Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non, Señor... España saiu gañando

lunes, 14 de mayo de 2018
Aquí na miña terra galega, cando se facía a recolección do trigo, as espigas que quedaban extraviadas polos sucos, collíanse con especial cariño, porque o pan non sobraba e non podían quedar entre os restrollos, coa mala herba, a podrecer, porque era un pecado. Naqueles tempos, unhas faragullas de pan que caín ao chan recollíanse e bicábanse: Os graos das espigas non quedaban en condicións de abandono entre os putrefactos restrollos, que, de vez en vez, abrollaban, esmorecidos polo exceso dos cheirentos produtos con tanta podremia.
Por suposto, os brotes e os restrollos, nas mans dos labradores intelixentes, evitábanse coidadosamente nas inmediacións do grao de trigo almacenado e coidado, porque criaban gurgullo e botábano a perder, por iso amoreábanos e queimábanos: Cumpría evitar o contacto coa súa rela, xa que o gurgullo produce un oco e converte todo o esencial en rela. Reparen nisto!!.

Non é, pois, de estrañar que xa desde os tempos prehistóricos os homes lle dispensaran á terra, xeradora de vida, unha especial veneración. Poderíamos facer referencia a diversas culturas; pero eu aquí só pretendo levar a atención dos lectores estudosos á riquísima mitoloxía na cultura vasca, que, entre outros, ocupou a tres destacados intelectuais: a Barandiarán, J.M., de quen basta consultar o seu “Dicionario de mitología vasca” e “La mitología vasca”. Txertoa, San Sebastián, 1.985; Caro Baroja, J., “Mitos vascos y mitos sobre los vascos”, Txertoa, San Sebastián, 1.985, e o hermeneuta Ortiz-Osés, A., “Mitos, símbolos y arquetipos”, La gran enciclopedia vasca, 1980.

Nestas fontes barállanse razóns e interpretacións que nos iluminan o camiño da comprensión de por que a TERRA era considerada na relixión primitiva dos vascos como MADRE, e o Sol e a Lúa como os seus fillos, e recórdasenos que xa Platón dixo que só a terra produce alimento idóneo para o home, o froito do trigo e da cebada, que alimenta o xénero humano. Quizás ao lector se lles ocorra pensar que o noso ancestral respecto polas espiguiñas abandonadas poda ter algo que ver con isto!.

Pero se seguimos a lectura comprensiva das obras dos intelectuais citados, aprenderemos algo interesante, relativo ás funcións sociais do MATRIARCADO, PATRIARCADO e FRATRIARCADO vasco (bastións da familia!).

Abonda, por exemplo, apuntarlles aquí que a muller, a madre, imita á terra, que a xerou á ela, dotándoa, precisamente, desa mesma función xeradora. Nada ilóxico, entón, que na relixión primitiva vasca fora concibida como un ser “numinoso”, é dicir, relativo o “numen”, un ser dotado dun poder misterioso, xa que nas mesmas covas (úteros da terra) os homes primitivos descubrían figuras animais coas que se comunicaban nas súas prácticas relixiosas.

Nas covas aparece MARI, mito feminino, peiteando, cardando, os seus cabelos, unha actividade que presenta analoxías coa rompa, co arado, da terra, simbolizando a fertilidade. A natureza, plasmada en Mari, en interpretación dos estudosos, auto–rexenérase e renóvase. Hai unha translación disto a casa ou ao ETXE, o ámbito do fogar, contraposto da natureza, que é perigosa. Facilita este espazo sepultura aos parentes falecidos e propicia a produción de comunicación cos antepasados, e ao seu arredor xiran os modos de vida que foron configurando a INTRAHISTORIA, termo este utilizado polo vasco Miguel de Unamuno para designar a permanente vida tradicional, subxacente ao decurso da vida histórica cambiante.

Non quero omitir, neste lixeiro e, sen dúbida, moi insuficiente recorrido mitolóxico, a alusión ás LAMIAS, numes preferentemente femininos. Son seres maléficos, con carácteres monstruosos, relacionadas cos vampiros, e tal vez procedan do latín LEMURES, espíritos, fantasmas (Caro Baroja). Parece que teñen natureza híbrida, metade humana e metade animal, que habitan en umerais e retíranse cando sae o sol. ACÓCHANSE, como as serpes!!..

Por isto, non lles chame a atención que ETA simbolizara o seu ideario cunha COBRA, a cuxo réptil K. Kerényi fai a seguinte referencia, na súa obra “Dioniso. Raíz de la vida indestructible”, Herder, Barcelona, 1.988, p. 56: “a serpente é o fenómeno da vida no que a vitalidade combinada coa frialdade, a viscosidade e a mobilidade, e a miúdo co perigo de morte, xera un efecto en alto grao ambivalente”. (Miña a tradución ao galego). Interesa pola idea que os primitivos vascos tiñan da morte, e polo herdo etarra dalgunhas propiedades.

Parece abondo significativo, xa que falamos dos vascos, que o señor Lehndakari cambiara, se non erro, aquilo de que “non hai vencidos nin vencedores”, polo de “ninguén gañou nada”, referíndose á disolución dos terroristas de Eta, cando a SANGUENTA, DESPIEDADA E CRUEL REVOLUCIÓN, por chamarlle dalgunha maneira, nas mans dos etarras, perdeu connotacións dogmáticas e deixou en ridículo as adhesións ideolóxicas, incluso de corte marxista, transformándose nunha proposta máis centrada en REVOLVER todo e ocultar a verdade en vez de desvelala, “absolutizándose” no relativo, “hipostasiándose” nos asasinatos en modo colectivo, e “hierotizándose” como salva–patrias, se me permiten a incorrección gramatical para remarcar estas actitudes teimosas na continuidade que suxiren as formas xerundiais, as que non renunciarán, incluso, na post–disolución.

Polo contrario, España, o Estado español, gañou en dignidade, defendendo os principios constitucionais, fortalecidos e sublimados pola sangue das vítimas que Eta derramou sobre a terra, esa Madre que tanto amaron os vascos primitivos e veneran os actuais, sobre a que os restrollos da abundante colleita cultural, traducida esta a unha indiscutible prosperidade, nun pobo marcado por tan profundos sentimentos relixiosos e por un carácter tan firme a hora de defender as súas auténticas tradicións fundamentais na dinámica histórica, caeu o gurgullo dos relos putrefactos, nas súas entrañas, arrastrados polos que a profanaron seguindo ás pegadas desas “lamias” desbocadas dunha tradición que dicían defender, mentres a sensatez se apresuraba a apañar as “espigas” da paz, un froito tan sazonado nun ambiente de fondo no que o matriarcado, o fratriarcado e o patriarcado mitolóxico sementaron coherencia e convivencia, e propiciaron sosegada sepultura ós falecidos, rendendo respecto aos antepasados e fomentando modos de vida que configuraron a historia dese admirable pobo de rexo carácter. Insisto!.

Pero a cobra que serpea no logotipo de Eta ben delata aos integrantes desta como seres que encarnan o peor daquela: frialdade, a hora de asasinar; viscosidade, a hora de asumir responsabilidades, non sei se escusadas nos confesionarios dalgunhas sancristías, e apresurada reptación para acometer os desapiadados asasinatos do seguinte día: Corpos desfeitos, nenos chorando a morte de seus país, casas derrubadas, coches esnaquizados, insultos e ameazas... En fin ..., son estas e outras moito máis horribles fazañas destes restrollos, que albergan pudibundas hipertrofias da negación do que sempre dixeron ser: vascos con valor histórico, garantes das tradicións do seu pobo... Pero... acabaron sendo unha coda de desventuras criminais nun capítulo da historia, e deixaron as perversas pegadas coa indeleble cor roxa da sangue das vítimas!!!.

Interesa recalcar aquí a teoría interpretativa evolucionista do mito, considerado como expresión de mentalidades arcaicas e infantís, mediante unha simbolización natural dos “salvaxes” primitivos, porque, segundo os estudosos – entre eles o antropólogo escocés James George FRAZER, autor dunha famosa obra, titulada “La rama dorada” – esa mentalidade foi superada por unha nova mentalidade socio–cultural máis evolucionada e moito máis madura, á que parece que os etarras foron insensibles.

E digo “interesa recalcar aquí a teoría interpretativa evolucionista”, porque o evolucionismo explica os cambios apoiándose na esixente propensión do que evoluciona a adquirir innovacións que garanten a súa supervivencia, e, no seu caso, a persistencia, mentres, a contrario sensu, os PROCESOS REGRESIVOS truncan a dinámica evolutiva, causando convulsións que descontextualizan as sociedades e perturban a paz nos pobos. Os efectos colaterais dunha Eta, só formal e estratexicamente, disolvida, verifican este aserto, e obrigan a tomar medidas precautorias, neste desgraciado evento no que o Estado democrático español gañou consistencia constitucional; pero non, por suposto, a convición da irracionalidade dalgunhas compoñentes ideolóxicas das conciencias aberrantes, enquistadas nas carcasas de descontextualizados obxectivos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES