Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Claroscuros armenios

miércoles, 16 de mayo de 2018
De cómo a inesperada “revolución armenia” pode alterar o equilibrio euroasiático

A renuncia do ex presidente armenio Serzh Sargsyan o pasado 23 de abril tras numerosas protestas na capital Ereván, e o ascenso do líder opositor Nikol Pashinyan como primeiro ministro tras unha controvertida votación parlamentaria do pasado 8 de maio (tras un primeiro rexeite parlamentario ao seu nomeamento o pasado 1º de maio), retrotrae as expectativas trazadas polas denominadas “revolucións de cores” que, con notable apoio occidental, proliferaron no espazo euroasiático ex soviético durante a década de 2000. Sen menoscabar a lexitimidade destas protestas en Armenia e dos cambios políticos que poden acadar, os cales implican unha lectura en chave doméstica, resulta igualmente visible que a reprodución destes movementos no contexto actual euroasiático teñen igualmente en perspectiva a expectativa de Washington por afastar a tradicional influencia rusa na rexión do Cáucaso Sur. Con todo, as repercusións do acaecido en Armenia poden claramente trasladarse dentro do actual contexto euroasiático, dende o Cáucaso ata Asia Central e incluso Oriente Próximo.

A “revolución armenia” de abril pasado, nominalmente observada nos medios europeos como unha nova e pacífica “revolución de veludo”, e a posterior entronización de Pashinyan como novo primeiro ministro reflicte inevitablemente a crise de lexitimidade na política armenia e o descontento cidadá cara o establishment de poder instaurado por Sargsyan. No entanto, estas foron as protestas mais numerosas e persistentes realizadas no país caucásico desde a súa independencia da URSS en 1991.

Con todo, o contexto actual con Pashinyan ao fronte do goberno interpreta numerosas incertezas que confirman un panorama de fraxilidade política interna con evidentes repercusións de inestabilidade rexional. En diversos medios se especula con que a inestabilidade armenia repercuta nunha especie de reprodución do “síndrome ucraíno” agora no corazón do Cáucaso. Escenarios similares tamén se viviron na veciña Xeorxia en 2003, coa "revolución de veludo" que entón levou ao poder ao controvertido Mikhail Saakashvilii, hoxe nacionalizado ucraíno.

Unha nova “revolución de cores”?
A Armenia post-soviética seguiu gravitando dentro da órbita de influencia rusa no Cáucaso Sur, en gran medida polos tradicionais lazos culturais, políticos e incluso relixiosos existentes entre ambas sociedades. Armenia forma parte da Unión Económica Euroasiática (UEE) impulsada desde 2015 polo presidente ruso Vladímir Putin, toda vez Moscova ten unha base militar en territorio armenio.

Con todo, a posición armenia co respecto á UEE comezou a contrariarse ante as incertezas sobre o futuro deste proxecto de integración, toda vez comezou a observar con maior interese a puxante alternativa cifrada na Ruta da Seda impulsada por China así como a ampliación de lazos comerciais. Con todo, China mantén unha posición de prudente expectación ante a crise política armenia.

Isto pode explicar o inicial silencio do Kremlin ante a elección parlamentaria de Pashinyan como novo primeiro ministro, a pesar de que inmediatamente o propio Putin adiantouse como un dos primeiros mandatarios internacionais en felicita-lo.

Antes de asumir como primeiro ministro, Pashinyan reuniuse con deputados rusos para garantir a continuidade dos lazos armenios con Moscova, así como coa Unión Europea, EUA e China. Un factor igualmente relevante foi o consenso de intereses establecido entre Pashinyan e o patriarca Aram I como figura visible da influente Igrexa ortodoxa armenia, a fin de solucionar a crise política.

Con todo, as repercusións políticas do cambio político en Armenia implican observar con maior atención o desenvolvemento de nós xeopolíticos existentes, que albíscanse ser mais amplos. Os mesmos intúen unha resposta, en chave principalmente occidental, contra o eixe Rusia-Turquía-Irán instaurado tralo cumio de Sochi (novembro de 2017) por mor do conflito sirio, e que colateralmente podería afectar a posición xeopolítica armenia.

Isto traduce obstáculos imprevistos para os imperativos estratéxicos de Moscova no Cáucaso Sur, en particular polos evidentes temores en Ereván dunha maior concreción de intereses por parte de Moscova con Turquía e Irán, tradicionais rivais armenios, que terán evidente implicación en Acerbaixán, o principal rival de Ereván na rexión. Este aspecto deixa no aire en qué medida se alterará (se é que existe algo previsto neste aspecto) o equilibrio militar rexional ante contenciosos sen resolución como o conflito armenio-acerí en torno ao enclave de Nagorno Karabaj.

Pendente de cómo a “revolución de abril” en Ereván pode influír no desenvolvemento do irresoluble conflito armenio con Acerbaixán, está por ver se esta eventual manifestación das “revolucións de cores” terá algún tipo de incidencia cara os réximes autocráticos establecidos na contorna euroasiática, particularmente os establishment de poder en Acerbaixán, Tadxikistán, Uzbekistán, Turkmenistán e Kazajstán así como contextos mais inestables como Kirguizistán. Todos eles países que gravitan nas respectivas esferas de influencia, tanto de cooperación como de competitividade, existentes entre Rusia e China.

Por tanto, o novo presidente armenio Nikol Pashinyan (42 anos) pódese erixir como unha aposta pro-occidental que impulse un eventual relevo xeracional na política armenia, amparado no papel da mocidade armenia na revolución democrática que puxo fin en abril ao goberno de Serzh Sargsyan, no poder desde 2008. Isto explica a prudente expectación en Moscova e Pequín sobre o que sucede en Armenia, mais visible no caso ruso pola súa tradicional influencia na esfera caucásica.

Os lobbies entran en escena
Neste sentido, a sucesión de acontecementos en diversos ámbitos da a entender a reactivación dun pulso de esferas de influencias na contorna euroasiática e de Oriente Próximo, na que EUA e Rusia volven a estar inmersos cos seus respectivos sistemas de alianzas.

Compre por tanto observar como a crise armenia podería supoñer un efecto colateral no desenvolvemento dos acontecementos rexionais, neste caso en Oriente Próximo. A decisión de Donald Trump (8 de maio) de romper o pacto nuclear con Irán ocorre nun momento particularmente tenso dentro do conflito sirio.

Un día despois, mentres o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu atopábase en Moscova convidado polo presidente ruso Vladímir Putin con motivo do desfile polo Día da Vitoria Patriótica (9 de maio), forzas de defensa israelís atacaron o Sur de Siria en resposta de carácter retaliativa contra un ataque presuntamente orquestrado polas milicias Al Quds pertencentes á Garda Revolucionaria iraniana sobre os Altos do Golán, territorio reclamado por Siria pero militarmente ocupado por Israel desde a Guerra dos Seis Días (1967).

A ruptura do pacto nuclear con Irán e a ofensiva militar israelí en Siria revelan a concreción de intereses entre Washington e Tel Aviv, así como o retorno da estratéxica influencia do lobby israelí na Casa Branca. Un aspecto que pode igualmente verificarse na eventual concreción de intereses (non sempre coincidentes) entre os influentes lobbies israelí e armenio que gravitan dentro da Casa Branca.

Neste sentido, un aspecto chave foi a presión do lobby israelí dentro da administración de Barack Obama pola presunta venta de armamento a Irán realizada polo ex presidente armenio Sargsyan en 2010, entón revelada por Wikileaks. En perspectiva xeopolítica, nos últimos anos Armenia e Israel teñen transitado por diversas etapas de intereses mutuos e discordantes.

Durante anos, Tel Aviv mantivo estreitos vínculos militares con Turquía (primeiro país musulmán en recoñecer ao Estado israelí en 1949) e Acerbaixán, ambos rivais históricos armenios. Vínculos que vense deteriorados ultimamente por parte israelí co respecto a Ankara por mor da crise siria, factor que presumiblemente pode implicar un maior achegamento entre Tel Aviv e Ereván. De feito, en 2015, o lobby israelí premeu con forza en Washington para que a administración Obama recoñecera oficialmente o xenocidio armenio con motivo do seu centenario.

No apartado do equilibrio estratéxico entre Washington e Moscova, no que Israel, Armenia e Irán son igualmente actores colaterais, están en perspectiva as eleccións parlamentarias iraquís previstas para o próximo 12 de maio. As mesmas anuncian a posibilidade de equilibrar a balanza rexional entre Arabia Saudita e Irán dentro do escenario iraquí, e que terá evidentes implicacións para os intereses estratéxicos estadounidenses e rusos.

Aparentemente observada como unha crise doméstica, a revolución armenia ten implicacións xeopolíticas directas e colaterais moito mais amplas e complexas. Debe por tanto observarse con atención en qué medida o pulso de intereses euroasiáticos establecido entre Washington e Moscova teña incidencia chave no que está ocorrendo no corazón caucásico.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania