Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 18 de abril de 2018
O espello do tempo

Fotos. Hai fotos que fan asomar os recordos. As fotos son o espello da memoria. Fotos que emocionan. Fotos que asombran. Fotos que fan rir. Fotos que enchen de nostalxia. As fotos son o espello do tempo. Fotos vellas. Belas fotos. Fotos en branco e negro. Fotos daqueles tempos. Daqueles nos que practicamente ninguén tiña unha cámara. As que vas atopando de rapaz foi porque alguén “do estranxeiro” chegaba á vila cunha cámara e se lle caías ben, retratábate. Fotos en cuadrilla. Fotos en familia. As fotos son o espello da lembranza. Fotos en color. Fotos nas que asoman xente que xa non está. Bagullas nos ollos. Fotos que amosan as modas dos anos 60 e 70. Fotos de bebés regordechos. Fotos de mozos melenudos. Fotos de coletas por enriba das orellas. As fotos son o espello da morriña. Fotos de xente que queres. Fotos de persoas que amas. Que amaches. Que amarás. Fotos bonitas. Fotos raras. Fotos, agora, a darlle cun sacho. Porque agora si queda todo retratado. Parece unha loucura. Pero, co tempo, esta loucura tamén será bonita. Porque amosarán o pasado, amosarán os recordos, amosarán os soños. As fotos son o espello dos anos. O espello do tempo.
Pingas de Orballo
Non entrar nin o ferro

O sol pegaba con forza sobre o palleiro de herba de Iago Vilamelle. Eran as catro da tarde cando, á sombra do palleiro, se sentou Ladislau Eslavo Imperial. Por certo, o segundo apelido deste íalle como anel ó dedo, porque Ladislau era, como se adoita chamar, un bicho, un auténtico besta de home. Era máis cadrado que alto, máis forte que fraco. Que carallo, era duro coma un penedo. A el non lle entraba nin o ferro. Tamén é certo que a súa inmensidade o facía suar a chorro. Ademais, a aquelas horas. Pero a Ladislau Eslavo Imperial non lle quedaba outra que acubillarse á sombra do palleiro. Acababa de botalo da casa a súa muller Fabia Soleta Feliz. Por unha mexericada de nada empezaron con tal barafunda que deu con Ladislau na carreira. O asombroso do asunto é que Fabia é unha cousiña de nada; pequena, fraca, miúda. Pero o carácter, ai o carácter! Que llo pregunten a Ladislau, ese home que é tan duro fisicamente que non lle entra nin o ferro. Pero hai palabras e miradas que amansan ata ó máis besta. Pasados uns bos minutos, cando xa non aguantaba máis a calor, Ladislau volveu para a casa e entrou coa cabeza gacha. Nin se dignou mirarlle á cara a Fabia. Por un se acaso.

Medir a ollo

Ben. Xa estamos aquí. Se estamos aquí é porque non estamos alá. Se o asubío do tempo penetra polo hemisferio sur é porque o barullo do momento ten que pasar á forza polo hemisferio norte. Non hai volta de folla. E non nos chamemos a engano; cando o río soa é porque auga leva. Se non levara auga, estaría seco. Por certo, hoxe, hoxe mesmo, levan todos moita auga, demasiada auga. Pero é a lei dos tempos: estamos no abril e xa sabemos, todos sabemos que en abril, augas mil. Cando chove, claro. Hai abriles nos que non chove moito. Algo ó mellor sempre chove. Ó mellor. Tampouco hai distancia entre o aquí e o alá, Pingas de Orballosinxelamente porque non a mides. Se a mediras, aínda que fose a ollo, habería que cambiar o ditado da anterior frase. Por certo, as medidas a ollo son as mellores. Oe!, non sei como facemos, pero cando medimos a ollo... cravadiño, machiño, xustiño! Somos uns heroes medindo a ollo. Se mido (a ollo, claro) o tempo que vai entre o asubío aquel das primeiras frases e o barullo, tamén das primeiras frases, sei que é algo así coma un suspiro. E un suspiro xa sabemos, todos sabemos que é pois como un amén, como un alustro. E xa está.

Homicidio na Follateira

Antigamente, ir ás feiras tiña o seu aquel. Hoxe vas en coche ou autobús e todo resolto. Pero, por exemplo, no ano 1911, ían andando e volvían tamén andando e ás tantas. E o perigo asexaba en cada recanto dos camiños e por detrás dos grandes carballos e dos gordos castiñeiros. Como o que lle aconteceu o 20 de marzo dese 1911 a Servando Feijóo, un mozo de 20 anos e veciño de Sanguñedo; que volvendo da feira de Maceda, entre as sete e as dez da noite, na compaña duns amigos e no lugar denominado A Follateira, na parroquia de Almoite, en Baños de Molgas, sorprendeuno a morte por culpa dunha arma cortante que alguén lle espetou na rexión abdominal. Ó presunto autor, ós catro días (cando un xornal galego deu a noticia do homicidio), aínda non o atoparan. Segundo os rumores, as culpas caían sobre algún dos mozos que acompañaban a Servando. Penso que son uns rumores ben fundados. O nome do lugar do asasinato xa practicamente o di todo: zona chea de carballeiras que, a esas horas, no mes de marzo, en inverno, impón moito respecto, é dicir, causa medo. Principalmente porque antigamente había máis lobos que hai hoxe. Pero todos sabemos que o animal máis lobo de todos, o máis depredador é o propio home. A proba estivo no pobre veciño de Sanguñedo. Un rapaz aínda.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES