ver quén se coloca a medalla máis lustrosa por afundir o único escaparate internacional que nos queda dende que naufragara o Festival do Miño, é dicir, o Ourense Film Festival.

Tamén é fatalidade! -exclamei eu-, que xusto o día no que se nos informa da rodaxe dunha película á que van ter acceso ducias -por non dicir centos- de millóns de persoas a través dunha plataforma televisiva e que, polo tanto, indirectamente amosará a estética rural ou urbana de varias localidades da nosa provincia no mundo -entre elas, a miña vila-, sexa precisamente o mesmo no que o grupo de goberno do Concello de Ourense fai declaración de incompetencia e déixase vencer pola apisoadora administrativista que dende a maldita crise está colocando ós Concellos na derradeira carta da baralla, ó borde da morte por inanición ou, se cadra, mellor dito, por inacción na xestión política.

Se fixeramos unha análise "DAFO", ou sexa, se estudaramos as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades da nosa provincia co fin de deseñar un catálogo de espazos e lugares como posibles platós de ficción, probablemente a nosa meirande fortaleza estaría asentada precisamente nunha das nosas meirandes debilidades, é dicir, a ausencia de actividade económica e abandono demográfico, que fan que moitos lugares teñan quedado fixados no tempo coma auténticas fotografías de noutrora. Fotogramas tan devecidos por localizadores e cineastas e tan difíciles de atopar noutras provincias carentes de horizontes limpos.

Servirá, pois, a contradictoria portada do devandito xornal, o suficientemente ilustrativa como para que reflexionemos seriamente sobre isto? Ogallá así sexa.

Eu, se teño vagar e ela me deixa, preguntareillo a Isabel Coixet para saber que pensa.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES