Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sentenzas, Fías e Ruadas (18)

martes, 01 de mayo de 2018
Función social das Casas Grandes

Ruada na cociña paceña da
Casa Grande da Olga,
solar de procedencia dos
Gómez de Berlán.

Sentenzas, Fías e Ruadas (18)
Traer a colación este debuxo do meu amigo Augusto Trillo ten por finalidade axudarlle ao lector a imaxinarse aqueles centros de reunión social, nocturna e invernal por suposto, pois, desde que o tempo permitía volver ás labores agrícolas, aquilo das ruadas adiábase automaticamente, ¡sen sesión de clausura!

Un sucedáneo tivémolo nos "teleclubs" parroquiais, de función análoga á dos libros de "F.E.N.", que por certo foron un fracaso, ¡e menos mal que algún destes locais serve, utilízase, como Centro Electoral! ¿Ían as tabernas a deixarse evaporar simplemente polo custe dun televisor, cadora máis baratos? A toda acción segue unha reacción, pero iso non o sabían, non o souberon calcular, aqueles sabios do franquismo.

A Casa da Ruada facíaas posibles se cumpría un mínimo de requisitos:

. Grande de espazos, aínda que non fose Grande por avoengo.

. A falta de cheminea, unha boa lareira. Se non tiñan luces de carburo, importaba pouco, ¡con tal de que abundase a leña!

A chegada das cociñas "Económicas", tamén chamadas "Bilbaínas", cambiou a forma de ser e de estar, pois prestábanse para xogar á brisca, pero non para os xogos das lareiras, pequenas e variadas representacións nas que tanto se tocaba a gaita como se facían xogos ou comedias improvisadas: Adiviñas, o xogo das prendas, a última copla, a última canción, o último conto, etcétera.

. Xente da casa, sociable, aberta ao trato, conversadora.

. Mesa de levante, ou similar, para a brisca, se aínda non se tiña a "económica".

. Tamén se agradecía que tivesen fonógrafo, gramófono, ou gramola; e do 1940 en adiante, que dispuxesen dun aparello de radio, así fose de galena.

Con estes mínimos, ¡ruada, parladoiro seguro!

Algunhas reitorais tamén oficiaron como casas de ruada, pero con certas limitacións en canto á franqueza e á liberdade temática. Cando a Ama se poñía a topenear, ou o Crego botaba man do seu breviario, ¡levantábase a sesión!

O rosario deixábase rezado nas casas; o gando, pensado; e os vellos pegadiños ao remol, cando non na alcoba. Despois diso, o farol de "gas", ou o fachuzo de pallas, aínda que tamén servía un tizón se había que cruzar por un saltadoiro ou paso difícil.

As mulleres, decote, coa roca, co fuso, ou coas agullas de calcetar. Os homes, coa cachimba, ou cun librillo de papel de fumar, dos de Alcoy. ¿Tabaco...? ¡Na posguerra estaba racionado, coma todo! Pero non o estaban os tróqueles, tamén chamados balocos ou estalotes, que os tiñamos en tódolos valados do noso país, pero..., o labrego nunca oíra falar da dixitalina, e aos médicos, se a coñecían, entráralles amnesia! Dirían: ¡Para o que hai que comer, e logo que está cerrada a emigración, sobra xente!

As casas da ruada, precisamente por iso, porque eran ricas e de certo consumo, cando non tiñan xastre coincidía a costureira; nun caso, ou no outro, eses "oficiais" acudían co seu séquito de aprendices, circunstancia que elevaba, que reforzaba, a animación, o atractivo, habitual da casa. Outro complemento era o periódico, que sempre ou case sempre había alguén que lese en alto algunha noticia, ¡as necroloxías eran verdadeiras!, e despois comentábase.

Esta función social das casas de ruada non era tan gratuíta como aparentaba, pois os habituais da mesma sentíanse "obrigados á casa", así que nin facía falta avisalos para que colaborasen en toda ocasión de comenencia ou de apuro, tales como cavar, gadañar, segar, mallar... Este concepto de "casa", nesta bisbarra, pero nas limítrofes, tamén, abarcaba moito: desde as paredes ás relacións sociais. A "casa", entre nosoutros, era un ente, un Ente Social, con vida propia, que por algo aínda se pon nas necrolóxicas iso de "... da Casa Tal", así sexa un alcume pexorativo, que por veces non o poñen ou transcriben ben!

Coa Guerra, as ruadas, como é lóxico, perderon animación, animación e franqueza, pero o seu aforo a menos non foi porque a soidade era tremenda, e a xente tiña ganas de informarse, de oír, de saber, de sentirse acompañada. ¡O malo do caso era que os demais acudían coa mesma apetencia, pero ninguén sabía, ninguén falaba, ninguén se atrevía a larga-los seus secretos, por nimios e intranscendentes que fosen. O retorno, a reincorporación aos fogares daqueles soldados si que foi de epopea grega: ¡Todos foran valentes, todos traían grandes fazañas que contar! ¡O retorno de Ulises! O inexplicable eran que os necesitasen tanto tempo, ¡tres anos de guerra!, sendo tan aguerridos. ¿Por qué tardaron aqueles tres anos..., se cada un deles houbese chegado a Vinaroz en..., tres días?
...

Unha anécdota daqueles parladoiros: Nunha daquelas ruadas tiñan a costureira, unha moza que pasara a Guerra en Madrid, e precisamente por vir de Madrid estaba moi solicitada..., ¡para encargarlle roupa a "estilo" de Madrid! Eu era un neno, e por tanto pasaba desapercibido, que ninguén sospeitaba que tivese un caderno na casa, unha especie de "diario", onde me dera por apuntar cantas cousas me fixesen graza na noite ou na velada do día anterior. Daquela un veciño, xa vello, de alí cerca, pretendeu acaparar a conversa coa rapaza, de tanto que quería saber, e lle preguntaba, acerca dos "madriles"; por certo, que amolando a un tal Ton, un Sarxento que viñera de permiso, e que se interesaba pola costureira en si mesma, vestidos e "madriles" á parte. Díxolle o patrucio:

-Moito me presta coincidir hoxe contigo, que me dixeron unha cousiña cousa que me trae a cabeza revolta. Díxome un soldado, pero, como menten tanto, ti vasmo confirmar, ¡ou desmentir! Díxome que en Madrid fixeron unhas toupeiras para esconderse das bombas de Franco..., polas que agora anda o tren, con raíles e todo!

- Pues le es verdad, pero no es el tren, sino el metro...; ¡el de medir, no, otro, un tren que no es tren..., porque anda con la corriente de las luces! Lo malo que tiene es que la gente va de pié, y muy apretada, así que, a poco que te descuides..., te meten mano!

O vello, un gran pícaro, escachizábase de risa:

-¡Agora entendo por qué te apartas cando se achega este Ton..., pero aquí tes remedio, que non hai metro!

O aludido, aquel Sarxento, o Ton, deulle a volta ao tema:

-Manueliña, para o que che vou cantar, non preciso achegarme. ¡Aló vai!

...
La higuera se secó, se secó,
porque tiene sus raíces fuera;
y mi chata no me quiere
porque ando de borrachera.
...


Non sei se por culpa da "borrachera", ou porque a costureira viña farta de que a "apertasen" no "metro", ligue, ligue definitivo, non houbo, que ámbolos dous morreron célibes, ¡célibes e ceibes!
..../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES