Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As bondades do FB

jueves, 03 de mayo de 2018
Estaba eu tomando un café matinal, co seu correspondente zume, nunha cafetería situada na Praza Maior de Santillana del Mar, a onde adoito ir con relativa frecuencia. Era cedo, o tempo suficiente de tranquilidade auroral denantes de que xentes de aquí e de acolá, pais e nais, homes e mulleres, nenos e nenas -turismo familiar, en definitiva- comezasen a chegar coma se formasen un só corpo colectivo, ó mesmo ritmo que se move unha colmea atrás da raíña ou unha bandada de estorninos cando se organizan para se defenderen da aguia ratoneira.

Aínda non rematara eu o zume e non lle dera as derradeiras olladas ó xornal do día, cando entrou pola porta un dos propietarios da cafetería -malicio que o fillo do dono- termando un bolso pequecho de color vermello, con pinta de non ter sido moi barato, comentándolle ó resto do persoal da cafetería e ós poucos que compartiamos almorzo con eles, que viña da policía local, de avisalos por se alguén se achegaba a interesarse por aquel obxecto perdido, que quedara por riba dunhas mesas do restaurante na noite anterior e que non lle debeu dar moi boa noite á propietaria porque ademais das correspondentes tarxetas identificativas, Dni, etc., tamén gardaba as chaves dun coche.

O camareiro dáballe voltas ós miolos para tratar de conseguir algunha fórmula que lle permitira dar coa muller e poder entregarlle aquel obxecto tan persoal que semellaba queimarlle nas mans, consciente do mal que o estaría pasando sen saber onde podería dar co seu prezado bolso.

"... Y qué guapa es!" Dixo, nun momento dado, ó tempo que a alusión ó seu físico lle debeu aceder a lámpada máxica para exclamar: "Pero, como no lo pensé antes! A ver si la encuentro en facebook".

Non mo crerá, benquerido lector, pero nin un minuto sequera tardou en volver exteriorizar: "Ya está! Ya di con ella! Y si que es guapa, si!" (Polo visto a foto do Dni, aínda que amosaba certos trazos atractivos, non desvelaba nin unha faísca só do que dela dicían as fotos no muro da pantalla).

Se vostede le con relativa frecuencia esta columna saberá que non é a primeira vez que me amoso especialmente crítico coas redes sociais ou, mellor dito, co uso que lle damos nós ás redes sociais, porque elas, per se, non son máis ca unhas ferramentas e como tales ferramentas, un pode utilizar un martelo para pendurar un fermoso cadro nunha parede ou, se lle dá un arrebato, arrebolarlle o martelo ó primeiro que colla por diante porque escachou a punta dun dedo ó querer cravar o cravo.

En fin, que xa que teño sido crítico con el e que nestes últimos meses o tal Zuckenberg non ten pasado polos seus mellores momentos, quede aquí -como botón de mostra- un exemplo das bondades do facebook, malia que, non é menos certo que se o camareiro fose mala xente, nin co facebook nin sen facebook, a moza lograría rescatar o bolso nunca.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES