Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As bágoas da Estatua da Libertade

viernes, 18 de mayo de 2018
Orwell non se chamaba Orwell, pero tanto ten. Importan ideas e traxectoria vital: acabarían fundíndose nos seus libros. Entre eles: “Rebelión en la granja” e “1884”, dúas parábolas amargas contra os totalitarismos. Tentaban explicar a crueldade sanguinaria do mundo roto que saía dos cascallos de 1ª Guerra Mundial e xa afiaba os coitelos para a carnicería da Segunda.

De Orwell vén o concepto do Gran Irmán, o Partido que controlaba todo e a todos. Hoxe é o ollo casposo con cheiro a urea onde a irrelevancia trunfa nalgunhas televisións. Orwell alertaba contra os Partidos únicos que simbolizaban os totalitarismos nazi e estalinista. Na URSS, na Alemaña nazi, na Italia fascista. O Partido crea un idioma novo, a neolingua para cambiar e controlar o pensamento dunha cidadanía calada e chea de medos. Idioma tan eficaz que acaba creando dogmas hilarantes: 'a guerra é a paz', 'libertade é escravitude', 'a ignorancia é a forza'.

Cousiñas que pensabamos superadas volven a alarmar as democracias desde que irrumpe o fenómeno Trump, provocando risas antes e preocupación agora. Levanta un muro contra os veciños e proclama o amor polos mexicanos. O seu portavoz fala de “feitos alternativos” como se non tiveran que ver coa realidade ou a evidencia fotográfica das concentracións que mostraron máis repudio que apoio ao presidente. Excesivo e lingoreteiro, non lle importa mentir ata que as mentiras se disfracen de verdades para incautos. Sinala como inimigo á prensa libre e di que a súa oposición son os xornalistas, 'os máis deshonestos do mundo'. Esta liorta éche o máis parecido á censura nun tipo que ignora que sen xornalismo non hai democracia.

Trump foi votado por unha ampla minoría de xente desesperada, abandonada pola globalización nas beirarrúas do progreso e da dignidade humana. Agora apela a fórmulas resesas que provocaron unha xigantesca ruptura no mundo: proteccionismo a ultranza que se retroalimenta co odio ao outro, coa culpabilización dos inmigrantes.

Outra vez o mundo roto? Cuestiónanse as élites políticas e ata o sistema, cando o poder acaba nas mans deste flautista de Hamelin. 'America first' ou 'América para os americanos', un país pechado sobre si mesmo, máis pobre e cunha poboación manipulable coa neolingua do odio e dogmas para parvos.

Orwell, xornalista e novelista británico, escribía a prol da xustiza social e manifestouse contra o imperialismo. “1984” éche un bo antídoto contra a brocha gorda ideolóxica de Trump: ultranacionalismo, proteccionismo, xenofobia. Orwell preguntaría hoxe cara a onde camiña a democracia máis poderosa do mundo. Botaría as mans á cabeza vendo como a premier británica posa sorrinte da man de Trump. Detrás pode ver as bágoas da Estatua da Libertade.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES