Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vellos tan novos

viernes, 13 de abril de 2018
Les cousiñas do expresidente de Uruguai, lúcido e sensato, con declaracións asisadas e cheas de sentidiño. Don José Múgica. Les cousiñas do sociólogo e filósofo Zygmunt Bauman, escritor e profesor universitario en Inglaterra desde 1971. Pensador preocupado pola sociedade, a política, a educación.

Tan novos. Ou tan vellos e irados como os que, apenas un 30% no delirante Brexit, votaron contra os netos e o futuro europeo. Días despois apareceu xa o peor da besta parda dunha sociedade remexendo o lamazal da xenofobia. Tamén Bauman é peste polaca?

Les que aquí os nosos vellos tras a abondosa sementeira de medo votan políticas, recorda Múgica, que cegaron a vía de futuro aos máis novos. Mentres o racismo, os nacionalismos xenófobos empezan a pechar as portas da mellor Europa. Non é difícil para o poder axitar a pantasma do medo da clase media arrastrada ao precariado, ou no caso da mocidade, novo rostro da pobreza, á emigración ou ao carpe diem.

De Bauman aprendemos que a democracia está en crise porque hai un colapso de confianza nunha política coas mans atadas ante os poderes económicos. Os partidos non poden cumprir as promesas nin son capaces de pechar a fenda das desigualdades e reverter o descrédito da democracia.

Poucos pais poden prometer hoxe aos fillos un futuro mellor se non saben se mañá terán traballo, se a empresa será deslocalizada, se o seu banco será engulido por outro maior. Todo é así de volátil, ou como di Bauman, así de líquido: as certezas foron abolidas. Alicerces que termaban da sociedade, como a educación e a cultura, son tratadas como mercadorías, e iso que como valor refuxio son máis valiosas que o ouro. A cultura é un tesouro, o maior da humanidade. Permite relacionarnos e dialogar coa casa común, hoxe no bordo da insostenibilidade, pero como os tontos de Machado, confundimos valor e prezo.

Que futuro é posible se expulsamos á xente con máis talento, se non permitimos que nazan nenos, se vellos atemorizados seguen a votar as mesmas políticas, se impedimos aos máis novos, libres, heterodoxos e preparados participar na cousa pública, na reforma e mellora das institucións?

Se perdemos a confianza nos partidos, nos dirixentes estamos a sementar resentimento, terreo onde medran sentimentos totalitarios, onde aparecen demagogos oportunistas receitando o bálsamo de Fierabrás, solucións simples a problemas complexos.

Como reverter estas situacións se expulsamos das aulas os saberes humanísticos, a filosofía, todo o que axuda a pensar criticamente? O crecemento sen fin non é remedio aos males sociais, é depredación. A competitividade non é solución: afonda as desigualdades. A felicidade non está no consumo. Múgica e Bauman iluminan o camiño: vellos tan novos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES