Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Facendo memoria: Medalla Castelao para Xesús Mato

lunes, 28 de mayo de 2018
Cando falamos de memoria estamos aludindo a tempo pasado, á nosa historia, retratando o que somos e tratando de explicar porque somos así e mesmo o que seremos. Algo nada sinxelo. Como e de que estamos feitos?

Álvaro Cunqueiro di que estamos feitos do que foi, do que non foi e do que puido ser. A nosa construción como persoas e membros dunha sociedade é o resultado dun proceso tan complicado como imperceptible. Pero por que somos así?

O ser humano ao tempo que constrúe unha sociedade constrúese a si mesmo. Mediante o traballo, de paso que construímos cousas, tamén nos construímos a nós mesmos. Nós construímos unha sociedade e a sociedade tamén nos fai a nós.

O texto que pretendo elaborar ten como obxecto reflexionar sobre a vida de Xesús Mato, persoa que leva moitos anos vivindo e pensando en Galicia, é dicir, nas mulleres e nos homes da Nosa Terra.

En todo texto hai que ter en conta o contexto e o pretexto. O texto, como xa dixen, refírese á vida e ao traballo de Xesús Mato. O pretexto de todo isto sería resaltar os sobrados méritos de Xesús para a concesión da Medalla Castelao. No contexto quixera estenderme un pouco máis.

A vida de Xesús Mato abrangue desde a década dos anos trinta do século XX ata hoxe.

Que mundo, que sociedade nos acolleu aos rapaces e rapazas que desde os anos 40 pasamos pola escola, seminarios e outros centros de estudo ata cerca dos anos 60?

Ben certo que estamos diante duns tempos ben traumáticos. Vexamos:

-En1939 remata a absurda guerra incivil española, sen dúbida a maior traxedia sufrida en toda a súa longa historia, expresión da inhumanidade de quen tivo que recorrer á violencia para resolver conflitos sociais e políticos.

- 2ª Guerra Mundial entre 1939 e 1945. España e Europa quedaron cubertas de mortes e de destrución. Pero os males no se acabaron aí. Os mortos, mortos quedaron. Europa coa axuda americana iniciou unha rápida recuperación, pero en España continuou unha longa e durísima represión ata moi cerca dos anos 60. Instalouse no país a fame e a miseria, estableceuse o racionamento que favorecía un descarado estraperlo. Tivo que aparecer, en 1950, a pastoral do bispo de Solsona, don Vicente Enrique Tarancón, "El Pan nuestro de cada día", para suavizar a situación provocando a permanente xenreira do réxime en contra de quen despois sería cardeal Tarancón, a quen tanto debe España.

"Fueron siempre los seminarios de Galicia lugares en que se consumieron inútimente muchas almas superiores" (Los precursores, pág. 85, Manuel Murguía), afirmación tan rotunda como difícil de compartir, pero se a España de Franco era un inmenso cuartel, os Seminarios non foron alleos a tal situación.

O Seminario de Lugo foi fundado en 1593 polo bispo Asensio. Ao edificio actual, inaugurado en 1893 polo bispo Aguirre, engadíronse reformas e anexos na época de don Rafael Balanzá. Se o xuízo que fai Murguía pode resultar esaxerado, tampouco poden agocharse as deficiencias existentes no ensino tal como reflicte o visitador apostólico, don Jesús Mérida Pérez, bispo de Astorga (1943-1956) que recomenda "renovar y mejorar el personal directivo, tener profesores especializados". Polo que di o Visitador, parece unha escola de calquera vila, cada curso está ao cargo dun profesor con métodos e libros de texto anticuados,"breves manuales, di, de la colección F.T.D. publicada por los Hermanos Maristas para uso de sus escuelas elementales". A falta de profesorado especializado foi unha eiva que se mantivo durante bastante tempo.

Non era infrecuente que a docencia da rama de ciencias estivera nas mans dun licenciado en Dereito Canónico ou Teoloxía. Un Plan de Estudos anacrónico, sen proxección para a vida do futuro crego. Materias de escasa ou nula utilidade como podía ser a "Ars oratoria" do Padre Kleutgen, escrito no século XIX por un alemán, nun latín ciceroniano, figuraban no plan con clase diaria, creo recordar.

Este foi o centro de formación de Xesús Mato que, ademais, destas limitacións contaba con moitos valores. O Profesorado, con escasos medios, facía canto podía e entendía, actuaba máis por intuición que por bases pedagóxicas. Por todo e para todos eles seguimos sentindo afecto e agradecemento, eran xente de ben, xenerosos e bondadosos.

Con responsabilidades pastorais encetamos a nosa andaina alá por agosto de 1958. A diocese de Lugo era, como a inmensa maioría de Galicia, rural, a vida guiábase polo calendario agrícola coma sempre. O 9 de outubro morre Pío XII, era o Papa da nosa vida, Pastor anxélico, case divinizado. Inesperadamente resulta elixido, como sucesor, Angelo Giuseppe Roncalli, que toma o nome de Xoán, de 77 anos de idade, chamado a ser un papa de transición, que resultou revolucionario se aplicamos a este vocábulo o significado de "moitos cambios en pouco tempo". Tres meses despois da súa elección, o 25 de xaneiro de 1959, na Basílica de san Paulo Extramuros, anuncia a convocatoria dun Concilio ecuménico, innecesario, para moitos, pois o Papa era infalible e tiña todo o poder en materia de fe e costumes, poder universal, absoluto indiscutido e indiscutible, en resumo, que falara o Papa, que é infalible e que diga o que hai que facer.

En España había 64 dioceses e 78 bispos, a media de idade era de 65 anos, moitos, sen dúbida, saturados de libros e de experiencia, pero escasos de diálogo e de viaxes, segundo Jesús Iribarren. A súa cultura teolóxica era inadecuada, formados cos residuos da decadente cultura eclesiástica barroca postridentina e peneirada pola cruzada franquista. Era unha teoloxía metafísica, concibida para discusións abstractas, pero incapaz de abordar os problemas reais da Igrexa e do mundo contemporáneo. Como temas a tratar no Concilio o bispo de Lugo, don Rafael Balanzá, desexa que se trate a definición da Mediación de María e que se amplíe o uso da lingua vernácula na liturxia. O mesmo pide monseñor Argaya, bispo de Mondoñedo. Monseñor Temiño (Ourense) pide que o apostolado dos relixiosos se someta ao bispo, que se abrevie o oficio divino, que nas festas patronais se separe mellor a parte relixiosa da parte civil. Quiroga Palacios pide que se termine o Vaticano I, López Ortiz propón que os bispos renuncien á idade de 75 anos e uso da lingua vernácula. Con canta razón dixo Tarancón que o Concilio os collera co paso cambiado!

Ollo! non confundirse, cando se fala de lingua vernácula estamos a falar do castelán. O citado Visitador, Pérez Mérida, di que "los alumnos en sus conversaciones privadas emplean siempre la lengua gallega, de lo que se quejan ellos mismos porque de ese modo nunca aprenden a hablar castellano". Observa que co Director espiritual teñen máis confianza porque "es de carácter más acentuadamente gallego y, por tanto, es el que mejor los entiende" . Por algo será, ou non?

Porén, para unha parte importante do clero e para nós en particular, foron momentos de ilusión, de entusiasmo e de esperanza. Tamén é verdade que en moitos bispos podía observarse que consideraban o Concilio como unha pasaxeira tormenta de verán. Un pouco como dicía aquel xefe de goberno, "vós facede as leis, deixádeme a min os decretos". Neste sentido, como freo ao Concilio Vaticano II, en Galicia artellouse o Concilio Pastoral, exercicio de gatopardismo, aparencia de cambiar todo para que nada cambie ou se queres que todo siga igual crea unha comisión.

Asemblea Nacional Conxunta Bispos-Presbíteros . En setembro de 1971 preséntanse as conclusións, unha posta en común do traballo de todas as asembleas previas celebradas nas dioceses. Ás cuestións previas respondera o 85% do clero secular. Cada proposición someteuse a votación e para seren aprobadas necesitaban dous terzos dos votos dos asembleístas, bispos e presbíteros. Unha proposta moi controvertida foi a proposición 34 que dicía: "Recoñecemos humildemente e pedimos perdón porque non sempre soubemos ser ministros de reconciliación no pobo dividido por unha guerra entre irmáns". Obtivo 123 votos a favor; 113 en contra e 10 votos nulos, non logrou os dous terzos.

Xa non estamos ante un clero monoliticamente franquista. En toda a Asemblea dominan tendencias renovadoras, herdeiras do Concilio, pero na práctica impuxéronse ideas conservadoras e mesmo reaccionarias alimentadas polo camiño emprendido na Curia Vaticana. A causa que máis fielmente serven as Curias son a súa permanencia no ser, exercendo o poder real.

Unha vez máis, os perdedores acabaron gañando, outra vitoria do gatopardismo.

En Roma a involución resulta evidente. A invernía, "o longo inverno" como dixo o Padre Rahner vai campar durante o prolongado pontificado de Juan Pablo II dominado polo Opus, Kikos, e outros movementos ultraconservadores. Cualificado por Ernesto Cardenal como "excelente actor e nefasto papa". Era todo espectacular, pero acabado o espectáculo non queda nada, soamente fume.

Ante esta situación tan gris, tanto no relixioso como no político, hai esperanza de que isto cambie? Do cambio depende que outro mundo sexa posible. A sabedoría milenaria recolle a sentenza de que "onde hai perigo, medra a salvación". Desta vez, de Roma chéganos unha voz profética, cargada de ilusión e esperanza. É a voz do Papa Francisco, que pide un cambio de comprensión da realidade, unha especie de promesa mesiánica como reflicte o capitel de Vézelay que representa Moisés vertendo trigo no saco do evanxeo que sostén Paulo, hoxe, diriamos, Francisco. O gran fracaso está en que a economía e o pensamento capitalista son a actual relixión, non como metáfora, senón como definición do capitalismo, e que se presentan como algo natural e inevitable.

Na España que encontramos, alá polos anos sesenta, subsistía anacronicamente un sistema cualificado como constantiniano ou de cristiandade, fronte á "sa laicidade" recoñecida por Pío XII.

Xesús Mato foi peneirando e recollendo toda a boa semente que agromaba, fíxoa medrar e esparexeuna. Tivo e ten moi claro que a súa tarefa era e segue a ser acoller, acompañar e sandar. Para lograr isto hai que cultivar e comprometerse cunha sensibilidade especial para integrarse na Comunidade, falar a súa lingua, cantar as súas cantigas, compartir esperanzas e angustias, ser próximo, ser de aquí, ser dos nosos.

Castelao é mito, símbolo e modelo. En X. Mato encontrou acubillo esa mística de Castelao e honrando o que isto significa, de paso, tamén, nos honramos nós.
Non se pode ofrecer máis. Grazas, Suso Mato, amigo e irmán.

Ad multos annos.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES