Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sentenzas, Fías e Ruadas (19)

martes, 08 de mayo de 2018
.../...
Das rúas de casamento e das foleadas..., ao fútbol!

Sentenzas, Fías e Ruadas (19)
¡Que a ninguén se lle ocorra dicir hoxe en día que non lle gusta o fútbol, ou que non o entende, que o tomarán por..., ¡por iso que estades pensando!

Caso distinto eran aqueles costumes, aqueles divertimentos nosos, enxebres, de propia colleita, ¡tantos e tan diferentes, tan variados! Ademais de divertidos, tiñan o seu aquel ximnástico; aqueles, si, máis, moito máis, que iso de chocar cos autos, sexa ao entrar ou ao saír dos estadios, e total para non quedarnos sen un asento incómodo, duro, liso..., xeralmente de formigón!

¿Xogos? ¡Máis que agora, pois, como tiñamos que andar un treito, incluso para ir á escola, o camiño daba para todo, para todo tipo de inventos, desde a billarda á circense de correr por riba das paredes a paso ximnástico, e non iso do "pavillón de deportes", sempre ocupado, e sempre pendentes de que non nos deixe en terra o "transporte escolar"!

Aqueles carriños de madeira, que tamén se facían en miniatura con dúas corolas de nabo. Aquelas bicis, tamén de madeira e sen freo. Aqueles cirichóns, cun émbolo cabeceado con estopas, para irriga-lo compañeiro, maiormente por carnavais. O tira-balas, tamén de estopa, que se apertaban contra o estómago para facer puntería. Con dous botes taponados cunha vexiga seca de porco, e un fío ben longo de algodón, inventamos os primeiros teléfonos, pero..., non rexistramos a súa patente! Do alcacén despuntabamos uns chifres que soaban con música de anxos; as frautas de castiro, que se lles extraía a casca mazándoa con suavidade, e despois axustábaselle un recorte da mesma madeira para que fixese de palleta... Así, para por un exemplo, empezou a súa Sentenzas, Fías e Ruadas (19)carreira de música o gaiteiro de Andión, Javier Rodríguez Díaz, que tal afirmou nunha entrevista que lle fixeron os do "Alalá" da TVG, emitida por certo catro días antes do seu óbito. Daquela entrevista déronme a seguinte fotografía, que me honro en mostrárvola para relembro dun dos nosos últimos gaiteiros autodidactas.

Como vedes, mil cousas, mil inventos, sinxelos pero útiles, que os da miña xeración non tivemos clases de "manualidades", nin falta que nos fixeron! O que tiña bo oído e mellor atención, con aquelas frautas de alcacén, e tamén coas de castiro, aprendía a escala musical, que diso pasábase á gaita do fol, igual que batendo nunha lata do pemento ou das sardiñas aprendíase a toca-la caixa, o bombo, a pandeireta... ¡Aí tedes, aí queda, de testemuña, aquel Xavier!

Despois da Guerra, ¡aquela das maiúsculas!, segundo ían regresando os mozos, aqueles que lembraban a gaita do fol, ou llela conservaran, volveron a ela..., ¡e deron uns solos impresionantes, maiormente aos domingos, que xa mereceron o nome de "foleadas". Tamén se volveu ao "permite" nos bailes, que moitas leas deixa ocasionadas. Nesta bisbarra tivemos a grandeza de que volvesen a actuar dúas bandas, "Pena" e "Bolaño"..., tan pronto como o "cuartel" da Garda Civil deu permiso para dúas ou tres horiñas de música festeira, pero sempre con clausura para antes da posta do sol. ¡Natural: tratábase de situarnos, de manternos, "Cara al sol"!

As festas volveron a ser "de merenda". Daquela a xente de lonxe madrugaba para preparar as viandas, e metelas na alforxa, ou subir as cestas á cabeza, con aquelas rodeliñas..., ¡con xaxún ata despois da Misa, pois o Concilio liberador aínda estaba lonxe!

Nestes medios, algo que non se perdera, algo que non houbo que resucitar na posguerra, foi o lume novo, ¡San Xoán!, así como o enramallado das casas, dos alpendres, e incluso das hortas. Tamén seguiron os curandeiros, ¡á forza, por falta de Médicos, de Médicos e de menciñas! As sangrías..., ¡aos débiles! Os tirizós, a "espinilla caída"... O leite callado, con codesos, para as lombrigas... A celidonia, para as feridas... Os bafos, para o catarro... As fregas con ortigas... O único do que se deixou de falar, nisto dos remedios caseiros, foi da ruda, pois, á forza de privacións, a xente convenceuse de que onde comen dous, comen catro; e catro igual que seis, que a fame ben repartida chegaba para todos!

Por riba disto, neste país rutilaban as rúas de casamento, ¡e iso que se celebraban de noite, pero de noite non andaba a Garda Civil, e menos aínda por Montecubeiro! ¿Eran vulgares aproveitamentos da veciñanza, ou honores tributados aos noivos? En particular os foguetes, moitos desgustos deixan dado: A mocidade do lugar considerábaos unha honra, especialmente para as veciñas. Pero as nais delas, se se sabía, ou presentía, que a noiva non podía ir de branco, ¡de branco virxinal!, non perdoaban aquela "ofensa", téndose dado casos de acudir á Garda Civil para denunciar o "desaforo", e insistir en que fose "comisada" a pólvora do novenario respectivo. Como os Curas viñan esixindo tres amoestacións, non eran doados os connubios secretos. Os noivos saían cos padriños e demais invitados, despois da cea, ao redor da casa da noiva, para dar: O padriño, tabaco e viño; e a madriña, roscas. Como adoitaban ser moitos, e de lonxe, os ruantes tocaban a pouco, así que os máis pícaros, (¡eu entre eles!), acudiamos con dúas ou tres chaquetas, e outras tantas carautas de cartón, para pasar desapercibidos en dúas, tres, ou catro roldas, segundo a liberalidade ou a potencia económica daqueles padriños!

A rúbrica destas rúas non sempre foi afortunada, pois tense dado o caso de que antigos pretendentes da moza, arroupados cos seus amigos e veciños, fixesen algunha dellada: tirar cancelas, desfacer o palleiro, darlles carne con agullas aos cadelos da casa...; ¡e incluso houbo tiroteos!
-.-

Rematar "a tiros" estas evocacións non me parece boa idea, así que lle prego ao lector que lea, "foguetes", se con iso concluímos estas festas, a súa lembranza, en paz, aínda que sexa con algo de nostalxia! ¿Tería razón Jorge Manrique naquilo seu de que, "...cualquier tiempo pasado fue mejor"?

¡Non o creo, pero todo é cousa de quitárlle-lo zume ás flores, incluso ás chorimas dos toxos e das xestas, como fan as abellas, pois con iso, a vida, coma o mel, vólvese doce!

Como vedes, eu sempre centrado en Castroverde e na súa bisbarra, por lonxe que me poñan os azares da vida.
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES