Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cruceiros, Cristos, Cruces de pedra e esmoleiros (2)

miércoles, 20 de junio de 2018
Autores: José Manuel Blanco Prado e Manuel Muñiz Besteiro.

II. Clasificación e descrición das diferentes manifestacións artísticas

Neste concello levamos a cabo un censo de 17 Cruceiros, 34 Cruces e 1 Esmoleiro. Así mesmo, puidemos tamén averiguar a antiga existencia doutras 12 expresións artísticas de índole relixiosa, hoxe desaparecidas; trátase de dous cruceiros, de oito cruces, dun vía crucis, e dous esmoleiros. Todas estas manifestacións relixiosas de índole popular aparecen reflectidas a nivel parroquial do seguinte xeito:

Cruceiros, Cristos, Cruces de pedra e esmoleiros (2)A.Cruceiros
1. Castelo de Pallares (San Salvador)
1.1. Cruceiro da 'Casa da Cruz'

Está colocado no interior da 'Casa da Cruz', pertencente ao lugar de 'Castelo pequeno'. Esta manifestación relixiosa de índole popular foi construída no ano 2000 por un albanel de Cerceda. Está composta dos seguintes corpos colocados nunha orde ascendente:

Unha plataforma circular, realizada con restos de cachotería que nos seus inicios tiñan outra finalidade. Unha base composta de tres tramos: o inferior, de forma paralelepípeda; o mediano, cunha moldura cóncavo-convexa; e o superior, cunha moldura en filete. Un fuste de sección cuadrangular nos extremos e que amosa rebaixes romboidais no extremo superior e cuadrangulares nas súas partes media e inferior. Un capitel de tres tramos: o inferior, de forma paralelepípeda e con rebaixes cuadrangulares; o mediano, moldurado en media cana; e o superior, de forma paralelepípeda e con rebaixes romboidais. Finalmente, unha cruz latina de sección cuadrangular con acanalamentos cruciformes tanto na súa parte anterior como posterior, e con pequenos rebaixes nos extremos do brazo transversal.

2. Entrambasaugas, Santiago de.
2.1. Cruceiro da Igrexa

X= 605.729 Y= 4.751.924.

É un cruceiro do século XIX. Está emprazado preto da igrexa parroquial e ao carón dunha estrada local, que comunica varias parroquias deste municipio. Esta mostra da devoción popular está constituída polas seguintes partes nunha orde ascendente:
Unha plataforma, de estructura troncopiramidal, formada por tres chanzos graníticos: o inferior, parcialmente soterrado; e o medio, e superior, compostos de dous tramos: o inferior, de forma paralelepípeda; e o superior, de maior extensión, mostra un bocel ou toro en toda súa estrutura.
Unha base monolítica constituida por unha moldura cóncava-convexa, a xeito de cima reversa invertida, que remata nuns bordos superiores redondeados.
Un fuste de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto.
Un capitel moldurado, que nunha orde descendente mostra os seguintes elementos: unha pequena estrutura paralelepípeda; unha pequena moldura cóncava (caveto); un listel, un colariño, un bocel ou toro, e finalmente un listel.
Unha cruz latina, de tipo florenzada nos extremos dos brazos, que amosa unha efixie dun Cristo rústico, que mostra os seguintes trazos: unha cabeza, desproporcionada con respecto ós demais elementos da imaxe, que está inclinada ao lado dereito; unha coroa de espiñas; os brazos en forma de V; costelas resaltadas; os seus pés están paralelos; o perizoma anoado ao lado dereito.
Na actualidade, o primeiro domingo do mes de agosto -festividade do Santiago apóstolo nesta parroquia- a procesión circunvala o cruceiro que hai preto da igrexa.

Cruceiros, Cristos, Cruces de pedra e esmoleiros (2)“Dous cruceiros: un, con imaxe, e outro, liso, século XIX”.

2.2. Cruceiro da 'Casa de Eirexe.
Esta manifestación artística mercouna, a mediados dos noventa do século pasado, José Varela Vázquez nunha pequena fábrica industrial de Monterroso denominada Xirgal.
Está situada nun xardín ao carón da “Casa familiar de José Varela Vázquez. Consta dunha plataforma composta dun chanzo de granito, que serve de soporte a unha base formada por dous niveis: o inferior,de estrutura paralelepípeda con rebaixes cuadrangulares; e o superior, composto de varios tramos moldurados cóncavos -cuarto caveto invertido- convexos -toro e escocia- e de dobre filete. A base prolóngase nun fuste de sección cuadrangular nos extremos e de sección oitavada -pouco acusada- no resto. Este serve de apoio a un capitel moi moldurado con formas cóncavas -cuarto caveto e escocia- convexas -bocel- e tamén con listeis. Como remate, unha cruz latina de sección cuadrangular, que amosa no seu anverso unha efixie de Cristo cos seguintes trazos: os seus brazos están abertos en forma de V; a súa cabeza, inclinada ao lado dereito, mostra unha coroa de espiñas; o pano de pureza está anoado ao lado esquerdo; e o pé esquerdo apoiase no dereito e ámbos os dous sobre un supedáneo.

3. Ferroi (Santiago de).
3.1. Cruceiro da 'Casa da Riva de Vilaboa'

X= 619.279 Y= 4.749.222.

Dominio privado. Situado no interior da 'Casa da Riba'. Un dos seus propietarios é José Manuel Álvarez Fernández.
O cruceiro está composto dos seguintes corpos:
Unha plataforma de canteria, de estructura troncopiramidal, con dous chanzos: o inferior de forma paralelepípedada; e o superior con dous niveis, ámbolos dous, tamén de forma paralelepípeda mais o superior é máis extenso que o inferior. Nalgúns lados dos chanzos hai masas graníticas, unidas por cemento.
Unha base formada por dous tramos: o inferior de forma paralelepípeda; e o superior, tamén de forma paralelepípeda -case cúbica- con bordos superiores lixeiramente biselados.
Un fuste de sección cuadrangular nos extremos, e biseladas as súas arestas no resto.
Un capitel de dous tramos: o superior, de forma paralelepípeda, e o inferior cunha moldura cóncava de cuarto caveto.
Unha cruz latina, de cantería, de sección cuadrangular.
Este cruceiro ten unha finalidade ornamental.

4. Ferroi (Santa María de).
4.1. Cruceiro da 'Casa de Dositeo López'

X= 617.841. Y= 4.749.190. Orientación: Norte Sur.

Está situado no interior da 'Casa de Dositeo López'. Foi construído polo dono do cruceiro, rematando a súa feitura no ano 2012. Consta dos seguintes elementos:
Unha plataforma de estrutura troncopiramidal con dous chanzos, que amosan formas paralelepípedas cos bordos superiores redondeados (biselados). Por riba unha base de dous corpos: o inferior, de forma paralelepípeda, cúbica, que amosa as aristas superiores biseladas; o superior, semellante ao inferior, mais de menor extensión. A base prolóngase nun fuste de sección cuadrangular nos seus extremos, con acanalamentos nas arestas do resto do fuste. Este serve de soporte a un capitel de clásico que mostra nunha orde descendente os seguintes tramos: un ábaco, un equino e un filete. Finalmente, sobre unha pequena estrutura paralelepípeda, lévantase unha cruz latina, granítica, de sección cuadrangular. Na cara Norte, hai unha efixie de Cristo, pegada á cruz, e que reviste os seguintes trazos: a cabeza inclinada ao lado dereito; os brazos en forma de V; o perizoma anoado ao lado dereito; e o pé dereito sobre o esquerdo. Esta manifestación popular ten unha finalidade decorativa.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES