Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Indución política do sufrimento

jueves, 03 de mayo de 2018
A función política cidadán na sociedade é absolutamente necesaria. Recordemos que xa a clásica concepción aristotélica e platónica de que o home é un ZOON POLITIKON (un animal político) fundaméntase en que, pola súa propia natureza, coopera cos demais na constitución da POLIS. Pode, se queren, discutirse a definición, que, de feito, padece dun enfoque parcial; pero, na miña opinión, merece resaltar a COOPERACIÓN, que, levada a outros contextos histórico–sociais, aporta, sen dúbida, esixencias connotativas nada desprezables, se ben non sempre efectivas.

Por iso, cando oio a unha persoa dicir que ela é APOLÍTICA, o primeiro que se me ven a imaxinación é se tamén será a–moral, porque iso sono só os animais irracionais: O home é moral, ou in–moral; pero non a–moral. O apolítico viviría totalmente alleo ao mundo político, do que ninguén se pode abstraer. E se ser apolítico fora unha maneira estraña de ser político, equivalería a empeñarse en negarse a si mesmo e ignorar a propia realidade persoal, que se vai configurando en personalidade, social e politicamente, no decurso da súa vida.

Insisto en isto porque está moito máis xeneralizado do que parece, porque as mesmas persoas que se dedican á política activa, para reducir os aspirantes a competir, non son alleos a fomentar a pasividade dos cidadáns que consideran de máis valor, dentro, incluso, do partido. O que ten o poder prefire que os subordinados adopten unha condición silenciosa, se non están dispostos a despachar eloxios e adulacións. E como alguén dixo, esta actitude silenciosa, que non é apolítica, é suficiente para que as cousas non marchen ben, porque, PARA QUE TRUNFE O MAL, SÓ BASTA QUE OS BOS NON FAGAN NADA.

Se vostedes, amigos lectores, teñen a paciencia de ler unha interesante e recente publicación, froito da coordinación de D. Antonio Pineda, Jorge David Fernández Gómez e Adrián Huici, profesores da Facultade de Comunicación da Universidade de Sevilla, en Tecnos, Madrid, 2.018, encontrarán unha análise sistemática acerca de múltiples ideoloxías no contexto da cultura de masas e a súa matriz xeradora, como son os medios de comunicación, que, cunha estudada propaganda, inflúen na maneira de pensar e de concibir o mundo as persoas (Weltanschauung).

Pois aínda que profundando na nova física cuántica, a ciencia aporta perspectivas para explicar un pouco máis a realidade persoal do home, abrindo canles á comprensión de COMO o mundo físico pode constituír un soporte á actividade psíquica, non harmoniza a nosa imaxe subxectiva e a que da sentido á orde social, incluso utilizando unha rechamante tecnoloxía que se puxo ao servizo de prácticas de retrógrado matiz medieval, no ámbito socio–político da comunicación, como é o caso da MANIPULACIÓN das persoas e a indución de SUFRIMENTOS que debilitan as aspiracións competitivas polo poder, cubrindo a sociedade dun bafo de tensións de cheiro político que a inquietan e obrigan a enmascarar, mendaz e hipocritamente, ás actitudes de convivencia cidadán.

Ademais non toda a dor nin o sufrimento neste mundo os causan a enfermidade e a mesma morte, senón tamén o ter que vivir nunha sociedade pletórica de avatares nos que predominan as contradicións e os sen–sentidos dunha vida necesariamente articulada nas esferas privadas e públicas, estando á mercé das traizóns propias e alleas. Si..., a persoa tamén se traizoa a si mesma, por exemplo, cando se apaixona polo TER, e descoida o propio SER, porque a aterra a idea de que pode perder o que posúe antes de deixar de ser o que é.

Velaquí por que nunca se considera con bastantes recursos, e neste desasosego non repara en correr riscos nos comportamentos sociais (algún de actualidade, que ofreceu apetitosa carnaza ós esfameados de poder), e non desaproveita as ocasións que o poder político lle ofrece, sen decatarse de que está inducindo dor e sufrimento ós concidadáns máis indefensos. Aquí nace a corrupción, xa que esa necesidade de “ter” tensa a mesma realidade persoal, levándoa a adoptar modelos anti–sociais, máis ou menos habilidosamente disimulados.

Estudando isto o filósofo Gabriel Marcel – por suposto, en clave existencialista – ven a dicirnos que chega un momento no que só valoramos o noso “ser” polo que temos, e isto é tráxico, porque, nestes supostos, as persoas trocan as medidas axiolóxicas polas económicas. E así xorden as oligarquías que, declaradas ou non, despreocúpanse dun sector da sociedade sobre o que causan sufrimento e dor, camuflando a COOPERACIÓN con actuacións sinaladas como a defensa de intereses públicos, que sempre facilitan os propios.

Non quixera enrodelalos; pero permítanme unha pregunta, e reflexionen con ela. Acaso o Sr. Presidente dos EE.UU., Mr, Trump, non encarna unha personalidade que reúne as condicións expresadas?. Con que canons valora?. Inducen sufrimento e dor as súas aberracións políticas?. A el, para completar as esixencias deste modelo de persoas, faltáballe unha función social, que lle acada moi ben no seu oco ontolóxico individual, acorde coa súa auto–configuración persoal coa argamasa do moito que “ten” para manterse no pouco que “é”:

Parece que aínda non se decatou de que non É presidente de EE.UU., senón que só TEN a función presidencial de EE.UU, que exerce con modais carentes de sensibilidade diplomática e respecto ás diferenzas, nunha groseira linguaxe empresarial que delata o gran oco ontolóxico, tamén, da súa personalidade.

Por outra parte, empeñarnos en comprender o home só desde a técnica equivale a consideralo como unha cousa. Así a realidade persoal queda reducida a un corpo de respostas biolóxicas, e a vida, a unha serie de acontecementos encaixados no ámbito da procura do ter. Polo tanto, os políticos deberían ir cambiando de chips(1), porque xa estamos abocados a vivir nunha sociedade de ciborgs (2), na que aumentarán as relacións persoais virtuais, e a interacción cos sistemas androides ao noso gusto vai ocupar unha gran relevancia, reducindo considerablemente o desenrolo social como individuos.

As prácticas medievalistas de loita polo poder, ás que fixen referencia máis arriba, xa non serán operativas; a responsabilidade xurídica dos individuos haberá de ser revisada, porque non será nada fácil determinar cando se trata dun fallo de aplicación neuronal, ou dun acto DELIBERADO (xa os Tribunais de Xustiza, coa “Manada”, comezan a dubidar?!!), e as diferenzas entre clases sociais puideran chegar a ser difíciles de salvar en niveis funcionais: Ás corporacións que controlen as ventas de sistemas non vai ser fácil aplicarlles regulacións normativas polos mesmos gobernos. E posiblemente sobren asesores gobernativos, porque...quen se vai atrever a “discrepar” dos sistemas con Big Data, con tanta información?.

En fin..., todo un panorama sobre o que non se pode aventurar moitos xuízos de valor, porque a eficacia científico–tecnolóxica non garante unha adecuada escala de valores éticos: O futuro é un horizonte no que aínda está moi escuro ata onde o super–humanismo, ou o post–humanismo, que os dous termos están en voga, comprometerán unha deshumanización do home e da muller, na que, incluso a función maternal pode converterse nun recurso mercantil; a paternidade será un complemento tan difuso como sexa necesario, e os mesmos esquemas xenéticos poderán adecuarse ao que convén “ter”, para ben ou para mal, como persoa, manipulando os elementos que naturalmente a configuran como “ser”.

Talvez, para terminar, non estaría mal, amigos lectores, recordando a Jean Cocteau, cualificar o pesimismo que se perciba nestas liñas como unha variedade do optimismo que a esperanza albisca no futuro: Esperemos que a prea política recupere a elegancia que destila o progreso humano, limpe as tribunas desde as que enzoufa ós adversarios políticos co lixo que a embouta a ela e deixe de sementar sufrimentos dos que se fagan eco os medios, sen esquecer o que di Charles Delessert: “Únicamente os grandes homes teñen exacta noción da súa pequenez”.

(1).- Chip, placa de silicio que contén un gran número circuítos electrónicos, constituíndo un circuíto integrado. Curiosamente, en plural, chips, aplícase a patacas cortadas en liscos moi delgados. Metaforicamente , extrapólase aos circuítos cerebrais.

(2).- Ciborg, criatura composta de elementos orgánicos e dispositivos cibernéticos, que melloran as capacidades orgánicas. CI-, de CYber (cibermético) e ORGanism (organismo). En inglés.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES