Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O rostro do outro

jueves, 05 de abril de 2018
Nalgunha colaboración, neste mesmo medio, fixen alusións á linguaxe xestual, sobre todo en referencia á faciana das persoas. Pero non utilicei o termo ROSTRO, que recorde; evitei nelas aclaracións que nos levaran á confusión co uso especialísimo que do mesmo fai o filósofo lituano–francés Emmanuel Lévinas, na súa obra “Totalidad e infinito”.

Pretendeu este pensador fundamentar o contido da EXPERENCIA ÉTICA, para desde ela dar unha certa claridade ao sentido da vida humana. E como o fixo articulando un pensamento nada fácil, a miña escasa formación específica nesta temática aconselloume non meterme “en camisa de once varas”, se me permiten a expresión coloquial, en colaboracións nas que non era absolutamente necesario.

Dito isto, non podo escusarme de ofrecerlles algunha razón de por que agora toco algún punto dese difícil pensamento. É que penso que contrastar algúns conceptos axuda a unha mellor comprensión da linguaxe xestual na faciana das persoas, ou, cando menos, apoia a interpretación da súa expresividade, que ofrece amañadas modalidades en persoas do ámbito político, que pretenden camuflar de ofertas consensuais os que son meros compromisos con insostibles, por aberrantes, prácticas ideolóxicas.

Este filósofo define o “rostro” negativamente, polo que non é: Non se trata dun mero contido cognitivo, nin da súa constitución física, que queda entre parénteses (ollos, fronte, queixelo, etc.); e, positivamente, é expresión, na que xurde un ser que determina a outro como interlocutor, e tamén se entende como palabra e discurso, en sentido metafórico, traducidos a un poder moral cristalizado nun EU, ao que se presenta facéndoo responsable da responsabilidade do outro, ASIMETRICAMENTE. É dicir, Lévinas presenta o EU como asfixiado pola responsabilidade para co OUTRO, “nunha sorte de afogo no que o “outro” acapara case todo o osíxeno moral” – escrebe o Dr. Bello.

O “rostro”, escrebe este profesor, “non significa en Lévinas, como habitualmente ocorre, figura, forma, aparencia ou imaxe de espello”. Concíbeo así, porque cando observamos o que percibimos polos datos dos sentidos, como, por exemplo, a cor dos ollos, non estamos nunha relación social co outro, e, non obstante, a relación EU-OUTRO, xerada nesta visión do “rostro”, só é posible despregada no terreo ético, cuxo sentido busca. Pero hai que considerar aquí o “rostro” vía chamada do pobre, da viúva, do orfo e do estranxeiro, xa que eles son os portadores sociais da súa presenza no “eu”.

Aínda que todo isto é moi abstracto, penso que cabe preguntarse ata onde é posible, como efecto secundario do fundamento ético que buscou Lévinas, apoiar nel a SOLIDARIEDADE con todos os seres con rostro humano, ademais doutros temas. Seguramente a lectura da seguinte cita do libro do Dr. Bello Reguera, “La construcción ética del otro”, Ediciones Nobel, S.A., Oviedo, 1997, páx. 207, nos dea algunha luz. Di así:

“ Ao coñecerME no outro e ao compenetrarME coa situación de todos os outros, caben varias posibilidades: a primeira delas, que subsuma a súa situación na miña, co cal compréndoos, pero traéndoos á miña propia perspectiva e negando a súa, tal como parece que debería ocorrer na solidariedade rortyana(1). Unha segunda posibilidade é que me deixe subsumir a min na súa situación ou perspectiva, co cal non os comprendo, senón que me IDENTIFICO CON ELES CASE A CEGAS, como en tantas situacións nas que se impón a empatía comprensiva co outro – por exemplo, na metodoloxía histórica diltheyana (2), na de algúns antropólogos, no chamado síndrome de Estocolmo: o feito de que a vítima se pase ao campo “identificatorio” do verdugo – . E, por último, poden combinarse ambos tipos de situacións, (...)”. (As maiúsculas e chamadas ás “notas”, miñas).

Certo é, por outra parte, que non temos ningunha experiencia inmediata do que senten outros homes ou mulleres, como di algún comentarista; pero non se poden desbotar as mensaxes das linguaxes mímicas e xestuais, que teñen a maior expresividade no “rostro” humano, aquí considerado como reflexo do sentir máis íntimo, “manifestado” bastante libre das mediacións intencionais, e que talvez sexa unha maneira de encarnar, na realidade socio–política, a comprensión virtual do esquema conceptual de Lévinas, aínda que pareza unha analoxía extravagante, pero a estrutura ética non se entendería reducida a unha mera virtualidade, sen sentido práctico na sociedade.

Algúns estudosos desta temática consideran que a relación co outro, ou relación de alteridade, pode utilizarse como un medio crítico para comprender fenómenos contemporáneos, como é o caso da xenofobia, o racismo, os “fundamentalismos”, os NACIONALISMOS ÉTNICOS, etc., en referencia aos que o Dr. Bello Reguera escribe que o denominador común de todos eles parece ser algún tipo de “fracaso na relación ética co outro” ou, tamén, na “construción ética do outro”; pero agora cargando este fracaso, en certo modo, na corrente principal da ética europea, grega, cristián e moderna, porque tenden a construír ao “outro”, ou ben como algo estraño a identidade humana, ou ben como unha réplica desa mesma identidade: O colmo da xenofobia, solapada no sentimento nacionalista!.

Desafortunadamente, volve a ser Cataluña, sen excluír outros territorios, nestes tempos, un lugar tristemente privilexiado para encontrarnos con eventos socio–político–éticos exemplares do aquí exposto, moi candentes: As relacións ASIMÉTRICAS a hora de adxudicar responsabilidades ben merecen, creo, ser consideradas desde a perspectiva do pensamento de Lévinas, e a ética católica, nas mans dalgúns eclesiásticos, evidencia “algún tipo de fracaso na relación ética co OUTRO”, aínda que aquí a asimetría preséntase mediatizada por unha certa intencionalidade, cedendo á pulsión dun atávico substrato étnico sentimental, aproveitada por varias persoas que xa non a senten, pero simulan unha simpatía estratéxica interesada para dar solución a problemas persoais de rabiosa actualidade, con actitudes dispostas a priori para a incomprensión das mensaxes doutros “rostros”, que rexeitan con airada irreflexión, esgrimindo, falaz e asimetricamente, argumentos só pertinentes nos “outros”. Por iso, os selados co selo do independentismo parecen incapaces de saír do cotián, repetindo mañá o DO ETERNO ONTE, exactamente o que impide considerar os erros en forma dialogada, posto que os encadran nun simulador da súa artesanía político–xurídica, utilizado como xoguete desas atribucións asimétricas de responsabilidades, que, con asombroso paradoxo, só corresponden a eles: Entretida versión de “rostro duro e teimoso”!.

Notas:
(1).-Refírese a solidariedade proposta por R.Rorty (filósofo estadounidense), “etnocéntrica”, cuxo ámbito de difusión é “intragrupal”.
(2).- Alude a W. Dilthey, que tivo unha grande influenza na “filosofía da vida” e na “filosofía do espírito”: “Os feitos espirituais – di – no nos son dados a través de estadas conceptuais, senón dun modo real, inmediato e completo”; e aborda o proceso dunha “auto–gnosis”, cuxa explicación excede os límites deste espazo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES