Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pois si que levamos exportado

jueves, 22 de marzo de 2018
Rin Rin e o alcume familiar que leva acompañando toda a súa vida a Manuel Vázquez, un veciño de Vilanova dos Infantes, aprendiz de zapateiro de rarpaz e músico da banda do seu pobo, coma tódolos seus irmáns, seguindo a tradición paternal, que cando chegou a eclosión industrial viguesa, como tantos outros, acabou traballando na Citröen e converténdose co tempo nun ourensán-vigués máis, de entre os milleiros e milleiros que co seu traballo na factoría automobilística, nos astaleiros ou na fábrica de Álvarez -incluso coa súa visión comercial- contribuíron a facer da cidade olívica unha cidade dinámica, moderna e industrial.

Sen deixar de manterse suxeito á cadea industrial de colocación das pezas dos coches, durante toda a súa vida soubo crear espacios cotiáns para desenvolver tamén a súa paixón musical e transformar o tamboril nunha ferramenta alternativa de vida, tocando con multitude de grupos tradicionais por aquí e por alá e chegando a promover a fundación dun grupo musical que se chamou "Muxicas" -igual ca un entrañable zapateiro vilanovés-, co que tivo ocasión de divulgar a nosa música, xa non só polos catro puntos cardinais de Galicia, senón tamén por moitos centros galegos de Europa cando os centros galegos eran espazos de galeguidade vital.

O pasado sábado, xunto con outro gaiteiro serodio, Manolo Solla, e unha parella de bailadores, Hipólito e Dosinda, foi homenaxeado no Teatro García Barbón por un colectivo sociocultural de Coruxo, recoñecendo así as súas lonxevas traxectorias no ámbito da promoción da música e da danza que nos identifican como pobo.

Foi un acto desenfadado, de rir a cachón nalgúns tramos e certamente emotivo -como non podía ser doutro xeito- para os propios homenaxeados e para os familiares e os veciños que orgullosamente os acompañamos.

E, como no podía ser doutro xeito, contou coa histriónica presencia do alcalde vigués, Abel Caballero (mira..., se parece Trump!, exclamou un mozo por tras de min, mentres subía as escaleiras do escenario saudando para atrás, tal como fai o histriónico presidente de USA cando sube as escaleiras do "Air for one"). Un home, que me dá a min que só utiliza adxectivos esaxeradamente enfáticos co único fin de enfatizarse a si mesmo.

Nun momento dado, despois de mimetizarse como protagonista dun acto ó que só acudía como convidado, ó baixar as escaleiras para retornar ó seu escano, entusiasmado, berrou: "Viva Vigo!

Mentres, eu, sabedor de que, dos catro homenaxeados, tres -o Rin Rin, de Vilanova, e a parella de bailadores, de Avión-, eran tan ourensáns como o propio García Barbón, o fundador do teatro no que nos atopabamos, dixen para min: Pois si que levamos exportado!
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES