Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ocultamentos ó redor do Quixote (I)

viernes, 14 de septiembre de 2007
Ocultamentos  redor do Quixote (I) 1. DESCOXUNTAMENTOS DO “ESPACIO / TEMPO”
(Capítulos I, II, III, IV y V)

XERALIDADES
As causas polas que Cervantes non quere lembrarse dun lugar de La Mancha poderían ser moitas e, o que é peor, ó mesmo tempo. Entre elas, a de librarse de engorrosos axustes espacio-temporais que lle traían ó pairo. Cervantes, bo conocedor do país, seguramente querría referirse a el con certo realismo pero tamén liberdade. Non estivo mal pois en principio a súa drástica eliminación de calquera “orixe de coordenadas”. Pero, ainda sen el, a mesma teimosía lóxica dos sucedidos seguíu a descoxuntar a parte máis referencial da súa credibilidad. Coma a mayor parte dos relatos, o Quixote escribíuse sen regla nin compás polo que, a actual erudición “métrica”, resulta ridícula.

ALGÚNS CÓMPUTOS
PRIMEIRA XORNADA (Venres)

O lugar de La Mancha de onde era Don Quixote está en pleno Campo de Montiel**, altiplanicie esta con vertentes suaves preferentemente situadas máis ó sur da mitade meridional da Lagoa de Ruidera, dende o núcleo Villanueva de los Infantes / Fuenllana / Montiel / Villahermosa / Cañamares / Villanueva de la Fuente etc... ata a zona perimetral algo indefinida de Albadalejo, Puebla del Príncipe, Villamanrrique, Castellar de Santiago, Torrenueva, Pozo de la Serna, Membrilla, Ruidera e Ossa de Montiel, etc..., sempre nas condicións xeomorfolóxicas e fisionómicas perfectamente recoñecibles que a denominación de Campo implican (...y comenzó a caminar por el antiguo y conocido Campo de Montiel... -y era verdad que por el caminaba-, insiste enfática e algo maliciosamente Cervantes ó narrar a primeira saída de Don Quixote polo corral da súa casa -coma se, por algunha razón, xa supoñera el que nós íamos a protestar de inmediato-)

Don Quixote saíu en busca de aventuras por primeira vez algún venres do derradeiro decenio de Xullo dun dos últimos anos do século XVI, sobre as seis da mañá (...acertó a ser viernes aquel día.../... una mañana, antes del día -que era uno de los (¿habitualmente?) calurosos del mes de Julio- /... no ha mucho tiempo que vivía un hidalgo de los de lanza en astillero. -a primeira parte do Quixote publicouse en 1605-).
Nestas condicións, coidamos que non sería moi arriscado determinar ademais o día e o ano concretos do acontecemento. Efectivamente, o conxunto intersección temporal das noites dos venres con lúa chea e máis ou menos cenital (competidora do sol) ás aproximadas horas vintetrés das últimas decenas de Xullo dos dez derradeiros anos do XVI, daría probablemente algún resultado temporal paradoxicamente preciso; demasiado para atribuirllo a don Miguel. Deixo ó arbitrio e satisfacción participativa do curioso lector -que podería facelo doadamente aplicando calquera das informatizacións astronómicas que andan por aí- a fixación dunhas datas que nada xa poden significar (Acabó de cerrar la noche con tanta claridad de luna que podía competir con el que se la prestaba).

Non fixo este primeiro día Don Quixote máis que camiñar lentamente e á deriva ata atopala a súa primeira venta -dende as seis as vintadúas horas = dezaseis horas de divagación -pouco andaría- (...gran madrugador y amigo de la caza.../...prosiguó su camino: sin llevar otro que el que su caballo quería.../...caminaba... despacio.../...anduvo todo aquel día y al anochecer su rocín y el se hallaron cansados y muertos de hambre, ...y vió no lejos del camino por donde iba una venta... (a la que) llegó a tiempo de que anochecía...).

Doutra banda, según Cervantes, a aldea de Don Quixote estaba moi cerca de El Toboso (...en un lugar muy cerca del suyo había una moza labradora...a la que vino a llamar Dulcinea del Toboso, porque era natural de El Toboso...). Pero a mínima distancia de El Toboso ó punto máis próximo dun xa xenerosamente aceptado amplo Campo de Montiel non pode ser, coma é doado comprobar, menor de cincuenta Km. (máis de dez horas de camiño). Nistas condicións, é imposible que a aldea de Don Quixote estivera próxima ó Toboso.

SEGUNDA XORNADA (Sábado)
Ó segundo día, Don Quixote saíu da Venta tamén aproximadamente as seis da mañá para volver de novo a súa casa e corrixir así algunhas imprevisións que cometera na preparación do seu viaxe (La del alba sería cuando Don Quijote salió de la Venta).

Prodúcese entón unha nova evidencia da proximidade da aldea de Don Quixote: a querencia de Rocinante (Con este pensamiento guió a Rocinante hacia su aldea el cual, casi conociendo la querencia, con tanta gana comenzó a caminar, que parecía que no ponía los pies en el suelo.../...Y al cabo de haberlo muy pensado soltó las riendas de Rocinante dejando a la voluntad del rocín la suya, el cual siguió su primer intento, que fue irse camino de su caballeriza).

Pouco despois, inda cerca da Venta, atópase don Quixote co maltratador Juan Halduldo de Quintanar de la Orden, celoso ovelleiro este que non lle quita ollo nin as ovellas nin ó seu pastor- e dicir, atópao a corenta quilómetros coma moi pouco do seu Quintanar natal, distancia esta incompatible coa vixiante asiduidade que se lle supón- (No había andado mucho cuando le pareció que...salían voces.../...el cual es tan descuidado que cada día me falta una... -dixo Haldulfo- /...este mi amo es Juan Halduldo..vecino de Quintanar...-dixo o rapaz-).

Non menos extravagante é a declaración de Sancho Panza sobre a distancia de Miguelturra a súa aldea, como mínimo a uns corenta quilómetros (...sé muy bien a Miguelturra y que no está muy lejos de mi pueblo- di o gobernador don Sancho ó labrador pedigüeño-.)

Pouco máis tarde, sempre obviamente preto da súa aldea, Cervantes sitúa sobre o camiño de Toledo a Murcia o encontro de don Quixote cuns mercaderes toledanos -camiño este que, inda que preto tamén de El Toboso, estaría contraditoriamente lonxe do flexible perímetro que lle atribuímos ó Campo e, polo tanto, da aldea base e da mesma ubicación actual do cabaleiro- (...y habiendo andado dos millas (algo más de tres quilómetros) descubrió Don Quijote un grande tropel de gente que, como después se supo, eran unos mercaderes toledanos que iban a comprar seda a Murcia).

Outra sinal de inmediatez é que, tamén moi pouco despois da tunda con que un mozo dos mercaderes deixou prostrado a don Quixote, un veciño seu, que viña de levar trigo ó muíño, recolleuno e levouno de novo prá casa onde chegaron á tardiña -as moliendas eran unha actividade case doméstica, cercana-. (...acertó a pasar por allí un labrador de su mismo lugar y vecino suyo que venía de llevar una carga de trigo al molino.../... en estas pláticas llegaron al lugar a la hora que anochecía...).

Pero, posto que, por todas estas razóns a venta tiña que estar moi cerquiña da aldea, non semella crible tampouco que un cazador consumado coma Don Quixote descoñecérala, nin que na venta tampouco o coñecesen a el.

En canto ós cómputos puramente temporais, o desta primeira saída semella ter sido ouxeto de varias rectificacións que tan piadosa coma ociosamente practicáronlle os sucesivos editores a un significativo descoido inicial de don Miguel. Porque, coma é obvio, nesta ocasión Don Quixote estivo ausente da súa casa unhas coirenta e seis horas -e non seis nin tres días coma desatentadamente se lle fai dicir á “ama” nas distintas edicións- (...y estaba diciéndole su ama a voces... seis días ha que no aparecen él, ni el rocín, ni la adarga, ni las lanzas).


CONCLUSIÓNS
Na rede “aldea de Don Quixote / Venta / El Toboso / Quintanar de la Orden / Camiño de Toledo a Murcia etc.” as distancias contradin claramente ás cronoloxías. Por engadidura, as propias cronoloxías e as distancias, cada unha pola súa parte, contradínse tamén amplamente a se mesmas. Datos doutro tipo contribúen tamén o desbaraxuste xeral ¿Que senso pode ter eiquí xa que logo a erudición? A nosa desoladora conclusión é esta: Según Cervantes, o noso Mapa Oficial de Carreteras está mal.***.


NOTAS
*Entre parénteses, tras cada pequena tese en negriña, engádense ordenadamente textos correlacionados e demostrativos do Quixote, en bastardilla.
**En Castelán, a palabra “campo” ten moitas acepcións pero entre elas interesan preferentemente as que se opoñen a “cidade” e a “monte” -e, neste derradeiro caso, tanto no senso xeomorfolóxico (por ser predominantemente chan) coma no agrícola-cultural (por non ter estes “campos” practicamente árbores e dedicarse sobre todo a cultivos de secano ou a pastos de gando menor)-. Se di ademais que Montiel era a antiga cidade celtibérica Munda (non a Munda bética) onde os romanos, ó mando de Cneo Escipión, venceron ós cartagineses e que, significando “limpa”, ben poidera corroborar a súa efectivamente nítida e cha condición infraarbórea de “campo”.
***Inda pódese ser máis lacónico. Nun libro de catrocentas páxinas que certo escritor francés dedicou “As ideas relixiosas de Voltaire” o autor remata subitamente o seu traballo así: “Voltaire non cría en Dios”. Menos mal.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES