Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Emilio Xosé Ínsua López

jueves, 19 de abril de 2018
Perdoen, antes de nada, pola extensa presentación do noso amigo Emilio Xosé Insua López. Porque é tal a cantidade de traballos, conferencias, simposios, libros de texto, medios de comunicación dos que forma parte do consello de redacción (Aulas Libres, Ardentía, Revista Galega de Educación) participou en Letras de Cal, ten premios (Prados Emilio Xosé Ínsua LópezLedesma de poesía 2005 por “Acontece ás veces a ternura” -primeiramente en 1995 o poemario “Devalar das esperas”- acadou tamén o de investigación Irmandiños, 1996, Ramón Piñeiro, 2004. Con Carlos Nuevo lograron en dúas ocasións, 2003 e 2010 o “Ánxel Fole” do “Progreso”, con traballos sobre Villar Ponte e Maruja Mallo… Así mesmo publicou traballos sobre o “Mariscal” de Cabanillas e Villar Ponte (2005), “Antón Villar Ponte e a Academia” (2006), “Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo)” en 2010, “A nosa Terra é nosa” a xeira das Irmandades da Fala (1916-1931) publicado no 2016… Na Semana Santa aínda me regalou “En común temos a patria”, biografía dos irmáns Villar Ponte e “Diaz Castro, poeta en formación”(1914-1939). Colabora con artigos en periódicos como “A nosa Terra”, A “Voz de Ortigueira” e no noso“Heraldo”, onde leva amosados moitos traballos de persoeiros ilustres da vila, así como da música en Viveiro xa que foi membro da Banda de Música. Hai espalladas por Galicia moitas colaboracións en revistas diversas.

Para resumir, en aras daquelo se o bón se é breve… que prefiro remitilos a vostedes a google e alí atoparán o seu bloc “A Insua do Insua” ou se prefiren Galipedia. E digo isto, porque tanto traballo, aínda sintetizado, pode resultar moi longo. Unha máquina de ler, estudar e traballar como Emilio non a coñozo.

O primeiro que hei dicir é que me sinto moi honrado có labor que Emilio me encomenda. Non son os meus méritos outra cousa que sincera e longa amistade.

Son consciente de que unha persoa da súa valía, poidera ser presentado por persoas máis capacitadas que mín, como outro gran amigo dil, o crítico literario mindoniense Armando Requeixo, por só poñer un exemplo, persoa moi similar ó Emilio nistes traballos e polo tanto máis capacitada para iste mester que mín. Pero tamén sei que a miña admiración e loubanza do seu traballo procede dunha xa moi antiga amistade e que a miña presenza acó non é outra cousa que unha mostra de sincero agarimo. Certo é que dúbido que alguén me gane en admiración e agarimo.

Os amigos son sempre sinceros, leais, confidentes, discrepantes, respetuosos un co outro e apórtanse mutuamente un enrequecimento, no que eu saio gañando.

Nós conocímonos cando il tería uns quince anos. Recordo cómo, dónde e o por qué. Impresionoume atopar cun rapaz do que vislumbrara istas esperanzas. Desde entón mantivemos isa forte amistade que, a pesar da distancia, da idade, do meu menor bagaxe cultural, mantennos unidos cuns soños parellos para Viveiro e Galiza, sendo ambo-los dous caras dunha moeda moi común: Il vive sendo un gran carballo ou castiñeiro na terra, nisa fraga dos caciques, loitando contra iles coas armas da cultura, dun xeito pacifista, bebendo nos regatos disos clásicos e persoeiros viveireses e amosando o seus frutos nistes estupendos libros i eu, pola miña banda, son unha anduriña emigrante, paxariño tolo, que rega con sangue do seu corazón ista terra erma ¿recordaste Emilio do discurso de entrada na Academia de Antón? Levo case cuarenta e tres anos lonxe e non hai intre que non sospire por isas arelas comúns. Son paxaro que volta ó niño sempre, na procura dunha Galicia loitadora, progresista, dinámica, capaz de pensar e superar o atraso que supón estar baixo as superticións, as presións de caciques e curas, e nas máns de xente abusona, mentireira e de cativa catadura moral. Ambo-los dous somos amigos porque, aínda que discrepamos cordialmente, somos capaces de ver no outro a verdade daquelo que cremos.

Dito isto, seguirei:

Emilio naceu en Viveiro en 1967, e, despois de realiza-los estudos primarios e secundarios, marchou a Santiago para cursar a carreira de Filoloxía galego-portuxesa, na que se doctorou, a principios dos noventa, coa tese “Os irmáns Villar Ponte e As irmandades da Fala”. Tese na que acadou sobresaínte cum laude e á que tivemos a honra de asistir, amén da súa familia máis achegada, a miña dona e iste servidor. Non foi aquilo, precisamente, o máster da Cifuentes nin doutro “ilustrado” viveirés. O de ilustrado entrecomiñeino.

Permítaseme contar como anécdota como foi aquela tese doctoral. Naquela aula onde eu recibira clases noutro tempo, o noso doctorando abraiou ó tribunal cunha disertación tan magnífica, que nos deixou a todos coa boca aberta. Ata a prestixiosa catedrática Pilar García Negro tivo que calar. Hei dicir que, persoalmente, deume a sensación de que Emilio sabía máis que iles sobre o tema. Porque alí amosou uns coñecementos, unha templanza, unha seguridade, unha personalidade… e comprendín, unha vez máis, que Emilio, xa home, era ¡se neno que serve sempre para ser orgullo dos pais.

Amén disto, Emilio estudou música aproveitaba o vrau para tocar na orquesta os “Picolos” e así axudarse económicamente. Estouno vendo no palco na Zapatería cando organizábamos aquelas festas da rúa. Emilio sempre ten un vicio: Non, non son a bebida, nin as rapazas… carto no peto, libro mercado. E así era a vida diste rapaz por aqueles anos.

Hoxe, iste profesor de Lingua e Literatura galega, exerce no IES A Basella de Vilanova de Aurosa e vive en Cambados, onde fai uns anos, as librarías do pobo recoñocéronlle o labor con un sentido homenaxe. E direi, por se hai entre o publico algún morboso, que saiba que está casado con Isabel, ou Sabela, e ten dos fillos, Olaia e Santiago, que siguen o exemplo de seu pai acadando xa algúns éxitos musicais.

Iste home que vos presento, ven sendo aquel rapaciño tímido, educado e calado que me presentou a principio dos oitenta Lucho, aquel seu pai, home exemplar, de sabia palabra e sorriso retranqueiro. Hoxe o seu fillo, co gallo do seu cabodano, quer presentarvos, amén dos seus estudos sobre o fermosísimo poema da “Tola de Covas” e outros escritos de Xoan Plá y Zubirí, poeta esquecido do noso Pobo, e a quen Emilio recupera para facerlle xustiza, cousa por outra banda que fai con moita xente, quer repito, coa mesma presentar a “Biblioteca Emilio Insua García de estudos viveirenses” na honra do seu bendito pai. Biblioteca que será a palestra dos futuros libros diste creador que xa é valorado por moitos críticos e cuios méritos han servir para ser unha futura figura senlleira de Galiza. ¡Fermosísima mostra de amor filial e tamén exemplar actitude!

Quén é poeta sabe de sensibilidade! como nos amosou en dous poemas á norte de seu pai e dos que só lles leo un:

Hai un home humidemente oscuro
Inclinado sobre o labor,
O seu corpo soporta
Hora tras hora
O cansancio e o sono
Marcado para sempre no seu lombo
Coa chepa dos oprimidos
Este lume queima lentamente a vida
Na rotina da loita polo pan fresco
De cada día.
Non pode admitir un segundo de descanso
Mentras tres fillos e unha muller
Moren na toupeira consigo
Sen esa luz
Que arreo lle negan
Os de sempre.
Este home humilde,
Humildemente inclinado
Sobre o labor
É meu pai.
E eu son estirpe de sacrificados
Orgullosamente
O seu fillo.

Un só poema convirte a un home en poeta e por iso sempre lle digo que, por amor, non esqueza a poesía. Xa sabes, benquerido amigo, que hai moito decorador do ar que escriben moitas cousas sen escribir o primeiro poema. É moi loable tanta investigación como fas, pero non esquezas nunca que isa sensibilade túa é a mellor herencia de Marisa e Lucho. ¡Cánto levan loitado polos fillos! Gracias, Marisa.

E falando de poesía non sei se vostedes recordan que en Viveiro houbo unha vez o Premio de poesía “Prados Ledesma”, que Emilio ganou, na cuarta edición, con “Acontece ás veces a ternura”, -xa o dixen antes- premio do que non volvimos ter noticias. Tamén había o “Pastor Díaz” de novela. Supoño que os recortes chegaron ó Concello porque hai que paga-las facturas ou indemnizacións que deixou xa saben quen. E iso hai que dicilo claro e alto porque, se algún mérito temos para pretender ser poetas e conta-la verdade.

Dito iso, ben faría a Concellería de Cultura que, cando houbese do mar, non esquecera a dous veciños tan ilustres para que a palabra cultura, a máis de significante, teña significado.

Volvendo ó noso:

D. Antonio Prados Ledesma, ise mestre e xenial poeta lírico que moitos tivemos a sorte de disfrutar, con moito esforzo pola súa banda, é dicir poñendo cartos do peto que é como se publica a poesía, editou: “Alada voz”(1983) e “Difícil afán” (1986), pero a derradeira obra, titulada“Pasar sencillamente con un verso en los labios”, saleu á luz (2008) grazas ao labor deste Home. Os tres libros son tres auténticas xoias da Literatura castelán. Que a edición diste libro é cousa de Emilio seino ben: Resulta que Doña Remedios, a dona de D. Antonio, verdadeira impulsora da súa obra, sempre impresa en Neira, buscando o xeito de publícalo, comentoumo e preguntoume quen lle podía axudar. Eu encamiñeina a Emilio, cousa que il descoñoceu ata agora, porque era a persoa que consideraba máis axeitada para o labor. Perdoen a inmodestia de iste segredo que é casual, pero senón fose Emilio, cecais o libro rematara no caixón dos recordos. Saleu grazas ó labor e coordinación de Emilio, baixo o teórico patroado do Seminario “Terras de Viveiro”. Foron os esforzos de Doña Remedios e iste Señor os verdadeiros impulsores de tan magnífica obra. Non quixera esquecer neste intre a Carlos Nuevo, Presidente do Seminario, có que Emilio gañou os premios citados. Ambo-los dous orgullosos podedes estar de traballar arreo pola dignificación da nosa xente.

Por certo, cómpre non esquecer, porque xustiza obriga, que con Emilio non contaron polas xornadas adicadas a Maruja Mallo, non sei se se acordaron ou non. Ás veces, temos un pobo con mala memoria e exceso de protagonistas, e máis dun, valeiro de contidos. Cousa dos egos e a vanidade. Niste camiño da escrita coñócense moitas miserias.

Algún día a figura de Emilio tamén será estudada polos vindeiros investigadores e para iso cómpre dicirlles que a temática de Emilio é Galicia, como ente maior, e Viveiro como o seu niño.

A maioría da súa obra, como nos vaiamos a agora, é viveiresa, tratando de recuperar do esquecemento as figuras máis senlleiras cunha ollada, amén de crítica, garimosa. Outra das súas virtudes é o fino xeito de discrepar cos seus colegas críticos literarios, con unha cordialidade e agarimo que en nada molestan.

Pero as estrelas da súa invernía son persoiros tan ilustre como os irmáns Villar Ponte, Tobío, de quen foi verdadeiro amigo e co que recordo pasar moito tempo nisa procura de saber cousas como as vicisitudes do Estatuto galego antes da Guerra incivil; Maruja Mallo (de Viveiro tén unha retafía) e os grandes e non tan grandes da Literatura Galega: Castelao, Rosalía, Curros, Pondal, Celso Emilio, Ferrín, Novoneyra e así ata aternidade falandosó dos clásicos. ¿Cómo vou parar de contárllelo? A culpa é dil.

En varias ocasións Emilio preguntoume se en Madrid coñocera a algúns galegos interesantes da cultura galega. Contar, aínda que fosen poucos leva moito tempo, só dicir que Novoneyra viaxou no meu panda e que asistín ao homenaxe de Celso Emilio, a humanidade de Ben cho shey, Borobó ou o mesmo Dionisio… pero acó non se trata de falar de mín, senón de Emilio. E quero contarlle a il e coa mesma a vostedes que, aínda coincidindo no tempo e no espacio, de Maruja Mallo só atopei un pequerrecho libriño coa súa biografía. Eran os tempos en que coñociamos ós exilados, a Xenera ción do 27, os amores da nosa pintora con Alberti e Miguel Hernández e sobre todo o mestre da galeguidade o eteno Castelao.

Volvo a Emilio:

Emilio, políticamente é un home moi activo, xa como sindicalista (Steg), xa como integrante dunha esquerda galeguista, culta e pacíficista, na que cre con fervor e sinceridade, soña cunha Galicia federada como integrante da Europa dos pobos e traballa arreo con ise fin.

E sigo: O outro día, vendo “Fariña”, recordeime dil e o que me contaba de “Merendiñas”. Aquil referente ético da dereita. ¡Vaia prea! Pois ben, Emilio i eu tivemos a nosa época epistolar na que lle dicía que se quería ser alcalde de Viveiro tiña que cambiar de partido. Agora dígolle: Mira a que foi a Cambados o por entón Presidente da Xunta: protexer os cabrós dos narcos ¡Galicia calidade!.

Podía pasar aquí toda a tarde contando cousas de máis traballos que o noso amigo tén feito: Manuel María, Novoneyra Díaz Castro… -aínda lle hei de aclarar a anécdota do noso amigo, xa finado, o cura Carballo e o galego-, e unha pila enorme, pero vai sendo hora de calar e quero animalos a vostedes a mercar istes libros dando a miña homilde opinión:

Moitos oíramos falar do poema da Tola de Covas, mais non fun capaz de atopalo, non embargantes, iste investigador atopouno e hoxe podémolo ler, así como a biografía do autor.

Meu pai comentaba que fora mancebo na farmacia de Pepe Plá na farmacia da Praza, pero de Xoan (Juan Plá y Zubiri, 1874-1936) eu non tiña idea.

Mais, Emilio, pódelles contar a vostedes a procedencia da familia ou os destinos de seu pai. Está documentadísimo.

Pero a mín o que me interesou e resultoume moi gratificante, grazas ó seu labor, foi atopar a un autor que tén a súa obra cumbre na “Tola de Covas”.

Íso di, en castelán, de Plá, a primeiros do século pasado, o famoso crítico literario Antonio Rey Soto:

“A Tola de Covas es un poema grande por la substancia y por su aderezo. Entronca con la “Virxe d'o Cristal”, asiento y corona de Curros. Habilísimo y fácil versificador, para él no tiene dificultades el verso ni secretos la rima”.

A mín, francamente, non só me gostou senón que me pareceu certa isa afirmación de Rey Soto e disfrutei co ritmo e a facilidade para a rima do tristemente esquecido poeta viveirés. Vexamos unha estrofa:

“Sumida en noit'eterna,
Seus ollos deslustrados,
Xa nunca refrexaron as chamas d`o
Se querer…
Co seu mirar de Esfinxe,
Cal soles apagados,
Movíanse no espazo
Sin miga de alma tér”

Iso de non tér alma pola door a mín góstame moito e conmóveme a compasión con aquela rapaza tan feiticeira.

Grazas, unha vez máis, a Emilio polo seu esforzo.

E para rematar, permítanme adicarlle iste humilde poema:

A EMILIO INSUA LÓPEZ

A ver si se me entende:

Eu penso só.
Penso, dígoo e falo claro:
Vivín calado toda a vida
E para o que resta, que quede claro:
Non creo en casi nada,
Ou só un pouco, de canto me enseñaron.
Non quero ser soberbio
Nin maleducado.
Porque moi mal educa
O que te quer calado.
¿Se falan os paxaros? ,
¿Se tamén o fan os grilos?
¿Por qué hei estar calado
Si creo no que digo?
0 meu carro vai cheo
De homes moi avaros
De xente presumida,
De bobos ilustrados,
De risas moi finxidas.
E quero que se cumplan
Os soños dos escravos.
Non quero violentos,
De chufas, estou farto,
E non lles teño estima
A xente tan cativa
De misas e rosarios.
Eu quero ser poeta
Dos pobres desgraciados.
Non teño solucións,
Nin hei vivir de enganos,
Andamo-lo camiño
Na néboa dos cegados.
De dogmas tamén farto
E négome que os xefes
Se monten no meu carro.
Hai sempre moitos burros
Enchendo o decorado.
Máis o hoxe é de xustiza,
honrarche a túa dignidade.
E isas tres cousiñas
Non chas roubará naide.
Isas tres cousiñas
Non chas roubará naide.

Tres afirmacións:

Dignidade porque a tés.
Honra porque a mereces.
E xustiza porque é verdade canto digo.

Saiban, pois, que hoxe teñen a sorte de disfrutar do traballo dun futuro fillo ilustre de Viveiro. Se nón, ó tempo.

(Palabras de Ricardo Timiraos Castro en Viveiro, na presentación de Emilio Xosé Ínsua e a súa última obra o 21 de abril de 2018)
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES