Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As cidades son para vivir

viernes, 11 de mayo de 2018
Convivindo. Na cidade antiga a catedral convive co palacio, o comercio de recordos, a marmorería. Os muros da cidade non separan, integran ás persoas. 'O aire da cidade fainos libres', dicían no medievo para escapar da opresión e respirar como seres humanos. Angela Brady, fundadora de Architects for Change, defende a cidade sen valados, con mestura social. Froito do esforzo de moitos en Reino Unido unha lei obriga á convivencia das clases sociais. Nos barrios, o 25% das casas son vivendas sociais.

Agora o poderoso motor da especulación desvertebra a cidade. Os cartos atopan fendas para minar valores de convivencia e igualdade, como a traxedia do incendio da Torre Grenfell en Londres, antorcha maldita que aluma desigualdades.

A mestura reforza a cidade. A súa riqueza é a mestizaxe, escola de convivencia. Nunha cidade con estatura humana hai que defender o pequeno comercio, a policía de cercanía, vivir andando, exiliar o coche de prazas e rúas, coñecer ao veciño. Todo iso mellora a vida cotiá. Agora, ata o 95% non coñecen aos que viven a carón.

Os cartos, a especulación constrúen barrios onde non vive ninguén como nalgunhas megalópolis chinas, exemplo de capitalismo desapiadado e deshumanización. Ao final, alí onde non poden vivir os cidadáns, acaban arruinadas por invivibles.

A cidade pensada para as persoas está habitada polas árbores. Son imprencindibles aínda que moitos non distingan máis de tres ou catro especies destes veciños que a humanizan, que regalan tanto a cambio de pouco. Producen sombra e cores, frean a velocidade, absorben contaminación, reducen a temperatura en verán. As súas formas, texturas e cores, a música do vento nas follas son elementos estéticos necesarios. Son a casa doutros veciños, insectos e paxaros. As árbores son a mellor maneira de mellorar a cidade devorada polos coches, con heroicos carrís-bici.

Expulsar aos coches é medida intelixente: a saúde da cidade está en relación inversa á presenza de vehículos nas rúas. Os coches dos pais, á entrada e saída dos colexios, paralizan catro veces ao día a cidade e poñen en perigo aos fillos. A cidade pertence aos cidadáns e ás cidadás, por iso se recomenda non globalizar a arquitectura senón respectar a identidade. Non é o mesmo a urbanización nova que a parte antiga intramuros.

Non se poden desregular os cartos, as apostas polo feísmo, a lei da especulación. No epicentro está o cidadán e a mellor perspectiva para contemplar a cidade e as paisaxes urbanas é a altura dos ollos dos nenos. E a mellor velocidade non é a que regulan semáforos e sinais de tráfico, senón a xente que camiña polas beirarrúas con máis atrancos dos que teñen os coches. A fin de contas, as cidades son para vivir as persoas. Convivindo.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES