Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O queixo de San Simón

miércoles, 28 de marzo de 2018
Tamén é casualidade, ou non, que os tres produtos máis coñecidos de Vilalba sexan comestibles, o cal evidencia o traballo excelente dos nosos artesanos pero tamén, eu non o dubido, acredita a nosa devoción polos bos produtos de mesa.

O menos coñecido quizais é o Roscón de Vilalba, que en tempos se facia en todas as casas polas festas patronais do San Ramón, e se sigue facendo pero xa hai iniciativas de fabricación e comercialización de xeito industrial, solución perfecta para agasallos e degustación cando na casa un non se manexa coa pericia debida.

Polo Nadal, xa se sabe, o protagonista chámase capón, que Cunqueiro se encargou de espallar e canonizar urbi et orbe, e xa consta en Europa con todas as bendicións legais, e ademáis de resultar un excelente reclamo para Vilalba é un importante elemento económico para moitos cuidadores e cuidadoras, que nesto as mulleres tamén levan a dianteira.

E o queixo de San Simón… ese queixo amárelo, curado ao fume, que disque ten forma do peito dunha raíña, e que en tempos era produto exclusivo das máis altas terras vilalbesas de San Simón da Costa, e desde alí chega agora a toda España, e por Europa adiante, apoiado pola súa Denominación de Orixe, á que pertencen dez empresas produtoras. Un queixo de Don Crisanto, conseguiu o primeiro posto de España dos queixos de vaca madurados, no Certame do Ministerio de Agricultura, e outros dous de Cas Leiras e Catadoiro foron premiados nun certame internacional de nome en inglés para min difícil de pronunciar.

Hai en Vilalba feira anual do Queixo de San Simón, o 7 e 8 de abril, con pregón que sempre se encarga a alguén que entende disto agás o ano no que mo encargaron a min, e a actualidade obriga a facer festa porque, por primeira vez en 2017, a produción de queixo San Simón pasou de 500.000 kilos ao ano, que son xa palabras maiores.

Que os vilalbeses presumamos de cousas de comer, non é preocupante. Porque presumimos do que fan os máis espabilados dos nosos paisanos, disfrutámolo todos, e aínda podemos quedar ben diante de todos os que nos visiten e proben o que en Vilalba se produce. Que aproveite!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES