Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Recrear cultura popular en valores novos

miércoles, 30 de mayo de 2018
A cultura popular de calquera civilización non pode ser algo pechado nin un ben puro a conservar. A cultura popular é, ou ten que ser, un ente vivo en continua recreación. Este ente foi moitas veces o azoute que o poder xamais puido evitar. Coplas que corrían de boca e boca ata transcender xeracións para rachar censuras que se crían inviolables. Neste sentido parece que quen pagou censores tirou os cartos e quen exerceu tal profesión non lle aportou nada ao seu tempo xa que o barco da historia acabou virando a quilla cara a liberdade...

Esta semana decidín montar novamente no tren da ledicia de María Fumaça e reparei na versión que fixeron de "As tres comadres", a canción trata de tres comadres que deciden facer unha merenda e ir xuntas ao San Andrés. Segundo as distintas versións a merenda foi copiosa: trinta ovos, unha empanada de tres cuartas ao través (hai quen di que levaba as codias do revés) e canado e medio de viño do que, con acerto, non fala a versión citada. Digo "con acerto" porque trátase dunha versión educativa e, polo tanto, tamén acertadamente, muda o remate da canción:

Tradicional

Aló pola media noite
veu o marido da Inés
pau a unha pau a outra
e o demo en todas tres

María Fumaça

Aló pola media noite
veu o marido da Inés
e dinlle todas a unha:
e ti aquí para que vés
para facer unha merenda
ben chegamos nós as tres

Está claro que un proxecto educativo a prol da igualdade e da inclusión non pode permitirse a primeira copla non entanto, na segunda, adapta a tradición aos novos tempos dándolle un novo significado para unha nova realidade. Ambas teñen unha función educativa e cultural na Galicia de hoxe en día e ambas son susceptibles de utilizar pedagoxicamente: a tradicional, con alumnado de secundaria, pódenos levar a analizar de que sociedade vimos e a que valores non queremos volver; a de María Fumaça pode ser un recurso educativo para traballar a igualdade e o respecto á liberdade individual dende idades temperás.

Polo tanto, a cultura popular pode xuntar nun reflexo os valores actuais e o proceso no que foron fraguados na forxa da historia. Esta é unha ferramenta sociocultural máis poderosa do que pode parecer: ofrécenos recrear a nosa cultura, inzala de valores inclusivos e proxectala cunha forza anovada cara o porvir.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES