Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Baños de Molgas e o pecado mortal do artigo 48 da Constitución de 1931

viernes, 30 de marzo de 2018
Baos de Molgas e o pecado mortal do artigo 48 da Constitucin de 1931 A Constitución republicana aprobárase no mes de decembro de 1931, cun artigo 48 que, entre outras cuestión di: “A ensinanza será laica, fará do traballo o eixe da súa actividade metodolóxica e inspirarase en ideas de solidariedade humana”. En virtude deste artigo, a primeiros do ano 1932, o socialista Rodolfo Llopis, director xeral de Primeira Ensinanza, envioulle unha circular ós inspectores, cuxo terceiro epígrafe proclama que a escola debe ser laica; que toda propaganda política, social, filosófica e relixiosa queda terminantemente prohibida na escola. Ou, o que é o mesmo, e falando claro, prohibíanse as clases de relixión e a presenza dos crucifixos nas escolas.

Mais non contaban con aquilo de... “con la iglesia hemos topado”. Toda España, as nais dos nenos españois, axiña se puxeron en pé de guerra. E aínda que o catolicismo popular nunca tivo en Galicia a capacidade de mobilización que puido ter en zonas como Navarra, por exemplo, e algunha testemuña de viaxeiros foráneos se sorprendía do peculiar anticlericalismo dos campesiños laicos en 1932, a forza do sindicato URD (Unión Rexional de Dereitas) tampouco era desdeñable. Polo que, na nosa Galicia, tamén houbo levantamentos e manifestacións contra o artigo 48.

E se houbo un lugar que destacou, que se puxo as pilas para crucificarse incluso neses símbolos prohibidos, foi Baños de Molgas. Como o digo! As nais, a xente da miña vila dixo basta! E puxéronse mans á obra, é dicir, a cargar coa cruz, a arrimar o ombreiro, a dar cheda.

Segundo nos conta Maribel Outeiriño na súa sección da Historia en 4 Tempos, cando os molgueses souberon que o Estado deixaba sen consignacións ós curas das parroquias, unha comisión de veciños visitou ó seu para dicirlles que eles se encargarían das súas necesidades. Ai logo! E o que aconteceu cos crucifixos da escola, seica xa foi como para rodar, hoxe, unha película ó estilo berlanguiano ou ó estilo de José Luis Cuerda. Choros dos nenos, berros das nais, insultos dos pais; armaron o demo. Aínda que non a coñecín, debuxo a miña avoa Amparo collendo da man a miña Loliña, á miña nai, e esgorxándose ante o pecado mortal dese artigo 48. Porque no ano 32, esta tiña 11 anos e imaxino que algo lle tocaría. Ó pai non creo, xa que con 13 anos, naqueles tempos, os nenos xa traballaban coma negros.

Sigo co alzamento... relixioso. Tocaron as campás a rebato como se ardera o mundo (faise o mesmo cando hai algún incendio no casco urbano) e as mulleres xuntáronse todas na praza para marchar en peregrinación a ver ó mestre. Dicían que preferían a ignorancia dos fillos antes de que lles faltara a sabedoría divina. Outro dos procedementos foi programar axiña unha procesión, co Cristo ás costas, é dicir, levando o crucifixo polas rúas da vila entre cánticos e vivas ó Redentor. Entraron co crucifixo no interior da igrexa e volveron á escola para poñelo onde estaba, imaxino que na parede.

Iso de que preferían que os seus fillos fosen ignorantes antes que laicos non era unha parvada, unha arroutada, xa que non contentos co barullo das campás, cos choros, cos berros, cos insultos e coa procesión ameazaron ós mestres (lémbrese que naqueles tempos estaban separados os nenos das nenos; que raio!, ata hai moi pouquiño) con retirar os fillos da escola. A ver!, ante todo, Deus e a Igrexa. O dito: “con la iglesia hemos topado”.

Aínda que semella que escribo un pouco a reportaxe en plan sarcástico, retranqueiro, o asunto dos crucifixos foi unha cousa moi seria. Tanto que, por exemplo, o gobernador de Navarra publicou unha nota de prensa advertindo de que os pais serían responsables da falta dos seus fillos ás escolas públicas. Relacionado con iso tamén comunicou o seguinte: “Por alentar ós nenos a que se manifesten”, detívose a seis individuos, “a un deles ocupóuselle unha porra de arame e chumbo e unha navalla cabriteira”. En diversos puntos da península metéronse multas económicas a darlle cun sacho e como a maioría das nais, principalmente, non as podían pagar, ale, á cadea, que xa non é para rir.

Non obstante, o que a min máis me chamou a atención, o que me deu pé a este Testemuñas non foi a problemática dos crucifixos en si, senón o atrevemento de todo un pobo a levantarse contra todo un poder establecido. Enténdese que, naquela época, deberían estar máis pendentes das súas labores agrícolas e, por que non, da súa ignorancia, que de alterar os estamentos gobernamentais. Por iso poida que os empurrase un chisquiño o sindicato URD. Ou non. Ás veces os molgueses somos moito molgueses. Ou, tamén, a Igrexa era, é e creo que aínda será moita Igrexa de Cristo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES